Cabo Touriñán, o faro do último solpor

O vello faro, que data de 1898, todavía segue en pé neste espectacular recanto da Costa da Morte

Touriñán marca o punto máis occidental de Galicia e o lugar de Europa que contempla o último solpor da Europa continental. Achegarse a esta pequena península, que se adentra no mar case 1 quilometro, constitúe un espectáculo para os sentidos. Entro os coídos de Balal e de Cuño, esta mole de granito ve como o océano Atlántico bate con forza contra os cantís e os veciños illotes da Ínsua e do Castelo.

A punta occidental do cabo, denominado Os Buxeirados, ofrece unha serie de laxes que penetran no mar uns 300 ou 400 metros, coñecidos como A Laxe de Buxeirados ou Baixos de Buxeirados, moi perigosa para a navegación, onde se teñen rexistrados algúns graves naufraxios.

Publicidade

Os toxos e as queiroas adornan a paisaxe, pola que discorre o Camiño dos Faros, un roteiro de máis de 200 quilómetros que une Malpica con Fisterra pola banda do mar.

O vello faro, cuxos restros podemos contemplar envoltos na ferruxe, foi inaugurado o 15 de decembro de 1898. O novo, que entrou en servizo en 1981, chega coa súa luz a 37 km dende os seus 61 metros de altitude.

Publicidade

Todos os anos, entre o 24 de marzo e o 24 de abril e dende o 18 de agosto ata o 19 de setembro, o Cabo Touriñán, en Muxía, na Costa da Morte, é o último lugar da Europa Continental no que se pon o sol. Ao longo do ano, non existe un único punto xeográfico fixo desde o que se contempla o último solpor nesta parte do planeta. Así, por mor da inclinación do eixo de rotación da terra sobre o plano da eclíptica, cinco lugares da costa atlántica europea, situados en Galicia, Portugal e Noruega, repártense esta honra. Un panel fronte ao faro explica esta circunstancia con varios gráficos.

O catedrático de Electromagnetismo na USC Jorge Mira Pérez publicou un artigo no que rastrexa a última posta de sol na Europa continental. Apareceu na revista Cartography and Geographic Information Science, incluída entre as de máis alto impacto no eido temático da Xeografía.

Xunto aos períodos nos que este último solpor se pode observar dende a terra galega, Jorge Mira sinala os outros catro emprazamentos: entre o 19 de outubro e o 21 de febreiro, o solpor da Europa continental localízase no Cabo de São Vicente en Portugal, ao que toma o relevo Cabo da Roca, tamén en territorio luso, entre o 21 de febreiro e poucos días despois do equinoccio de primavera e dende uns días antes do equinoccio de outono ata o 19 de outubro. As outras dúas localizacións destacadas son un lugar próximo a Aglapsvik, no sur continental de Tromsø (Noruega) aproximadamente do 24 de abril ao 1 de maio e do 11 ao 18 de agosto, e unha localización no municipio de Måsøy ao sur de Havøysund, tamén en Noruega (aproximadamente do 1 ao 11 de maio e do 1 ao 11 de agosto).

1 comentario

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un estudo arqueolóxico revela o papel esencial das mulleres na construción histórica do rural galego

A investigación pon de manifesto a importancia do traballo produtivo, doméstico e de coidados, así como o papel na transmisión de saberes

Unha investigación galega afonda no dó dos arroaces: que fan as nais cando morre unha cría?

Unha análise da CEMMA documenta os comportamentos das femias e identifica nos cachorros falecidos marcas asociadas ao seu acompañamento

Setembro pecha con sete mortes por afogamento en Galicia

É a cuarta comunidade autónoma con máis falecementos, só superada por Canarias, Cataluña e Andalucía

Galicia, a segunda comunidade con maior taxa de mortes atribuíbles ao consumo de alcol

O último informe do ISCIII rexistra 40 casos por cada 100.000 habitantes entre 2010 e 2021, nun podio que lidera xunto a Asturias e Ceuta e Melilla