As zonas azuis que destacan pola lonxevidade dos seus habitantes caracterízanse por hábitos de vida saudable e socialización intensa.
As zonas azuis que destacan pola lonxevidade dos seus habitantes caracterízanse por hábitos de vida saudable e socialización intensa.

O segredo da lonxevidade nas “zonas azuis”: nove razóns para vivir máis

Existen zonas do planeta (as chamadas "zonas azuis") nas que por diversas razóns, as persoas adoitan vivir máis anos que a media

*Un artigo de

As “zonas azuis” son as áreas do mundo onde as persoas viven vidas considerablemente máis longas. Nestes territorios podemos atopar octoxenarios,  nonagenarios e moitos centenarios, e mesmo algúns  supercentenarios (persoas que alcanzaron os 110 anos).

Estas rexións empezáronse a chamar “zonas azuis” cando o  demógrafo belga Michel  Poulain e o médico italiano Gianni Pes descubriron unha poboación deste tipo na rexión de  Barbaglia (Sardeña, Italia) e marcaron a área con tinta azul.

Un estudo demográfico realizado a principios deste século amosou que unha de cada 196 persoas nadas entre 1880 e 1890 alcanzou os 100 anos.

Máis tarde, o investigador estadounidense Dan Buettner embarcouse nun proxecto destinado a identificar outros lugares con altas taxas de lonxevidade. Apareceron catro rexións, que tamén se denominaron “zonas azuis”:  Okinawa (Xapón),  Icaria (Grecia), Loma Linda (California) e a Península de Nicoya (Costa Rica). En todos estes lugares hai unha alta porcentaxe de persoas lonxevas, e cada área ten as características específicas que se relacionan con esa condición.

Na rexión de Barbaglia, situada nas montañas de Sardeña, atópase a maior concentración de centenarios do mundo. A illa de Okinawa está habitada polas mulleres máis anciás da Terra.  Icaria, unha illa no Mar Exeo, ten unha poboación lonxeva cos niveis máis baixos de demencia senil. Loma Linda é o fogar dunha comunidade de Adventistas do Sétimo Día cuxa esperanza de vida é 10 anos superior á media nos Estados Unidos. E en Nicoya podemos atopar a segunda comunidade de centenarios máis grande do mundo.

Cal é o segredo das zonas azuis?

Un equipo composto por varios especialistas (médicos, antropólogos,  demógrafos,  nutricionistas, epidemiólogos) e liderado polo mesmo Dan Buettner viaxou varias veces ás diferentes zonas azuis. Identificaron nove factores xerais de lonxevidade, que están relacionados coa dieta e o estilo de vida:

1 – Actividade física

Intensa e regular no desempeño das tarefas cotiás. O sedentarismo é un concepto descoñecido para as persoas que viven nestas rexións.

2 – Ter un “ikigai”

Palabra xaponesa (Okinawa) que se usa para referirse ás “razóns de ser” ou, máis precisamente, as razóns polas que nos levantamos cada mañá.

3- Redución da tensión

Factor estreitamente unido a case todas as enfermidades relacionadas co envellecemento. Reducir a tensión significa interromper o ritmo normal da nosa rutina para dar paso a outras actividades que forman parte dos hábitos sociais normais. Por exemplo, botarse a sesta nas sociedades mediterráneas, rezar no caso dos  adventistas, celebrar a cerimonia do té das mulleres en Okinawa, etc.

4- “Hara hachi bu”

Precepto de Confucio que significa que non debemos comer ata que esteamos cheos, senón só ata o 80% da nosa capacidade.

5- Dieta

Rica en froitas, verduras e legumes. A carne, o peixe e os lácteos poden ser consumidos, pero en menores cantidades.

6- Alcol

Consumo moderado de bebidas alcohólicas, o que confirma a crenza de que os bebedores moderados viven vidas máis longas que os non bebedores.

7- Actividade

Participar en grupos sociais que promovan hábitos saudables.

8- Socialización

Participar en comunidades relixiosas con prácticas relixiosas sociais.

9- Vínculos

Construír e manter os vínculos entre os membros da propia familia: pais, irmáns, avós e outros.

En resumo, os nove factores anteriores para ter unha vida máis lonxeva poderían sintetizarse en dúas:

  1. Vida saudable. En primeiro lugar, manter un estilo de vida saudable, o que implica practicar exercicio de intensidade regular, con rutinas para “romper” coa tensión diaria, incluír principalmente produtos a base de plantas na nosa dieta, comer sen encherse e non beber en exceso.
  2. Vida en comunidade. En segundo lugar, integrarse en grupos que promovan e apoien esas “boas prácticas”: familia, comunidades relixiosas, grupos sociais, etc., grupos que deben ter o seu propio “ ikigai”, é dicir, a súa propia “razón de ser”. Hai un “ ikigai” persoal, pero tamén hai un “ ikigai” colectivo que establece os obxectivos para cada comunidade así como os desafíos que hai que superar para alcanzalos.

Vivir desta maneira significa vivir mellor e máis tempo. A lonxevidade pode estar determinada pola xenética, pero tamén é algo que se pode adestrar, como se pode ver no exemplo dos habitantes das zonas azuis.


1 comentario

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.