Sábado 20 Abril 2024

Unha tese confirma a desnutrición como factor de risco na cirurxía colorrectal

A investigación revela que as medidas de control nutricional e a suplementación poderían reducir as complicacións e mellorar a evolución dos pacientes

As medidas de control nutricional diminúen o risco de complicacións e aumentan a seguridade do paciente que vai ser sometido a unha cirurxía por cancro colorrectal, un dos máis comúns e cuxa incidencia vai en aumento. Así o conclúe a cirurxiá da Unidade de Coloproctoloxía do Hospital de Montecelo e investigadora da Universidade de Vigo Erica Barreiro na súa tese de doutoramento, unha investigación na que se achegan evidencias sólidas para recomendar que o diagnóstico e soporte nutricional sexan incorporados á práctica clínica habitual das unidades de coloproctoloxía.

O estudo, dirixido polo profesor Federico Mallo, responsable do Laboratorio de Endocrinoloxía do Centro de Investigacións Biomédicas da Universidade de Vigo, e a doutora Raquel Sánchez, presidenta da Sociedade Española de Cirurxía Bariátrica e Enfermidades Metabólicas e xefa de servizo no Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo, pon de manifesto que, a pesar das recomendacións da maioría das sociedades científicas, a avaliación nutricional dos pacientes que van ser sometidos a este tipo de cirurxía aínda non está implantada na práctica clínica diaria de moitos servizos cirúrxicos, pese a que é unha estratexia que se demostrou moi positiva e debería xa formar parte da práctica clínica habitual.

Publicidade

“Canto antes detectemos a desnutrición antes poderemos intervir”

“Canto antes detectemos a desnutrición antes poderemos intervir sobre a mesma e preparar o noso paciente de cara a cirurxía, conseguindo así mellores resultados”, explica a autora da tese, ao que engade que, ademais, “si como é o noso caso”, que traballan nunha unidade de coloproctoloxía, o perfil máis frecuente é o paciente oncolóxico, un grupo con maior risco de deficiencias nutricionais, “aínda se fai máis necesario contar con información continuada sobre o seu estado nutricional, o que terá repercusión non só nos resultados tras a intervención cirúrxica, senón nos efectos secundarios e na eficacia de tratamentos como a quimioterapia e radioterapia”, recalca Barreiro.

“O paciente malnutrido ten un maior risco de presentar complicacións infecciosas”

O estudo partiu da hipótese de que a desnutrición afecta as persoas que van ser sometidas a cirurxía por cancro colorrectal. “O paciente malnutrido ten un maior risco de presentar complicacións infecciosas, mala cicatrización das feridas e, en xeral, unha peor evolución que o paciente cun estado nutricional correcto”, salienta a investigadora, facendo así fincapé na importancia de identificar desde a consulta, “mediante un cribado nutricional”, os pacientes en risco de desnutrición, así como facer un seguimento nutricional estreito durante o posoperatorio.

Analizáronse preto de 400 pacientes, a metade con factores de risco

Analizáronse en total 382 pacientes sometidos a este tipo de intervención e demostraron, por unha banda, que a cirurxía supón un grande estrés para o organismo, afectando negativamente ao estado nutricional e, pola outra, que os pacientes que chegan á cirurxía cun estado nutricional deteriorado presentan máis complicacións e unha peor evolución posoperatoria.

Baseándose no Índice de Masa Corporal observouse que moi poucos pacientes chegaron á consulta con cifras de baixo peso e só catro casos presentaron un IMC por debaixo de 18,5 Kg/m2 e, por tanto, estaban en risco de desnutrición. De feito, algo máis da metade dos pacientes presentaba sobrepeso e un 34,6% -132 casos- un IMC superior a 30, situándose no rango de obesidade. “Pero a desnutrición non pode avaliarse só tendo en conta o IMC, senón que debemos avaliala conxuntamente con diferentes indicadores”, salienta a facultativa, quen explica que os parámetros analíticos máis recomendados para avaliar a desnutrición son a albumina, transferrina e prealbumina, que se atopan en menor concentración nos pacientes desnutridos.

Máis de 240 pacientes tiñan alterado algún dos indicadores de risco

Considerando os distintos factores de risco de desnutrición, puido comprobarse que 242 pacientes tiñan alterado algún dos indicadores de risco, o que supón un 43,2% dos pacientes. “Isto demostra que é unha falsa crenza que os pacientes con cancro colorrectal, ao non presentar un adelgazamento evidente como o que se observa en pacientes con cancro de páncreas ou estómago, non están desnutridos”, apunta a autora da tese, ao que engade que tamén se observou que a cardiopatía e a idade –sobre todo maior de 75 anos- son factores de risco de presentar desnutrición, mentres que a diabetes resultou ser un factor protector.

A inmunonutrición axuda de xeito claro á recuperación

Respecto á valoración do efecto da cirurxía, puido comprobarse o impacto negativo da intervención sobre o estado nutricional, “polo que é importante corrixir a desnutrición antes da intervención, pero tamén avaliala e corrixila despois da mesma”. Nesta liña, Barreiro destaca que “canto máis desnutrido está o paciente no preoperatorio máis risco ten de estalo no posoperatorio”.

Dada a relevancia desta cuestión a investigación incluíu a valoración do emprego de suplementos de inmunonutrición, que achegan ácidos graxos omega 3, nucleótidos, arxinina… e que teñen importantes funcións á hora de mellorar a inmunidade e o proceso de cicatrización. Finalmente, ao analizar as complicacións en función de se o paciente recibiu ou non este tipo de achega, constatouse de xeito claro que os pacientes suplementados tiveron menos complicacións e, en consecuencia, as súas estancias hospitalarias foron en xeral máis curtas. “O emprego deste tipo de suplementos deu excelentes resultados e é algo que xa se empeza a recomendar tamén nas últimas guías RICA de Recuperación intensificada en cirurxía abdominal”, subliña a doutora.


Podes ler a noticia do DUVI na seguinte ligazón.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O festival CinVigo volve esta fin de semana á Porta do Sol con ciencia e diversión

A programación do CINBIO inclúe unha feira científica, obradoiros infantís, unha xincana, maxia e espectáculos

Un proxecto da UVigo sérvese da IA para mellorar a detección de cancro colorrectal

A rede AI4PolypNet está formada por oito grupos de investigación de Galicia, Estremadura, País Vasco e Cataluña

Un equipo de atlanTTic deseña antenas innovadoras para satélites xeoestacionarios

O proxecto da UVigo busca unha redución na masa e o volume da tecnoloxía, así como diminuír os custos

Un equipo da UVigo analiza en alta resolución o transporte de humidade no Atlántico norte

O grupo EphysLab investiga como se altera o ciclo hidrolóxico na rexión oceánica por procesos relacionados co cambio climático