Nace unha rede para protexer Compostela, o Ulla e o Tambre das “agresións medioambientais”

A rede presentarase o vindeiro día 23 cunha charla no Pazo do Faramello de Rois.
A rede presentarase o vindeiro día 23 cunha charla no Pazo do Faramello de Rois.

Nos últimos meses, varios proxectos industriais, como a mina de cobre de Touro-O Pino, e de vertedoiros e plantas de residuos na área de Santiago de Compostela espertaron a preocupación entre os cidadáns da zona. Os riscos que, segundo os afectados, supoñen estas iniciativas para o medio ambiente e a saúde da veciñanza impulsaron a creación de varias plataformas que agora se unen nunha rede e nun manifesto, Esiximos respecto, no que reclaman as Administracións autonómicas, e nomeadamente á Xunta de Galicia, a protexer aos cidadáns da “rapiña predadora de empresas foráneas sobre os nosos recursos naturais, o empobrecemento económico, a perda de poboación no rural, o aumento da contaminación ambiental” e os posibles danos na saúde dos cidadáns.

A rede denuncia a inacción da Administración ante os proxectos industriais que, ao seu xuízo, poñen en perigo o medio ambiente

A rede agrupa a entidades como Plataforma Casalonga Limpa de Residuos, Mina Touro – O Pino Non, Plataforma Pola Recuperacion Do Sar, Non aos Parques Eólicos, Asociación de Veciños de Lesta, a Plataforma de afectad@s pola destilería de Contimunde, e a Comisión de seguimento da minería e defensa do rural.

Todas estas entidades critican o cambio lexislativo en materia de medio ambiente producido a partir da Lei de fomento de implantación de iniciativas empresariais de Galicia, que facilita a tramitación de grandes proxectos empresariais no país. “Ás facilidades lexislativas hai que engadirlle a tolerancia dos nosos gobernantes cara ás empresas obviando a propia lexislación nas concesións da autorizacións, eludindo o control real das actividades autorizadas e dificultando a tramitación de denuncias por parte dos particulares ou dos diversos grupos sociais”, expón o manifesto.

Alén do proxecto mineiro de Touro-O Pino, o texto alude aos problemas coa falta de depuración das augas urbanas, en especial en Santiago de Compostela, cos problemas que isto ocasiona no río Sar, a contaminación e vertidos no complexo de Miramontes, en Grixoa, o vertedoiro de Areosa, vinculado a Sogama, os proxectos vinculados á xestión de residuos en lugares como Lesta (Ordes) e Casalonga (Teo), a destilería instalada en Rois ou os novos proxectos eólicos na comarca de Ordes.

Por todo isto, conclúe o manifesto, “pedimos que se reforme o corpo lexislativo relativo as autorizacións ambientais e a ordenación do territorio, que se cumpra coa lexislación tanto en canto as autorizacións como en canto ao seguimento das actividades autorizadas, que non se poñan trabas artificiais e mesmo ilegais aos cidadáns que denuncian os abusos e esiximos responsabilidade e, por riba de todo, esiximos respecto”.

Acto conxunto

No marco das accións da rede, as entidades que a conforman celebrarán o vindeiro martes 23 de outubro ás 20.30 horas no Pazo do Faramello, en Rois, unha charla-coloquio baixo o título “A nosa terra morre! Ímolo permitir?”.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.