España podería ser o país con maior esperanza de vida en 2040

Un estudo que acaba de publicar a revista The Lancet sobre a esperanza de vida e as principais causas de morte no mundo para 2040 ofrece para Galicia e España dúas caras da mesma moeda. España será, segundo as prediccións realizadas a partir de varios escenarios posibles, o país con maior esperanza de vida en 2040, adiantando a Xapón, actualmente primeiro da lista. Segundo a proxección, situarase á cabeza do planeta con 85,78 anos, por diante do país nipón, que estará en 85,71.

Ademais de España, espérase que en 2040 outras nacións suban substancialmente na súa clasificación en termos de esperanza de vida, entre eles China, Siria, Nixeria e Indonesia. En contraste, estímase que Palestina caerá máis na súa clasificación de esperanza de vida, así como Estados Unidos, Canadá, Noruega, Taiwan, Bélxica e Países Baixos.

Publicidade

O top 10

Mentres que España, Xapón, Singapur, Suíza, Portugal, Italia, Israel, Francia, Luxemburgo e Australia ocupan o top 10 das nacións con maiores esperanzas de vida, os países que ocupan os últimos lugares son Lesotho, Swazilandia, República Centroafricana e Sudáfrica.

“As desigualdades seguirán sendo grandes”, conclúe  Christopher Murray, director do Instituto de Métrica e Avaliación da Saúde (IHME) da universidade de Washington. “Nun número substancial de países, demasiadas persoas continuarán gañando ingresos relativamente baixos, seguirán tendo pouca educación e morrerán prematuramente. Pero as nacións poderían progresar máis rápido enfrontado os principais riscos, especialmente o tabaquismo e a mala alimentación”.

Publicidade

A investigación expón que a mellora das condicións de vida en moitas partes do planeta fará que todos os países experimenten polo menos un lixeiro aumento na esperanza de vida. Porén, tamén ten en conta un contexto máis pesimista, que subliña o aumento significativo de mortes debido a doenzas non transmisibles, como diabetes, EPOC ou cancro de pulmón.

Os factores que poderían aumentar a mortalidade son a hipertensión, a obesidade, a diabetes e o consumo de tabaco e alcol

“Un progreso significativo ou un estancamento dependerá de como os sistemas de saúde aborden os factores de risco específicos”, afirma  Kyle Foreman, experto do IHME e autor principal do estudo.

Segundo Foreman, os cinco principais factores que inflúen nas expectativas sobre mortalidade prematura son a presión arterial alta, o índice de masa corporal alto, un elevado nivel de azucre en sangue, o consumo de tabaco e de alcol. A contaminación do aire ocupa o sexto lugar.

Ademais, a análise expón un risco substancial de que a mortalidade por VIH ou sida repunte, o que podería supoñer un retroceso nos aumentos recentes na esperanza de vida en varias nacións do África subsahariana.

Causas de morte en España

En 2016, as 10 principais causas de morte prematura en España foron a cardiopatía isquémica, alzhéimer, cancro de pulmón, accidente  cerebrovascular, EPOC, cancro de colon e recto, cancro de mama, suicidio, outras enfermidades cardiovasculares e infeccións respiratorias baixas. Con todo, en 2040 espérase que os motivos principais sexan alzhéimer, cardiopatía isquémica, cancro de pulmón,  EPOC, cancro de colon e recto, accidente cerebrovascular, enfermidade renal crónica, outras enfermidades cardiovasculares, cancro de páncreas e diabetes.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un estudo da USC valida novos sistemas para eliminar contaminantes emerxentes nas augas residuais

A tese de Matías Rivadulla demostrou que algúns métodos innovadores permitiron eliminar máis do 90% dalgúns compostos farmacéuticos

Como detectar contaminantes na auga a través de materiais 3D: así é a solución da UDC

Investigadoras do CITENI desenvolven estruturas poliméricas que reteñen substancias nocivas e avalian a calidade do medio acuático

Un terzo da poboación galega terá máis de 65 anos en 2039

O IGE estima que dentro dunha década haberá 260 individuos que superen os 65 anos por cada 100 menores de 20

Unha aplicación da UVigo permite detectar contaminantes na auga a través do móbil

O proxecto Aquasense emprega dispositivos portátiles de baixo custo para facilitar a vixilancia ambiental en contornas con poucos recursos