Imaxe dos tecnosoles no monte de Grixoa, e pancarta nunha das casas próximas ao vertedoiro. Imaxe: Lentes Diverxentes.
Imaxe dos tecnosoles no monte de Grixoa, e pancarta nunha das casas próximas ao vertedoiro. Imaxe: Lentes Diverxentes.

Un monte de lixo tóxico ás portas de Santiago de Compostela

“Cheira que apesta”, di un cartel pendurado diante dunha casa da aldea de Miramontes, na parroquia compostelá de Grixoa, ao norte da cidade. Dependendo de como sopre o vento, veciños de varios quilómetros á redonda non poden nin abrir as ventás. A razón está no alto dun promontorio a apenas 500 metros das casas. Alí, o que empezou sendo unha canteira de áridos, recibiu autorización en 2008 para converterse en vertedoiro de lixo. E ata hai pouco era tamén unha planta de xeración de tecnosoles, uns solos artificiais elaborados a partir de materia orgánica reciclada. Un bo xeito, en principio, de reutilizar residuos. Pero parece que as cousas non se estaban facendo ben.

Imaxe do vertedoiro de lixo de Grixoa, con Santiago ao fondo. Imaxe: Google Maps.
Imaxe do vertedoiro de lixo de Grixoa, con Santiago ao fondo. Imaxe: Google Maps.

En febreiro deste ano, tras as constantes queixas dos veciños a causa dos cheiros e as presuntas irregularidades nas instalacións, o presidente da Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN), Serafín González Prieto, que tamén é Investigador Titular do CSIC, enviou un escrito a Beatriz Mato, conselleira de Medio Ambiente da Xunta.

Había un “incumprimento moi grave e reiterado” da normativa na planta de tecnosoles. O propio González formara parte da comisión de expertos que elaborou en 2008 a lexislación galega na que se indicaban as características que debían ter estes solos artificiais. E viu que os que se estaban desenvolvendo nas instalacións de Miramontes distaban moito daqueles criterios.

“É unha situación escandalosa”, denuncia o presidente da SGHN. Xa o viña denunciando a Plataforma de Afectados polo Vertedoiro de Santiago de Compostela-Miramontes, que reúne aos veciños que están ata as narices do cheiro. Coas protestas conseguiron que o Concello de Santiago e a Xunta de Galicia ordenasen a toma de mostras de tecnosoles xerados na planta. E os resultados confirmaron o que xa se ulía.

Documental realizado por Lentes Diverxentes

O escrito da SGHN menciona un total de 23 mostras (tomadas entre abril de 2016 e novembro de 2017) do que deberían ser tecnosoles adecuados á normativa autonómica. Porén, ao comprobar estas analíticas, segundo sinala Serafín González, viuse que en varias delas non se realizaran todas as comprobacións necesarias.

Entre outras eivas, González expón que na maioría das análises “non se cuantificaron os niveis de cromo hexavalente [Cr(VI)], un metal pesado moi perigoso, non se mediron os niveis de Salmonella e Escherichia Coli, nin os ensaios de toxicidade aguda en miñocas, nin os ensaios de emerxencia e crecemento de sementes de plantas terrestres”.

Metais pesados e nitratos 43 veces por riba do límite

As análises tiñan defectos, pero non só iso. Nos parámetros que si se mediron, os resultados “incumprían sistemáticamente” os requisitos que debían ter os tecnosoles, segundo o científico do CSIC. Na enumeración de neglixencias que expón a SGHN destaca, entre outros aspectos, que no 70% das mostras as analíticas expoñen concentracións “entre dúas e cinco veces por riba dos valores máximos permitidos” de metais pesados como cadmio (16 mostras), cobre (3 mostras), níquel (1 mostra), chumbo (5 mostras) e zinc (9 mostras). E por riba, no único caso no que se mediu o cromo hexavalente (15 de xuño de 2017), os niveis eran tres veces superiores ao máximo admisible.

Respecto aos nitratos, o 45% das mostras amosan tamén incumprimentos. E nunha delas, tomada o 11 de novembro do ano pasado, os niveis de nitratos en lixiviados eran 43 veces maiores, “a pesar de que levaban máis dun ano aplicados sobre o terreo, e é de supoñer que boa parte da cantidade que había ao principio xa fora arrastrada pola auga da chuvia”, aclara Serafín González”.

Hai niveis elevados de HAPs como o benzopireno, un axente carcinóxeno para os humanos

No caso dos Hidrocarburos Aromáticos Policíclicos (HAP), aparecen compostos como benzo(a)pireno (un axente carcinóxeno do Grupo 1), benzo(a)antraceno, benzo(b)fluoranteno, dibenzo(a,h)antraceno e indenol(1,2,3,c,d)pireno en niveis tamén superiores ao permitido.

O descontrol con este material percíbese tamén a simple vista. Na análise do 11 de novembro, na que se detectaron os elevadísimos niveis de nitratos, hai unha cantidade de ‘impropios‘ (mecheiros, tubaxes plásticas, cables, vidros, pilas, coitelas, cepillos de dentes, etc.) que supoñen máis dun 10% do peso total dos tecnosoles, o que supón outro incumprimento, segundo a SGHN.

Sempre segundo os datos do escrito que achega a SGHN, a empresa tamén incumpre o determinado no proxecto respecto ao espesor das capas de tecnosoles. En 8 das 10 catas realizadas por inspectores da Xunta, o espesor medio é de 172 centímetros, fronte aos 50-75 cm previstos no proxecto.

Todo isto, a apenas 200 metros de afluentes do Tambre e terreos agrícolas e a 500 metros de vivendas. Ademais dos cheiros, desde a plataforma de afectados denuncian que ao estar no alto do monte e non estar ben illados, “os supostos tecnosoles escorrentan en todas as direccións”. Invaden fincas e achéganse perigosamente aos cursos de auga. Ante a cascada de incumprimentos, Medio Ambiente suspendeu cautelarmente a comezos deste ano a autorización da planta de tecnosolos, e en febreiro, o Concello de Santiago anunciou o inicio do proceso para revogar a licenza. Por agora, esta fronte de lixo parece que parou.

Mais isto non é todo en Miramontes.

O vertedoiro

En Galicia, a sobrecarga das plantas de tratamento de residuos obrigan ás autoridades a buscar alternativas. A normativa ampara que os ocos mineiros e de canteiras se enchan con materiais inertes, que son cubertos posteriormente con terra vexetal ou tecnosoles para rexenerar o espazo. Porén, tamén cabe a opción de que se autoricen outros materiais, como amianto, lodos de depuradoras, restos orgánicos e de alimentos e rexeites doutras plantas de residuos: todos estes elementos están tamén entre o lixo de Miramontes.

“Co paso do tempo, foron autorizando novos materiais e un maior volume de lixo, e a maior parte del é biodegradable. Todo isto vén porque se está facendo unha xestión nefasta de residuos urbanos en Galicia, e nós somos vítimas disto”, denuncian desde a Plataforma.

Imaxe tomada pola Plataforma de Afectados en febreiro de 2017 que amosa as escorrentías de lixo.
Imaxe tomada pola Plataforma de Afectados en febreiro de 2017 que amosa as escorrentías de lixo.

E o problema non remata aí. “Cos datos dos que dispoñemos, e que nos pasa a propia empresa, xa vemos que están incumprindo a normativa co lixo que traen aquí. Nin sequera hai rexistro do que entra no vertedoiro”, adiantan os afectados.

Como a situación non se soluciona, a Plataforma busca outras vías legais para frear o tránsito de camións cara o vertedoiro, que nun día normal oscilan entre os 50 e 60. Amparados na ordenanza municipal, os veciños afectados defenden que, salvo que se dispoña dun permiso especial (do que a empresa que xestiona o vertedoiro carece, segundo afirman), os camións non poden circular polo camiño que leva ao lugar onde depositan o lixo. Dacordo a isto, están intentando que se lles prohíba o paso.

Críticas a Medio Ambiente

Aínda que as críticas se centran nas empresas que supostamente incumpren a normativa, tanto a Plataforma de afectados como a SGHN botan en falta un maior control por parte da Consellería de Medio Ambiente. “Por que non hai unha inspección regular nestes lugares?“, pregúntase Serafín González, que non descarta que o asunto chegue á vía penal. Ademais das responsabilidades administrativas que debería depurar a Xunta, o escrito asinado por González solicita á consellería que se “facilite toda a información que obre no seu poder á Fiscalía de Medio Ambiente para que avalíe se a actuación” da empresa responsable da planta de tecnosoles “pode constituír un delito contra a saúde das persoas e o medio ambiente punible de acordo co Código Penal”.

Por agora, segue cheirando en Grixoa.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.