Algúns boatos na rede aluden ao descontrol na sanidade animal como causa da propagación do coronavirus. Fonte: Shutterstock / Crystal Eye Studio.
Algúns boatos na rede aluden ao descontrol na sanidade animal como causa da propagación do coronavirus. Fonte: Shutterstock / Crystal Eye Studio.

Morcegos, serpes, civetas… Pero de onde saíu o coronavirus?

No medio da alarma internacional e os boatos, os científicos pescudan a orixe da doenza para saber como enfrentarse mellor a ela

*Un artigo de

A aparición en China dun brote de pneumonía provocado por un coronavirus (2019- nCoV) é un desafío para os virólogos, que emprenderon unha carreira contrarreloxo para obter máis datos sobre a secuencia xenética, a epidemioloxía e a propagación do patóxeno.

A pregunta máis urxente é determinar como se propaga. O seguimento en tempo real da velocidade á que aparecen os novos casos, así como saber cando comezaron os síntomas para cada un deles, son os sinais que indican aos expertos a facilidade coa que o virus pode circular entre humanos e saber se o brote ten o potencial de persistir.

Cada virus ten un método distinto de transmisión. Entre estes atópanse os vectores de transmisión, que son outros organismos que os transmiten entre portadores. Os virus animais adoitan propagarse de vertebrado a vertebrado por medio de insectos hematófagos.

Os coronavirus son unha familia de 39 virus. Algúns causan enfermidades nas persoas, mentres que outros infectan animais como camélidos (MERS), felinos e morcegos (SARS).

As claves do novo virus nado en China que preocupa á OMS

En casos raros, os coronavirus de animais poden evolucionar para infectar ás persoas e logo propagarse entre elas por vía aérea (vía esbirros ou tose). Tamén se poden transmitir por obxectos ou substancias que acaban de contaminarse, como ocorre co virus da gripe e co MERS, cuxa vía de infección foi, probablemente, a inxesta de leite cru de camélidos pouco despois da muxidura.

Aínda se descoñecen moitos detalles do 2019- nCoV, pero un comunicado da OMS suxire que un animal é a fonte primaria deste novo brote. A pesar disto, a Comisión Nacional de Saúde de China confirmou que algúns casos foron causados pola transmisión directa entre humanos (como aconteceu cos seus dous antecesores), pero aínda non está claro se esa é a norma habitual.

De onde procede o virus?

Os expertos están a traballar coa hipótese de que o virus se orixinou nun animal ou animais non identificados, e logo propagouse aos humanos nun gran mercado de alimentos en Wuhan.

Nese mercado de abastos, agora clausurado, véndense animais salvaxes para o consumo, como serpes. Nun artigo publicado por virólogos chineses o pasado 22 de xaneiro os primeiros animais sinalados como fonte primaria foron precisamente eses réptiles.

Cobra chinesa, unha das primeiras especies sospeitosas de ser portadora do virus. Foto: Thomas Brown, CC BY.
Cobra chinesa, unha das primeiras especies sospeitosas de ser portadora do virus. Foto: Thomas Brown, CC BY.

O estudo analizou a secuencia xenética do novo virus e comparouno coas secuencias xenéticas doutros máis de douscentos coronavirus de todo o mundo que infectan a varios animais. Consideraron varios hóspedes potenciais como marmotas, pangolíns ourizos, morcegos, paxaros, humanos e serpes.

Concluíron que o 2019-nCoV puido utilizar como residente a dúas serpes comúns no sueste da China, a krait pluribanda (Bungarus multicinctus) ou a cobra chinesa Naja atra, ambas as comercializadas no mercado de abastos de Wujan.

Con todo, esta teoría parece a día de hoxe descartada. Outros científicos din que non hai probas de que estes coronavirus poidan infectar a especies que non sexan mamíferos. Os antecedentes aválanos.

A finais de 2002 comezaron a aparecer casos dunha enfermidade parecida á pneumonía en Guangdong, no sueste de China. A enfermidade, denominada SARS, desencadeou unha emerxencia mundial a medida que se estendeu por todo o mundo en 2003. Miles de persoas foron infectadas.

Os científicos chineses identificaron unha cepa de coronavirus como posible culpable e atoparon virus xeneticamente similares en civetas de palma (Paguma larvata), uns mamíferos parecidos ás nosas xenetas, que se vendían nos mercados de abastos de Guangdong.

Paguma, especie de civeta portadora do virus do SARS. Foto: Rushenb, CC BY.
Paguma, especie de civeta portadora do virus do SARS. Foto: Rushenb, CC BY.

Máis tarde, explorando no interior de covas, os cazadores de virus atoparon un gran número de coronavirus relacionados co SARS en morcegos de ferradura Rhinolophus sinicus, o que fixo pensar que a cepa probablemente se orixinou nestes mamíferos e logo pasou ás civetas antes de chegar aos humanos.

Por iso, os virólogos do Instituto Pasteur de Xangai que en 2017 identificaron virus relacionados co SARS nos morcegos das covas téñeno claro. Os virus SARS e 2019-nCoV forman parte dun subgrupo de catro virus coñecidos como betacoronavirus. Os traballos de campo levado a cabo a raíz do brote do SARS 2002–03 por estes e outros virólogos só detectaron este tipo de virus en mamíferos.

Que nos di o xenoma do virus?

A secuenciación xenética do coronavirus de Wuhan ofrece pistas sobre as súas orixes e propagación. Unha análise filoxenética de once desas cepas publicado o pasado 20 de xaneiro mostrou pouca diversidade xenética entre elas. Isto suxire que o devanceiro común das diferentes cepas do 2019-nCoV atopadas en humanos xurdiu en novembro ou decembro (cando apareceron os primeiros casos) e estendeuse rapidamente, sen sufrir moitas alteracións. Con todo, os xenomas aínda non indican se a rápida expansión do virus tivo lugar en humanos ou nun reservorio animal intermedio.

Os datos dispoñibles non permiten determinar se o devanceiro recente máis común dos casos estudados estaba nun humano ou nun animal. Polo momento, os datos filoxenéticos suxiren que o salto desde animais ocorreu pouco antes dos primeiros casos identificados en humanos. Se ocorreron múltiples saltos zoonóticos, estes non procedían dun reservorio de virus xeneticamente diverso.

Isto suxire que o virus se establecera recentemente na fonte non humana ou que os pacientes humanos iniciais estiveran expostos a unha fonte animal cuxa poboación de virus era xeneticamente limitada. Esto podería ser así se un ou máis animais infectados fose levado ata Wuhan desde outro lugar.

Con máis secuencias víricas sería posible pescudar se a maioría dos casos son causados pola propagación repetida do virus de animais a humanos, cunha transmisión limitada de persoa a persoa; ou se, pola contra, o virus propagouse a un pequeno número de humanos e a maioría dos casos están a ser causados por unha transmisión secundaria directa de humano a humano.

Indagalo é o gran obxectivo epidemiolóxico nestes confusos momentos nos que a globalización das comunicacións rema a favor dunha posible transmisión humana directa e xeneralizada.


Manuel Peinado Lorca é catedrático de Bioloxía na Universidad de Alcalá de Henares, e investigador do departamento de Ciencias da Vida e o Instituto Franklin de Estudos Norteamericanos.

* Cláusula de divulgación: É tamén responsable do Grupo Federal de Biodiversidade do PSOE.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.