Martes 16 Abril 2024

Confirman a presenza humana hai 120.000 anos no xacemento do Cabrón de Arbo

Un novo estudo recolle os principais resultados das datacións neste enclave, que marca unha importante liña de investigación no Paleolítico antigo en Galicia

A zona do Baixo Miño é un enclave que fascina aos arqueólogos que estudan a Prehistoria no noroeste da península Ibérica. Hai sinais que levan a pensar que o curso do río a través da raia foi, no Paleolítico antigo, un lugar cunha gran actividade humana. Xacementos como Porto Maior, nas Neves, O Cabrón, en Arbo, e as Gándaras de Budiño (sobre o que novas investigacións en curso poderían achegar interesantes datos) apuntan a que esta zona é un dos berces dos poboamentos humanos en Galicia.

Ata hai pouco tempo, a crenza estendida entre a comunidade científica era que os habitantes do que hoxe é territorio galego manexaban unhas tecnoloxías moi atrasadas respecto á época en comparación con outras partes do continente. As datacións realizadas en lugares como as Gándaras de Budiño falaban de que as ferramentas que se usaban hai só 15.000 anos eran as mesmas que no resto de Europa se deixaran de facer 100.000 anos atrás. Pero traballos recentes están rachando con estas hipóteses.

Publicidade

Agora, un novo estudo publicado na revista Journal of Archaeological Science: Reports, e encabezado polo investigador do Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio (GEAAT) da Universidade de Vigo, Eduardo Méndez Quintas, achega novos datos sobre as datacións do xacemento do Cabrón.

Reconstrución dun biface atopado no xacemento do Cabrón. Imaxe cedida por Eduardo Méndez Quintas.
Reconstrución dun biface atopado no xacemento do Cabrón. Imaxe cedida por Eduardo Méndez Quintas.

O texto recolle os principais resultados das investigacións realizadas no enclave entre o ano 2010 e o 2012, centrándose na cronoloxía do lugar. Por unha banda, segundo explica Méndez Quintas, as datacións por técnicas de luminescencia e resonancia paramagnética electrónica “indican que os niveis de ocupación humana do xacemento teñen unha cronoloxía anterior 118.000 anos, máis concretamente arredor dos 130.000-190.000 anos de antigüidade”. Uns datos que, segundo o arqueólogo, “confirman que este xacemento é un dos máis antigos de Galicia”.

Alén disto, a análise tamén se centrou nas ferramentas de pedra atopadas, de tipo achelense, unha técnica de manufactura típica do Paleolítico antigo. As do Cabrón de Arbo “representan, ata o momento, un dos conxuntos máis numerosos (máis de 3.000 pezas) de ferramentas do final do achelense da Península Ibérica procedente dunha escavación”. Uns materiais que, segundo Méndez, “destacan pola gran mestría e destreza no acabado das ferramentas, dando como resultado pezas con marcado carácter estético”.

“Porto Maior podería mudar os últimos 500.000 anos da Prehistoria de Europa”

Estes resultados levan a situar ao Cabrón como “un sitio moi relevante no contexto do desenvolvemento cultural e humano do final do Plistoceno Medio (correspondente últimos 250.000 anos) europeo”. Engade o investigador da UVigo que en Arbo, e noutros enclaves próximos na bacía do Miño, como Porto Maior, “observamos a existencia de ferramentas de tipo achelense de estilo africano, as cales son coetáneas noutros xacementos peninsulares e europeos cunha tecnoloxía totalmente diferente (Paleolítico Medio) elaborada por neandertais”.

Son datos que reforzan unha hipótese cara a unha situación moi interesante: que no sur de Europa puideran coexistir neste período varias especies humanas diferentes, con orixes xeográficas diferentes, “como recentemente sinalou o descubrimento dos cranios da cova grega de Apidima”, engade Quintas.

O artigo está tamén asinado por Martina Demuro e  L. J. Arnold (Universidade de Adelaida, Australia), Mathieu Duval (Universidade de Griffith, Australia), Alfredo Pérez-González (Instituto de Evolución en África) e Manuel Santonja (Centro Nacional de Investigación sobre la Evolución Humana).

Referencia:Insights into the late stages of the Acheulean technocomplex of Western Iberia from the Arbo site (Galicia, Spain), (Publicado en Journal of Archaeological Science: Reports).

 

 

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A Illa de Tambo, un tesouro arqueolóxico por descubrir: “Os achados apuntan a un complexo ermitán”

A Xunta deu permiso para desbrozar en San Fagundo, o punto máis alto de toda a illa. De momento atopáronse unha capela e restos do que podería ter sido outro inmoble

Arqueoloxía explicada a un científico e público interesado

O investigador Felipe Criado Boado, director do Instituto de Ciencias do...

Un estudo da UVigo atopa en Etiopía os restos de Homo erectus máis antigos do mundo

Sitúan por primeira vez a aparición destes homínidos e da tecnoloxía achelense hai dous millóns de anos

Descuberta unha casa castrexa na cidade romana de Armea

Durante a última campaña arqueolóxica no xacemento de Allariz atopáronse os primeiros vestixios dun poboado da Idade de Ferro