O Monte Neme galego

Dende hai tempo vimos advertindo da promoción (directa ou indirecta) das balsas e a canteira do Monte Neme como lugar turístico por parte de particulares (instagramers ou non), prensa e incluso entidades públicas. Estes días vemos o Monte Neme moito nos medios, na maioría das ocasións facendo unha denuncia condescendente dos instagramers que se bañan alí, mentres, ao mesmo tempo, se louvan as belezas das súas augas turquesas e paisaxe exótico ou se cualifica como un paraíso. Bañarse está moi mal, din, pero engadindo na mensaxe “prohibido”, “belas augas”, “exótico” ou cualificativos semellantes e ademais dicindo que todo o mundo devece por achegarse ata alí: facendo isto acéptase e foméntase o comportamento de ir á canteira.

Hai quen vai máis alá e non de forma inocente o usa para facer chegar a súa mensaxe ou a súa promoción, sexa turística, política, persoal ou audiovisual. E así, agora temos que o Monte Neme é o “Chérnobil galego“.

Publicidade

Por que? Pois porque se acaba de estrear unha serie homónima sobre a catástrofe nuclear do 86. Primeiro fálase do Monte Neme, dando unha imaxe romántica e adornada da canteira, pasando de ser unha canteira de seixo a unha mina de volframio nazi como preámbulo para chegar a radioactividade e rematar nomeando a serie en cuestión para promocionala. E isto só é o comezo, pois parece ser que se está a rodar alí unha serie e din que en pouco tempo o Monte Neme será tendencia. Máis romaría moderna.

O problema é máis ca uns friquis bañándose, é o funcionamento das redes sociais e os medios tradicionais, e é un problema estrutural da sociedade. Porque non somos conscientes e porque se permite. Permítese dende as institucións por acción ou omisión, promocionándoo ou deixando que o problema creza por non tomar as medidas debidas que esixe a lei.

Publicidade

“O problema é máis ca uns friquis bañándose (…); é un problema estrutural da sociedade”

Tamén a propia xente común o permite. Hai xente que todo isto o considera positivo e unha oportunidade, un filón que explotar. Que veña a xente e que falen de nós, dá o mesmo que veñan ver as nosas porqueiras. Soa mal, pero é o que é, é o que lles estamos a ofrecer, e ademais, é tratar a xente de fóra de parvos. Tal turismo ofrecemos, tal turismo recibimos, aínda peor, convivimos con eles e coa situación, e pasa a formar parte da nosa imaxe e logo de nós mesmos. Nós mesmos, os de aquí, o tragamos cando somos os primeiros que recibimos estas propostas e aceptamos como boa esta situación, para acabar sendo partícipes nesta farsa convertidos en anfitrións de paisaxes alleas.

Os esforzos por dignificar e promocionar uns concellos de Carballo e Malpica como culturais, artísticos, naturais, costeiros e megalíticos quedaranse no “Chérnobil galego”. Á terra dos mil ríos e fontes, non veñen a vernos a nós, a nosa esencia e os nosos paisaxes, aos nosos monumentos milenarios e á nosa cultura, non, só veñen a ver as pozas dunha canteira, as Maldivas dos probes e fachendosos e o maldito Chérnobil.

Cal é a solución, pois? O problema require unha reflexión máis profunda: que tipo de turismo e contornas queremos para nós mesmos? Queremos un “posTurismo” ou “turismo negro” (“dark tourism”) de paisaxes degradadas alieníxenas devidas en escenarios do glamur, ou pola contra, queremos ter unha oferta verde e cultural que encaixe coa historia do noso monte e da nosa terra? Queremos un turismo orientado ao foráneo ou unha oferta para viaxeiros e propia, que nos defina e poidamos vivir e gozar nós mesmos en primeiro termo?

Quen teña a autoridade de decidir e mudar as cousas, polo menos que sexa coherente e aposte por algo abertamente, e que asuma a súa  responsabilidade. O primeiro é protexer á xente dos riscos da canteira e arranxar este perigo público coa restauración debida. Ademais debería escoitar, aceptar e incluír as propostas da cidadanía, dende a cal non deberiamos permitir que a restauración e futura actuación sexa un lavado de imaxe das malas praxes mineiras e institucionais.

Para nós, sería unha verdadeira mágoa manter a situación actual e deixar crecer a bola ou apostar directamente por un turismo de paisaxes degradadas e que nos coñeceran desa maneira. Se non tiveramos nada… quizáis, pero tendo un monte cheo de patrimonio e historia, sería unha mágoa desaproveitar a oportunidade. Cando poderíamos ser coñecidos coma o “Stonehenge galego”, ou “Monte Olimpo galego” ou, se preferides non ir tan lonxe, a “Santa Tegra bergantiñán” ou o “Monte Pindo bergantiñán”.

O Monte Neme é o “Monte Neme galego”, o monte mítico galego. Os apelidos e alcumes temos que aprender a poñelos nós mesmos.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Tres cruceiros coinciden (outra vez) no porto de Vigo: isto é o que contaminan

Colectivos ecoloxistas denuncian o desembarque de 14.000 pasaxeiros provoca un turismo de altas emisións contaminantes, equivalente a que 18 millóns de coches circulen pola cidade

Unha grande obra hidráulica bloquea o caudal do río Umia: estas son as consecuencias medioambientais

Os biólogos alertan da alteración do ecosistema por unha obra que algúns dos afectados sospeitan que pode estar ligada ao abastecemento de auga da Illa da Toxa

O caso da sentenza das Conchas: por que a Xunta volve abrir o decreto sobre nitratos da Limia?

A reapertura da consulta pública coincide co primeiro fallo do TSXG sobre o encoro e impulsa o debate para frear a contaminación da comarca

De Baiona á praia das Catedrais: o mapa das Bandeiras Negras de Galicia

Un informe de Ecoloxistas en Acción identifica seis puntos do litoral galego polos seus problemas de contaminación e mala xestión