Sábado 13 Xullo 2024

O Cabrón de Arbo, un xacemento “fundamental” para coñecer o Plistoceno medio

Un libro recolle as investigacións neste enclave, que achega maior coñecemento sobre unha etapa aínda descoñecida na prehistoria de Galicia

Un enclave “fundamental” para coñecer o desenvolvemento cultural e humano do final do Plistoceno medio europeo (últimos 250.000 anos). Así se presenta o xacemento paleolítico do Cabrón, en Arbo, no sur da provincia de Pontevedra, despois dunha década de investigación arqueolóxica nel que permitiu a localización dun dos conxuntos máis numerosos de ferramentas de tipo acheuliano da península Ibérica, máis de 3000 pezas, e a súa datación anterior a 118.000 anos. Unha publicación recolle agora os principais resultados das investigacións arqueolóxicas desenvolvidas neste xacemento lideradas por Eduardo Méndez-Quintas, arqueólogo do Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio da Universidade de Vigo.

O libro, editado polo Servizo de Publicacións da Universidade de Vigo, consta de seis capítulos de autoría combinada de Eduardo Méndez-Quintas con outros investigadores e investigadoras, como Martina Demuro e L. J. Arnold (Universidade de Adelaida, Australia); Mathieu Duval e Manuel Santonja (Centro Nacional de Investigación sobre a Evolución Humana-Cenieh), Mikel Díaz-Rodríguez (Gepn, Universidade de Santiago), Andrea Serodio Domínguez (Data Gestión Cultural), e Alfredo Pérez-González (Instituto de Evolución en África). Nas máis de 350 páxinas da publicación recóllese unha síntese sobre o primeiro poboamento humano do cuadrante noroeste da península; a historia dos traballos e da interpretación xeomorfolóxica e estratigráfica do xacemento; os procedementos de datación e de análise dos procesos de formación e distribución espacial do rexistro arqueolóxico e un estudo detallado dos conxuntos de industria lítica, ademais dunha síntese e contextualización global do xacemento de Arbo.

Publicidade

Eduardo Méndez Quintas, co libro que recolle as investigacións desenvolvidas en Arbo. Foto: Duvi.
Eduardo Méndez Quintas, co libro que recolle as investigacións desenvolvidas en Arbo. Foto: Duvi.

O xacemento paleolítico de Arbo escavouse ininterrompidamente entre os anos 2010 e 2012 por un equipo de investigación liderado por Eduardo Méndez-Quintas, Manuel Santonja e Alfredo Pérez-González, contando co apoio do Instituto de Estudos Miñoráns, o Concello de Arbo e a Universidade de Vigo. As datacións realizadas, explica Méndez-Quintas, indicaron que os niveis de ocupación humana do xacemento teñen unha cronoloxía anterior a 118.000 anos, máis concretamente ao redor dos 130.000-190.000 anos de antigüidade, o que posicionan a Arbo como “uns dos xacementos arqueolóxicos coñecidos máis antigos de Galicia” e “un dos enclaves máis recentes de Europa con tecnoloxía acheuliana”.

Confirman a presenza humana hai 120.000 anos no xacemento do Cabrón de Arbo

No sitio recuperouse un abundante conxunto de ferramentas de tipo acheuliano (técnica de manufactura de ferramentas típica do Paleolítico antigo baseada na produción de grandes utensilios de pedra, entre os que destacan os bifaces). Segundo comenta o arqueólogo do GEAAT, este conxunto destaca non só pola súa cantidade (máis de 3000 pezas, o que o converte nun dos conxuntos máis numerosos do final deste período na península ibérica procedente dunha escavación), senón tamén pola gran mestría e destreza no acabado das ferramentas, dando como resultado pezas con marcado carácter “estético”.

Publicidade

Neste xacemento, e noutros próximos como o sitio de Porto Maior (As Neves), engade Méndez-Quintas, observaron a existencia de ferramentas de tipo acheuliano de estilo africano, as cales son coetáneas noutros xacementos peninsulares e europeos cunha tecnoloxía totalmente diferente (Paleolítico medio) elaborada por neandertais. Isto reforzaría, indica, a hipótese de que no sur de Europa puideron coexistir neste período varias especies humanas diferentes. “Sitios como o de Arbo xustifican a coexistencia nesta época de varias tecnoloxías diferentes (acheuliana e Paleolítico medio antigo), producidas á súa vez por especies humanas diferentes e con orixes xeográficas diferentes (unha especie africana indeterminada e os neandertais)”, comenta o arqueólogo da UVigo.

Os resultados das investigacións en Arbo e as desenvolvidas en enclaves próximos do curso baixo do río Miño, comenta Eduardo Méndez-Quintas, converten a esta zona “nun área especialmente significativa para desentrañar e coñecer os procesos culturais destes remotos grupos humanos”. O xacemento pontevedrés, engade, “é un dos poucos xacementos arqueolóxicos escavados en Galicia do Paleolítico inferior”, unha época que, indica, “era tradicionalmente a máis descoñecida da Prehistoria galega, pero os resultados das investigacións actuais permiten ampliar o seu coñecemento de xeito notable”. Deste xeito, apunta por último o responsable da publicación, a imaxe que temos actualmente deste período fuxe da visión tradicional de “atipismo e anacronía” e insírese nun contexto de “normalidade” con respecto ao acontecido no resto do suroeste de Europa.


Máis información: El poblamiento humano del NW peninsular durante el Paleolítico Antiguo. Un yacimiento achelense de finales del Pleistoceno Medio en Arbo (Pontevedra).


Podes ler a noticia do DUVI nesta ligazón.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A Illa de Tambo, un tesouro arqueolóxico por descubrir: “Os achados apuntan a un complexo ermitán”

A Xunta deu permiso para desbrozar en San Fagundo, o punto máis alto de toda a illa. De momento atopáronse unha capela e restos do que podería ter sido outro inmoble

Arqueoloxía explicada a un científico e público interesado

O investigador Felipe Criado Boado, director do Instituto de Ciencias do...

Un estudo da UVigo atopa en Etiopía os restos de Homo erectus máis antigos do mundo

Sitúan por primeira vez a aparición destes homínidos e da tecnoloxía achelense hai dous millóns de anos

Descuberta unha casa castrexa na cidade romana de Armea

Durante a última campaña arqueolóxica no xacemento de Allariz atopáronse os primeiros vestixios dun poboado da Idade de Ferro