A farmacovixilancia das vacinas está funcionando

O catedrático de Microbioloxía Ignacio López Goñi explica como se están analizan os efectos adversos con posible vinculación a algunhas vacinas

Son varios os factores vinculados a un maior risco de coágulos sanguíneos. Foto: Pixabay.
Son varios os factores vinculados a un maior risco de coágulos sanguíneos. Foto: Pixabay.

* Un artigo de

Nas últimas semanas detectáronse uns poucos casos de tromboses en persoas que recibiran recentemente as vacinas de Oxford-AstraZeneca e de Janssen (Johnson & Johnson), ambas as baseadas en vectores de adenovirus.

En Europa analizáronse 222 casos en 34 millóns de vacinados con AstraZeneca, e nos Estados Unidos seis casos en máis de 6,8 millóns de vacinados con Janssen. Algunhas persoas faleceron. A frecuencia é tan baixa que é difícil saber se existe algunha contraindicación ou predisposición a padecer este efecto. A Axencia Europea de Medicamentos (EMA) informou o 7 de abril de que os coágulos de sangue inusuais con niveis baixos de plaquetas debían incluírse como un efecto secundario moi raro da vacina de AstraZeneca, pero que os beneficios da vacina continúan superando os riscos e lembraba que a vacina é eficaz para previr a Covid-19 e reducir as hospitalizacións e as mortes.

A boa noticia de todo este culebrón coas vacinas é que o sistema de farmacovixilancia está a funcionar. Publicáronse xa tres artigos que analizan estes casos, suxiren unha posible explicación e propoñen como tratalos e evitar a súa gravidade.

A maioría describíronse en mulleres menores de 50 anos, pero como son tan poucos os casos non sabemos se realmente hai unha predisposición ou é porque se vacinaron máis mulleres ca homes. Os casos déronse como unha resposta inmune aguda, isto é, aos poucos días (antes das dúas semanas) da primeira dose. Como hai moi poucas persoas vacinadas coas dúas doses, aínda non se ten información sobre o efecto da segunda.

Os síntomas que poden alertarnos de que estamos fronte a un destes casos de trombose asociada á vacina son dor de cabeza intensa e continua que non remite con analxésicos, e que se fai máis intensa cando estamos tombados e nun lateral da cabeza, inflamación das pernas, dor abdominal e do peito, dificultade para respirar e visión borrosa.

VITT: que é?

Nun dos artigos analizaron os datos clínicos e de laboratorio de 11 pacientes de Alemaña e Austria que desenvolveron trombose ou trombocitopenia a partir dos 5 a 16 días despois da administración da primeira dose da vacina de AstraZeneca. Nove dos pacientes eran mulleres, cunha media de idade de 36 anos. Seis morreron.

O cadro clínico despois da vacinación era similar á trombocitopenia grave inducida pola heparina, unha reacción adversa protrombótica, mediada pola activación de anticorpos antiplaquetarios contra a complexo FP4-heparina. Cinco pacientes presentaron ademais coagulación intravascular diseminada.

Os autores propoñen o termo VITT (do inglés, vaccine-induced immune thrombotic thrombocytopenia) para referirse a este tipo de trombose: unha trombose (formación de coágulos de sangue) que cursa cunha diminución de plaquetas (trombocitopenia) por unha reacción autoinmune de anticorpos que reaccionan contra as plaquetas, todo iso inducido pola vacina.

Noutro traballo, publicado o mesmo día, outros autores analizan os datos de cinco traballadores da saúde de 32 a 54 anos de idade (catro eran mulleres) que presentaron tromboses en sitios inusuais e trombocitopenia grave. Catro dos pacientes presentaron hemorraxia cerebral importante e tres faleceron.

Un terceiro artigo, publicado como “Cartas ao editor”, describe o caso dunha paciente (muller de 48 anos) que recibira a vacina de Janssen e que presentaba os mesmos síntomas que os anteriormente descritos.

Unha hipótese cobra forza

Os tres artigos suxiren unha hipótese para explicar estes casos tan raros de tromboses asociadas ás vacinas con adenovirus. A vacinación podería dar lugar, cunha frecuencia moi baixa, ao desenvolvemento de trombocitopenia trombótica autoinmune, similar clinicamente á inducida por heparina. As respostas de tipo autoinmune son máis frecuentes en persoas mozas que maiores e en mulleres que en homes.

Como se forma o complexo entre as plaquetas e o receptor Fc que estaría a provocar os trombos. Fonte: Greinacher et al.
Como se forma o complexo entre as plaquetas e o receptor Fc que estaría a provocar os trombos. Fonte: Greinacher et al.

Segundo isto, un compoñente da vacina (expúxose que podería ser o ADN do adenovirus vector ou outro como o EDTA) reaccionaría co factor plaquetario 4 (FP4, unha pequena proteína que actúa como citoquina) formando un complexo. Este actuaría como inmunóxeno e estimularía unha reacción autoinmune coa produción de anticorpos contra este complexo.

Os anticorpos reaccionarían coas plaquetas vía o receptor Fc da superficie, o que promovería a agregación da mesmas, coa consecuente diminución das plaquetas circulantes (trombocitopenia). Xeraríanse así pequenos trombos e a activación das plaquetas que, á súa vez, acabaría en máis trombos e fenómenos de coagulación sanguínea noutras zonas.

Coñecer o posible mecanismo permite detectalo rapidamente. Os autores propoñen o método ELISA para detectar eses anticorpos contra a complexo FP4-vacina. Ademais, este tipo de trombose podería tratarse cunha alta dose de inmunoglobulinas por vía intravenosa para bloquear a unión do anticorpo co receptor Fc das plaquetas e con anticoagulantes distintos da heparina.

Saber que está a ocorrer, entender o posible mecanismo que hai detrás, propoñer unha detección rápida e unha posible solución. Así avanza a ciencia. Mentres, haberá que seguir vixiantes, pero como a frecuencia destes casos graves é tan baixa, a recomendación segue sendo que, aquí e agora, o beneficio destas vacinas supera ao risco destes efectos secundarios. Hai que ter máis medo ao virus que á vacina.


* Ignacio López-Goñi é catedrático de Microbioloxía da Universidad de Navarra.

Cláusula de divulgación: o autor non recibe salario, nin exerce labores de consultoría, nin posúe accións, nin recibe financiamento de ningunha compañía ou organización que poida obter beneficio deste artigo, e declara carecer de vínculos relevantes alén do cargo académico citado.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.