O fume dos incendios forestais destrúe a capa de ozono

Un equipo atopa a primeira evidencia científica a través da análise das reaccións químicas da estratosfera durante os lumes australianos

Imaxe aérea dos incendios australianos de novembro de 2019 observados por satélite. NASA.
Imaxe aérea dos incendios australianos de novembro de 2019 observados por satélite. NASA.

Un equipo de químicos atmosféricos liderados polo Instituto de Tecnoloxía de Massachussets (MIT, polas súas siglas en inglés) descubriu que o fume dos incendios forestais australianos que duraron de xuño de 2019 a maio de 2020 desencadearon reaccións químicas na estratosfera que contribuíron á destrución do ozono en latitudes medias do hemisferio sur, unha capa que protexe á Terra da radiación ultravioleta entrante.

Nos meses nos que tiveron lugar os lumes, máis de 23 millóns de hectáreas foron devastadas e case 3.000 millóns de animais foron desprazados. Ademais, o millón de partículas de fume que se emitiron á atmosfera excedeu os 35 km desde a superficie, unha masa e un alcance comparables aos dun volcán en erupción.

O estudo realizado, que se publicou na revista PNAS, é o primeiro que establece un vínculo químico entre o fume dos incendios forestais e o esgotamento do ozono. Segundo os expertos, esta relación inducida polo fume, que pode xerar pirocumulonimbos, é dicir, altas nubes, puido esgotar a columna de ozono nun 1%, unha cantidade equivalente á recuperación alcanzada tras os esforzos para deter a súa destrución nos últimos 10 anos.

Incendios forestais e contaminación por ozono

“É ben sabido que os incendios forestais aumentan a contaminación por ozono a nivel do chan, o cal é un efecto negativo moi perigoso para a saúde, pero a diminución do ozono na estratosfera por mor deles é un novo achado”, recalca a investigadora no departamento de Ciencias da Terra, Atmosféricas e Planetarias do MIT e autora principal do traballo, Susan Solomon. 

Ata o de agora, o principal factor de esgotamento do ozono foron os clorofluorocarbonos (CFC), uns produtos químicos como os antigos refrixerantes que se prohibiron en 1987 polo Protocolo de Montreal, aínda que seguen permanecendo na estratosfera. En Australia, estes xa destruíron ao redor do 5-8% da capa de ozono sobre esta zona. A eles súmase agora o impacto dos incendios.

Susan Solomon: “Se os futuros incendios forestais son máis fortes e frecuentes, como se prevé que ocorra co cambio climático, a recuperación prevista do ozono podería atrasarse anos”

“Se os futuros incendios forestais son máis fortes e frecuentes, como se prevé que ocorra co cambio climático, a recuperación prevista do ozono podería atrasarse anos agora que o mundo deixou de producir substancias químicas de clorofluorocarbono”, alerta Solomon. En marzo de 2020, pouco despois de que os incendios empezasen a diminuír, o grupo observou un forte descenso do dióxido de nitróxeno (NO2) na estratosfera, que é o primeiro paso dunha fervenza química que esgota o ozono. Os investigadores descubriron que este descenso de NO2 está directamente relacionado coa cantidade de fume que os incendios liberaron na estratosfera.

Xa en 2021, Pengfei Yu, da Universidade de Jinan en China e coautor deste traballo, analizou noutro estudo o impacto dos incendios e descubriu que o fume acumulado quentara partes da estratosfera ata 2ºC, un quecemento que persistiu durante seis meses. A investigación tamén atopou indicios de destrución do ozono no hemisferio sur tras os incendios.

Un proceso químico prexudicial

A investigadora Susan Solomon preguntouse entón se o fume podería esgotar o ozono mediante unha química similar á dos aerosois volcánicos. Estas grandes erupcións tamén poden chegar á estratosfera. En 1989, a científica descubriu que estas partículas volcánicas poden destruír o ozono mediante unha serie de reaccións químicas, sobre todo cando acumulan humidade na súa superficie e reaccionan coas substancias químicas que circulan na estratosfera.

No novo estudo os investigadores constataron que estas partículas de fume parecían estar molladas: conseguiron absorber auga, xunto con compostos orgánicos xerados polo incendio como a acetona e o formaldehído. “A auga nas partículas diminuíu a concentración de dióxido de nitróxeno na estratosfera. Como este é un neutralizador do cloro dos clorofluorocarbonos (especialmente o monóxido de cloro), houbo menos dióxido de nitróxeno e máis perda de ozono”, detallaba Solomon á Agencia SINC.

As medicións

Para comprobar este efecto, utilizaron tres instrumentos de satélite independentes e analizaron as observacións do dióxido de nitróxeno no hemisferio sur nos meses anteriores e posteriores aos desastres. As medicións nos distintos aparellos mostraron o mesmo: “Grandes diminucións de dióxido de nitróxeno no fume, tan grande que a cantidade de NO2 sobre Australia foi a máis baixa dos últimos 20 anos”, apunta a experta.

“É a primeira vez que a ciencia establece un mecanismo químico que relaciona o fume dos incendios forestais co esgotamento do ozono, pode que só sexa un mecanismo químico entre moitos outros, pero está claramente aí”, subliña Solomon. Agora, o equipo está a estudar outras reaccións desencadeadas polo fume dos incendios forestais que poderían contribuír aínda máis á destrución do ozono, xa que cada porcentaxe diminuída da capa de ozono provoca un aumento do 2% do cancro de pel. “A diminución do ozono tamén aumenta as cataratas nos seres humanos e, por suposto, tamén pode afectar as plantas e os animais”, conclúe a científica.


Referencia: On the stratospheric chemistry of midlatitude wildfire smoke (Publicado en PNAS)

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.