Non estamos cumprindo o Obxectivo de Desenvolvemento Sostible 17, e é imprescindible para lograr o resto

*Un artigo de Logo The Conversation

A magnífica triloxía da novela fantástica do Señor dos Aneis de J. R. R. Tolkien pivota sobre a loita entre o ben e o mal entre os pobos da Terra Media, cuxo devir depende dos aneis de poder: tres para os Elfos, sete para os ananos, nove para os homes, un para o señor escuro… pero só un anel pode gobernalos a todos.

Publicidade

O símil sérvenos para explicar o papel central do Obxectivo de Desenvolvemento Sostible (ODS) número 17, un sen o que non pode cumprirse o resto: o establecemento de “alianzas para lograr os obxectivos”. Os ODS, definidos no 2015 na Axenda 2030, só se poden conseguir con asociacións mundiais sólidas e cooperación para garantir que ninguén quede atrás no noso camiño cara ao desenvolvemento.

Metas do ODS17. Foto: Gumersindo Feijoo, CC BY-NC-SA

Axuda Oficial ao Desenvolvemento

Un dos mecanismos clave para conseguir con equidade as metas da Axenda 2030 é o compromiso global dos países membros da OCDE de destinar o 0,7% do seu PIB bruto á Axuda Oficial ao Desenvolvemento (AOD). Para que sexa considerada como AOD, unha axuda debe beneficiar un país elixible, ofrecer condicións favorables ao país beneficiario e ter por obxectivo o desenvolvemento económico e a mellora das condicións de vida.

Publicidade

Durante o ano 2024, último ano con datos, produciuse un descenso significativo da Axuda Oficial ao Desenvolvemento. De feito, os únicos países da OCDE que cumpriron o limiar do 0,7% foron Noruega, Luxemburgo, Suecia e Dinamarca.

Evolución da Axuda Oficial ao Desenvolvemento (% PIB) nalgúns países da OCDE para o período 2018-2024. Foto: Gumersindo Feijoo da OCDE, CC BY-SA

A capacidade de recadación de recursos financeiros debe ir parella coa máxima transparencia co uso e destino final dos mesmos. A loita contra a corrupción nos diferentes países para garantir o destino efectivo dos recursos mobilizados é un elemento determinante, debido a que mina de forma inexorable a confianza no sistema e afecta de forma fundamental á consecución dos ODS.

Existen diversos indicadores que miden este aspecto: nivel de transparencia, índice de democracia, control da corrupción, etc. Este último indicador que avalía o Banco Mundial mide a percepción do uso indebido do poder público para beneficio privado (inclúe subornos, malversación, nepotismo e outras formas de corrupción). A puntuación preséntase nunha escala que vai de -2.5 (corrupción moi alta) a +2.5 (corrupción moi baixa). Xustamente, os países con maior porcentaxe de Axuda Oficial ao Desenvolvemento son os que teñen un maior valor no control da corrupción: Dinamarca (2,376; maior valor mundial), Noruega (2,114) e Suecia (2,028).

Control da corrupción a nivel mundial no ano 2023. Foto: Gumersindo Feijoo, con datos do Banco Mundial, CC BY-SA

Acceso a Internet

A dixitalización e aplicación da intelixencia artificial (IA) é unha das revolucións tecnolóxicas cun desenvolvemento exponencial que supoñerá grandes desafíos a curto e medio prazo para a competitividade e equidade dos países. O acceso a Internet é a base da pirámide nesta nova revolución tecnolóxica da transformación dixital.

O último dato dispoñible para o ano 2024 indicaba que un 71,2% da poboación mundial era usuaria da Internet, cun grande impacto en todos os continentes con excepción da África Subsahariana. A pandemia da covid-19 supuxo unha aceleración na tendencia ascendente que se observaba desde comezos de século, destacando o grande impulso conseguido por América Latina.

Evolución do acceso a Internet a nivel mundial. Tamén se detalla a distribución xeográfica con datos do ano 2023 e 2024. Foto: Gumersindo Feijoo, con datos do Banco Mundial, CC BY-SA

Compromiso coas tecnoloxías verdes

Outro aspecto importante que marca o ODS 17 é conseguir que se promova un comercio total de tecnoloxías ecoloxicamente racionais, que inclúe tecnoloxías limpas e verdes que reduzan a contaminación e permita un uso eficiente dos recursos. O Centro de Investigación EJRC (siglas en inglés do European Joint Research Center) da Unión Europea ocúpase de publicar en acceso aberto os documentos de referencia coas mellores técnicas dispoñibles para diversos sectores:

  • “Mellor” refírese ás técnicas máis eficaces para alcanzar un alto nivel de protección do medio ambiente
  • “Técnica”: a tecnoloxía debe estar deseñada, construída e explotada.
  • “Dispoñible”: as técnicas están desenvoltas a unha escala que permita a súa aplicación no contexto do sector produtivo.

O informe publicado por Nacións Unidas en novembro de 2025 para o seguimento dos ODS en América Latina e o Caribe recolle que na década de 2010-2020 a cantidade de tecnoloxías ambientalmente racionais exportadas supuxo un volume de negocio anual constante de 40.000 millóns de dólares, mentres que as importadas mantívose nun valor superior aos 80.000 millóns de dólares.

Os sectores con maior dinamismo son as enerxías renovables (eólica e solar, fundamentalmente), a mobilidade verde (vehículos eléctricos e transporte público electrificado) e a agricultura sostible (reducir uso de auga e pesticidas).

As alianzas entre todos os países (sen excepcións) son clave para o éxito da Axenda 2030. O éxito do precedente do Protocolo de Montreal para a protección da capa de ozono debe ser o modelo para seguir. Así, desde a súa entrada en vigor no ano 1989, a decisión común internacional para controlar a concentración dos contaminantes atmosféricos causantes da destrución da capa de ozono, como os clorofluorocarburos e os hidrocarburos clorados, deu os seus froitos coa estabilización ou redución destes compostos.

A consecución dos ODS só será efectiva se existe un compromiso común e equitativo de todos os axentes nos diferentes países.


Cláusula de divulgación: Gumersindo Feijoo Costa non recibe salario, nin exerce labores de consultoría, nin posúe accións, nin recibe financiamento de ningunha compañía ou organización que poida obter beneficio deste artigo, e declarou carecer de vínculos relevantes máis aló do cargo académico citado.

Gumersindo Feijoo Costa / USC
Gumersindo Feijoo Costa / USC
Catedrático de Enxeñería Química. Centro de Excelencia CRETUS da Rede CiGUS, Universidade de Santiago de Compostela

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O que sabemos sobre o impacto dos protectores solares nos corais

A evidencia científica apunta a un risco real, pero localizado e moi inferior ás grandes ameazas que enfrontan os arrecifes. Por Antonio Figueras

Limpeza voluntaria de praias: unha actividade altruísta fundamental para conservar as nosas costas

Galicia, con 130 limpezas detectadas en redes sociais, é a comunidade que reflicte maior mobilización cidadá

Oito actuacións para mellorar a xestión do risco de incendio e protexer a poboación

O acontecido en Los Gallardos demostra que se precisa un cambio profundo na forma en que se entende e se xestiona o risco de lume

Cantas persoas morren realmente por calor?

En verán publícanse distintas cifras sobre os falecementos asociados ás altas temperaturas, pero non todas as ferramentas miden o mesmo e, en moitos casos, son estimacións