Investigadores do Centro de Investigacións Forestais (CIF) de Lourizán, dependente da Consellería de Medio Rural, conseguiron confirman, a través de ensaios no laboratorio, a existencia de clons híbridos de castiñeiro que resisten á vespa Dryocosmus kuriphilus, unha especie invasora que está a danar en Galicia numerosos exemplares desta árbore. Segundo sinalan desde Medio Rural, “a identificación destes híbridos resistentes ou tolerantes é fundamental para a elección dos materiais xenéticos de reprodución en viveiro e tamén é aplicable ás novas plantacións”.
As variedades ‘Amarela’ ‘Amarelante’, ‘Garrida’, ‘Negral’ e ‘Porteliña’ toleran mellor o impacto da vespa
Desde 2015, o CIF de Lourizán traballa cun insectario-invernadoiro para traballar con pragas e avaliar a tolerancia de distintos materiais. A continuación, foron incluíndose materiais xenéticos que foron sometidos a un elevado grado de ataque mediante infestación obrigada. Despois disto, as análises amosan “que existen clons híbridos de castiñeiro resistentes ao ataque da avespa, algúns deles moi empregados no sector e que son tamén ben valorados pola súa resistencia á tinta”.
De forma paralela, desde a Xunta xa se estaba librando unha loita biolóxica contra a vespa a través do parasito Torymus sinensis, do que se soltarán ao longo deste ano case 800.000 exemplares. Este organismo impide aos insectos invasores chegar á fase de multiplicación.
A investigación dos científicos de Lourizán centrouse en 24 variedades tradicionais produtoras de castaña, e todas eran sensibles ao ataque da vespa. Porén, algunhas delas mostraron un menor nivel de infestación e, por tanto, un maior nivel de tolerancia; é o caso das variedades ‘Amarela’ ‘Amarelante’, ‘Garrida’, ‘Negral’ e ‘Porteliña’. Con todo, sinalan que as conclusións deben ser aínda confirmadas no seguinte ano de infestación e contrastadas en traballos campo.
Desde a Xunta anuncian que proximamente o CIF achegará os resultados da súa investigación nun tríptico divulgativo para que o sector poida dispoñer da información dun xeito máis detallado. O documento incluirá datos contrastados de ditas coleccións en campo, principalmente no caso das variedades tradicionais no que se está avaliando o grado de infestación na plantación da colección de variedades da que o CIF dispón en Sergude (Boqueixón).