As follas caídas protexen do arrastre de cinzas nas zonas arrasadas polos incendios

Medio Rural confirma que se detectaron gromos de vexetación nalgunhas das áreas máis afectadas polos lumes do verán

O lume é un perigo. As cinzas tamén. Con preto de 40.000 hectáreas arrasadas nos incendios do verán, hai amplas zonas de Galicia cun solo desprotexido e vulnerable. Expertos e asociacións ecoloxistas urxían esta semana que se tomasen medidas para frear a erosión, posto que as chuvias poden arrastrar as cinzas dos incendios ao mar, aos ríos e aos encoros e provocar a contaminación da auga. Agora, fontes de Medio Rural confirman que xa se están a supervisar os efectos das últimas chuvias nas zonas afectadas. Aseguran, ademais, que na meirande parte das áreas arboradas, as follas caídas actúan como protección do solo e xa se están a detectar novos gromos de vexetación.

Dende a consellería engaden que os expertos do Centro de Investigación Forestal de Lourizán “revisaron todas as áreas e constataron que non se teñen producido arrastres de cinzas”. “Comprobaron, en xeral, unha baixa ou moderada severidade do lume no chan, polo que non existe un risco alto de erosión“, continúan declarando fontes de Medio Rural. Tamén confirman que os puntos de conexión entre as ladeiras afectadas polo lume e os cursos de auga conservan maioritariamente a vexetación sen queimar, “o que asegura unha atenuación dos posibles arrastres”.

Publicidade

Á espera das fortes precipitacións

Neste senso, o científico do CSIC e presidente da Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN), Serafín González, declaraba esta semana para GCiencia que os sitios queimados con máis severidade e con pendentes abruptas son os máis vulnerables. Explicaba, ademais, que as cinzas permanecen no mesmo lugar da combustión se non chove e, incluso, pode haber posibilidades de que o monte se vaia rexenerando e medrando algo de vexetación, o que podería frear o arrastre. Un escenario propicio sempre e cando non cheguen chuvias intensas.

Nas zonas máis afectadas procederase a facer un acolchado de palla para frear a erosión

De feito, González instaba, ao igual que o facía Greenpeace, a que se tomasen medidas para evitar un posible desastre ambiental. Dende Medio Rural confirman que se van levar a cabo actuacións en zonas do Courel, Valdeorras e O Barbanza, algunhas das áreas máis azoutadas polos incendios. Máis en concreto, faranse traballos de mulching ou acolchado de palla, co obxectivo de protexer as zonas máis afectadas e frear a erosión. “Na bisbarra lucense xa se comezou con eses labores, que abranguerán arredor de 106 hectáreas, fundamentalmente en valgadas e terreos da rede de drenaxe das pistas”, engaden dende a Consellería.

Publicidade

A zona do Barbanza

Amais destas zonas, unha das máis sensibles é a do Barbanza pola súa proximidade ao mar e o risco de que as cinzas cheguen a contaminar a ría. Dende Medio Rural aseguran que durante as últimas chuvias “só se atoparon sedimentos anteriores ao lume”. “Ademais, non houbo afectación aos bancos marisqueiros e constatouse que os materiais atopados son sedimentos dos propios ríos e terras de camiños, pero vaise seguir cunha avaliación permanente”, continúan declarando.

Amais destas comprobacións, fontes de Medio Rural aseguran que en agosto xa se fixeron traballos nas zonas afectadas polo lume na contorna do Barbanza, sobre todo nas áreas límites do rego de Castelo e nas do rego das Lobeiras, ao seu paso polo municipio de Ribeira. “Actuose ao longo de aproximadamente 2.600 metros nas contonas de especial sensibilidade pola proximidade cos leitos fluviais e as zonas poboadas e por contar cunhas características singulares que puidesen favorecer os arrastres das cinzas”, apuntan dende a consellería.

Outras medidas

Máis alá da confirmación destas medidas, Greenpeace reclamaba esta semana que se construíran pequenos diques nas ladeiras ou incluso nos cursos fluviais para evitar o empuxe dos restos carbonizados. En xeral, que se tomaran medidas de estabilización do solo. A este respecto, Medio Rural asegura que xa se deseñaron “barreiras de contención aproveitando a propia madeira que se atopaba nas ribeiras afectadas” e insistiu en que xa se aplicou o mulching nas áreas que así o precisaban.

A actuación nestas áreas onde o solo está tan erosionado é imprescindible para evitar a contaminación. Como lembraba González para GCiencia, no encoro das Conchas, na Limia, identificáronse hai uns anos uns hidrocarburos que podían proceder dos elementos arrastrados de terras queimadas. De igual maneira, un estudo da Universidade de Santiago de Compostela de 2007 atribuía a perda de fertilidade dos ovos da píllara das dunas ao aumento de compostos tóxicos nas rías a causa dos incendios de 2006. Polo tanto, os riscos existen, pero as solucións tamén.

Laura Filloy
Laura Filloy
Xornalista científica pola Universidade Carlos III de Madrid. Comezou a súa andaina profesional no Faro de Vigo. Con experiencia en comunicación institucional a través de Médicos sen Fronteiras e a Deputación de Pontevedra, meteuse de cheo na divulgación científica na Axencia EFE. Dende 2021 en Gciencia, onde segue a cultivar a súa paixón pola ciencia.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Dos ventos do sur aos eucaliptos vellos: os factores tras o primeiro grande incendio da tempada en Galicia

A combinación de factores no lume de Herbón-Padrón, con 350 hectáreas queimadas, confirma unha mudanza nos patróns de propagación

Así funciona a nova aplicación gratuíta para alertar dos lumes en Galicia

A Xunta presenta melloras tecnolóxicas como o lanzamento dun sistema de avisos cidadán e a incorporación de intelixencia artificial á rede de videovixilancia

Cal é o risco de incendio no teu concello? Descúbreo no novo mapa interactivo da AEMET

A ferramenta en liña combina variables meteorolóxicas con parámetros sobre o estado real do territorio para anticipar o perigo de incendios

O sueste de Ourense, entre as áreas de España con maior probabilidade de sufrir grandes lumes

Un estudo da UVigo baseado en máis de 120.000 simulacións alerta do impacto do cambio climático na evolución e intensidade dos incendios forestais