Publicidade

Covid-19: o dilema diabólico entre salvar a bolsa ou a vida

* Un artigo de

O virus SARS-Cov-2 acabará chegando a todo o mundo… ata que, con sorte, haxa tantas persoas inmunes, que a cadea de contaxio pare ou se retarde moitísimo. Isto pode ocorrer de forma natural, despois de que moita xente se teña contaxiado, superado a enfermidade e xerado anticorpos contra o virus. E tamén de forma artificial, mediante unha vacina.

Publicidade

Agora ben, ningunha desas dúas posibilidades se vai materializar pronto. É moi difícil que haxa unha vacina antes dun ano (pode mesmo que non chegue a habela nunca, como pasou ata agora co VIH), e a inmunidade mediante contaxios masivos pode tardar demasiado en alcanzar a un número de persoas suficiente para protexer ao resto. Por iso, as medidas para combater a pandemia da Covid-19 perseguen evitar que nos contaxiemos… demasiado pronto e moitos á vez. Pero, a medio e longo prazo, non evitarán que nos acabemos infectando os que nos teñamos que contaxiar, isto é, todos os que sexamos susceptibles.

O virus provoca a morte dunha porcentaxe moi pequena na xente que enferma, pero é tal a súa capacidade de expandirse, que é moi grande a cantidade de persoas contaxiadas e, por tanto, a cifra de persoas que deben ser hospitalizadas. Tamén é alto o número de ingresados en unidades de coidados intensivos e de falecidos. Ao ser tan altas esas cifras, os servizos de saúde satúranse ata non poder atender e tratar como é debido ás persoas ingresadas, de xeito que poden falecer persoas que en circunstancias normais se terían salvado. Por non falar do risco ao que, por ter que traballar en condicións límite, se expón o persoal sanitario. Por iso é tan importante evitar que se contaxie moita xente en pouco tempo, porque doutra forma, o dano que causa a pandemia acentúase.

Volver á “vida normal”

Son moitos, seguramente unha maioría, os que prefiren que se manteñan medidas estritas de confinamento; cren que así pode evitarse o contaxio. É máis, para gran parte deles, a única opción moralmente aceptable é a que busca minimizar, ao prezo que sexa, o número de vidas humanas que se cobra a pandemia. E, con todo, de actuar baixo esa premisa, podería ocorrer que nunca puideramos volver á “vida normal”. A razón é que baixo condicións moi estritas de confinamento, restricións á mobilidade e distancia entre persoas, os contaxios chegarían practicamente a desaparecer, polo que apenas aumentaría o número de persoas inmunes, e habería que esperar á vacina para recuperar a normalidade. Pero como sinalei antes, no mellor dos supostos pasarían varios meses –seguramente máis dun ano– antes de contar con ese instrumento. Só se houbese pronto tratamentos antivirais efectivos mellorarían as expectativas, pero esa solución hoxe aínda é aventurada.

Doutra banda, o problema é que non é posible paralizar ou reducir demasiado a actividade dun país durante varios meses. Para producir comida, aparellos, recambios, e outros bens debe haber persoas que desenvolvan esas tarefas. E para facer chegar eses bens á xente, fan falta empresas que llos acheguen, a través do comercio. Ademais, hai que desprazarse, comer fóra de casa, administrar negocios, xestionar organismos públicos, gardar diñeiro, pedir créditos e moitas cousas máis. Outros deben formarse. Hai multitude de tarefas sen cuxo desempeño a sociedade non podería funcionar, colapsaría. E todos necesitamos recursos para vivir. En definitiva, é preciso manter a actividade económica e o resto de actividades sociais o máis próximas posible aos niveis normais.

Moitos invocan o longo confinamento que mantiveron en Hubei como modelo a imitar. Pero a provincia chinesa ten unha poboación que representa unha pequena porcentaxe da poboación daquel país. Sería coma confinar, salvando as distancias, unha pequena comunidade autónoma, como a vasca, mentres no resto do país se mantén unha actividade normal ou case normal. Un estado pode permitirse confinar ao 5% da súa poboación durante un período de tempo longo, porque o 95% restante achega os recursos necesarios para evitar o colapso. Pero non se pode manter confinado a un país enteiro sine die. Ademais, fagamos aquí o que fagamos, o virus seguirá circulando polo mundo e antes ou despois volvería.

Opcións moralmente aceptables

Non é certo que a única opción moralmente aceptable sexa evitar custe o que custe os contaxios e, por tanto, manter o confinamento durante todo o tempo necesario para reducir ao mínimo os falecementos por Covid-19. Non o é porque as consecuencias de levar a un país a unha depresión económica severa, ou ao colapso, serían tan ou máis gravosas aínda en termos de saúde pública e mortalidade. Unha sanidade sen recursos (que, non o esquezamos, proceden dos impostos que se obteñen da actividade económica) que sosteñan o seu funcionamento veríase incapaz de tratar enfermidades potencialmente mortais pero curables ou, polo menos, cronificables.

“Unha sanidade sen recursos que sosteñan o seu funcionamento veríase incapaz de tratar enfermidades potencialmente mortais pero curables ou, polo menos, cronificables”

Os tratamentos contra o cancro son carísimos, como o son as intervencións de todo tipo (de corazón, transplantes, etc.) e os ingresos hospitalarios. Por iso, a solución non pode consistir en pechar o país durante tempo indefinido, senón facelo ata limitar os contaxios ao número que permita manter a actividade asistencial en condicións axeitadas (dicir óptimas sería quizais moito pedir) e sen someter aos seus traballadores ao estrés extremo ao que se viron sometidos e ao risco de contaxiarse alén do estritamente razoable.

En aparencia, as autoridades afrontan unha alternativa diabólica, pois estarían obrigadas a elixir entre dúas opcións moi malas. Pero quizais non hai marxe real para a opción, ou é mínimo. Transitarán, mediante unha perigosa secuencia de ensaios e erros, por un estreito corredor cun abismo a cada lado: a mortalidade por Covid-19 nun e o colapso social no outro. Deberán observar con atención o curso da pandemia; necesitarán bos datos epidemiolóxicos e quizais sistemas para rastrexar contaxios. E, en función do que aconteza, axustarán a severidade das medidas de distancia entre persoas e control de mobilidade.

Segundo os resultados dunha investigación publicada recentemente, ata 2022 sería necesario implantar medidas para restrinxir a mobilidade e favorecer o distanciamento, e aínda en 2024 habería que manter a vixilancia porque poderían seguir producíndose contaxios. Loxicamente, se antes se acada a vacina, os prazos serán máis curtos. Tardaremos en gozar de condicións normais durante meses. Limitaranse ou non se celebrarán actos masivos. Haberá restricións ao desprazamento entre países durante meses. E todo isto carrexará unha contracción económica sen precedentes, que deixará unhas secuelas sociais terribles.

O enorme sacrificio da cidadanía

Ben mirado, con todo, o dilema entre salvar a bolsa ou salvar a vida quizais non sexa tal. As autoridades han de tomar as medidas necesarias para salvagardar a integridade e capacidade do sistema sanitario, de maneira que non morra máis xente da que, de seu, causará a pandemia. Pero tampouco poden manter un estado de confinamento extremo, porque non se reduciría así o número de falecementos por Covid-19 e, con todo, a deterioración económica e social sería de tal magnitude que carrexaría unha maior perda de vidas humanas. Non se trata, pois, de elixir entre a bolsa e a vida; a única opción moral aceptable é a que busca salvar a maior cantidade de vidas posible. Pero ese obxectivo esixe que se salvagarde unha parte substancial da bolsa, pola sinxela razón de que moitas vidas dependen dela.

A situación que vivimos esixe da cidadanía un sacrificio enorme. Pero será aceptada. Agora ben, a cambio, as autoridades deben garantir transparencia, informando con rigor da situación e das razóns polas que se toman unhas decisións e non outras. O non facelo así fai que proliferen boatos perigosos, e mina a credibilidade das institucións. Agora máis que nunca necesitamos líderes, persoas que gañen a confianza do pobo que gobernan; pero a confianza e a credibilidade esixen seriedade, claridade e transparencia. En definitiva, fai falta que nos traten como a persoas maduras e responsables.


Juan Ignacio Pérez Iglesias é Catedrático de Fisioloxía na Universidad del País Vasco / Euskal Herriko Unibertsitatea.

*Cláusula de divulgación: o autor non recibe salario, nin exerce labores de consultoría, nin posúe accións, nin recibe financiamento de ningunha compañía ou organización que poida obter beneficio deste artigo, e declarou carecer de vínculos relevantes alén do cargo académico citado.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Cronoloxía dun confinamento: os días clave da pandemia que paralizou o mundo

O 14 de marzo de 2020 decretouse o Estado de Alarma en España e comezou un período de illamento estrito de dous meses

Gripe aviaria, mpox, chikungunya… Cal será a próxima pandemia?

O epidemiológo Juan Gestal analiza as posibles ameazas para a saúde pública cinco anos despois do estoupido da covid

A revolución das vacinas contra a covid, o antes e o despois da ciencia

A tecnoloxía do ARN mensaxeiro permitiu crear fármacos para combater o SARS-CoV-2 en tempo récord e impulsou as inmunizacións masivas

Cinco anos do primeiro caso de covid en Galicia: o día que comezaron a cambiar as nosas vidas

O 4 de marzo de 2020 rexistrouse o 'paciente cero', un home que visitou A Coruña procedente de Madrid para facer unha entrevista de traballo