Venres 19 Abril 2024

O primeiro grande incendio do ano, en Ribas de Sil, achégase ás 1.500 hectáreas

Dous lumes, próximos entre si, afectan tamén aos concellos de Quiroga e A Pobra do Brollón, na zona onde conflúen os ríos Lor e Sil

2021 foi un ano de relativa calma en canto aos incendios forestais en Galicia. Alén dos lumes rexistrados desde comezos de verán en Ponteceso, Rubiá, Salvaterra Folgoso do Courel ou Carballeda de Valdeorras, que calcinaron máis de 100 hectáreas, non se produciu ningún lume de grandes dimensións (considéranse grandes incendios forestais os que superan as 500 hectáreas) desde o comezo de ano. Mais o mes de setembro trouxo un voraz incendio que está a arrasar desde o luns a zona na que conflúen os ríos Lor e Sil, entre os municipios de Ribas de Sil e Quiroga, e que tamén afecta ao termo municipal da Pobra do Brollón. Boa parte da superficie afectada pertence á Rede Natura 2000, dentro do LIC Ancares-Courel.

Segundo Medio Rural, producíronse dous focos diferenciados, mais próximos entre si. O primeiro rexistrouse arredor das 21.40 horas do domingo na parroquia de Nogueira, que queimou, ata a mañá do martes, arredor de 140 hectáreas.

Publicidade

No mediodía do luns, na parroquia de Ribas de Sil, comezou outro incendio que avanzou a gran velocidade e arrasou ata o mediodía do martes, despois das últimas medicións, preto de 1.500 hectáreas, segundo confirmou a consellería. A proximidade das lapas a vivendas levou a declarar a situación 2, como medida preventiva, que quedou desactivada a primeira hora da tarde do martes. As precipitacións rexistradas nas últimas horas e os traballos de control do lume están a contribuír a frear as lapas, e as dúas frontes do lume quedaron estabilizadas, segundo destacou Medio Rural, pouco despois das 16 horas.

O dispositivo de extinción mobilizou a decenas de efectivos e recursos. Segundo Medio Rural, no lume da parroquia de Ribas de Sil traballan 7 técnicos, 17 axentes, 49 brigadas, 22 motobombas, 5 pas, 8 avións e 14 helicópteros, e ademais incorporouse na noite do luns ao martes Unidade Militar de Emerxencias (UME). No caso do incendio da parroquia de Nogueira mobilizáronse ata a mañá do martes 6 técnicos, 17 axentes, 33 brigadas, 26 motobombas, 5 pas, 7 avións e 6 helicópteros.

Gran dificultade

Segundo declararon responsables do equipo de extinción á Televisión de Galicia, o incendio é “moi complexo en canto á orografía”, xa que se atopa nunha área de pendentes moi pronunciadas e salpicadas, ademais, de núcleos de poboación que viron as lapas de preto, como Rairos, Carballo, Vilar ou Margaride de Lor, á beira do río do mesmo nome. O lume, de varios quilómetros de lonxitude en di, de quilómetros de lonxitude, viuse tamén empurrado polos ventos do sur, que superaron os 60 km/h, e as altas temperaturas acadadas nas últimas horas. Segundo a estación de MeteoGalicia en Ribas de Sil, a primeira hora da mañá xa se achegaban aos 27ºC no lugar. O conselleiro de Medio Rural, José González, incidiu en que hai evidencias de que o incendio foi intencionado, con varios focos separados por centos de metros.

Así, o lume está tamén a afectar a circulación na N-120, a principal estrada da zona, xa que as lapas discorreron durante un bo treito de forma paralela á mesma, así como outras vías secundarias. Pola zona tamén transita a vía férrea entre Monforte con Ponferrada, que tivo que ser igualmente cortada.

A estes dous incendios súmase outro en Chandrexa de Queixa, no Macizo Central Ourensán, que ata a mañá do martes afectou a 50 hectáreas. Este mediodía, Medio Rural anunciou que o lume quedaba controlado.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

As impactantes imaxes do ceo de Nova York tinguido de laranxa polos incendios en Canadá

Os aerosois que emite a queima da masa forestal dispersan a luz aínda máis, o que fai que cambie a cor do ceo

“A loita contra o lume necesita dunha nova narrativa nos centros educativos”

María Isabel Doval, investigadora da UVigo, quere desenvolver novos recursos que coloquen as escolas rurais no quilómetro cero da prevención de incendios
00:04:48

Un dron intelixente que inspecciona de noite o lume

A Escola de Enxeñaría Aeronáutica e Espazo da UVigo deseñan un dron que reforza a loita contra os incendios en condicións nocturnas

“Queremos optimizar a colocación de sensores para a detección temperá do lume”

Pablo Izquierdo é enxeñeiro da UVigo e traballa co seu equipo nun sistema que facilitaría a vixilancia dun territorio fronte aos grandes incendios