Inauguración do curso de especialista en 5G na Universidade de Vigo.

Amtega e UVigo forman á primeira promoción de expertos en 5G

Un total de 25 alumnos son os primeiros en cursar esta especialidade, que en toda España só existía na Universidade Carlos III

200 horas de formación recibirán as 23 persoas matriculadas na primeira edición Curso de especialista en tecnoloxía de quinta xeración, que hoxe celebrou a súa xornada inaugural no salón de graos da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación. O centro da Universidade de Vigo sitúase con este curso á vangarda da formación en 5G en Galicia e mesmo en España, onde só a Universidad Carlos III está a impartir unha titulación neste ámbito.

“Creo que nunha primeira edición do curso está moi ben ter preinscricións por riba do número máximo de alumnos (25) e acadar practicamente este número. Ademais, o feito de ter máis profesionais en exercicio, todos enxeñeiros ou enxeñeiros técnicos, do planificado, dá unha idea do interese que espertou na sociedade”, explica Íñigo Cuiñas, director da EE de Telecomunicación.

Reigosa, Pereira e Cuiñas participaron na inauguración.

Na sesión inaugural do curso, celebrada esta mañá e que estivo presidida polo reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, e a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Mar Pereira, o director da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación destacou que o 70% da docencia será impartida por profesorado da Universidade de Vigo e o 30% restante por profesionais procedentes doutras institucións e empresas.

Cuiñas lembrou que a posta en marcha do curso estivo directamente relacionada coa posta en marcha do Plan Galicia 5G, “co obxectivo de impulsar un despregue máis áxil das redes de telecomunicación e situar a Galicia como rexión piloto nesta tecnoloxía, creando un plan de formación especializada en colaboración coas universidades e os axentes do ecosistema 5G”. Achegar unha formación inexistente en boa parte do territorio español, completando os coñecementos dos titulados do grao do ámbito da enxeñaría de Telecomunicación, ademais de reciclar ás e aos profesionais do sector da telefonía móbil celular, son segundo o director da Escola os obxectivos deste curso de especialista, que hoxe botou a andar.

“Estamos ante unha oportunidade histórica para non deixar que inventen eles e ser quen de tirar do coñecemento”, asegurou o reitor Manuel Reigosa na súa intervención, na que agradeceu o traballo que se está a desenvolver na Escola de Enxeñaría de Telecomunicación  nos ámbitos da formación, I+D e transferencia, así como o de Amtega no proceso de modernización de Galicia.

O reitor destacou que o 5G implicará un salto cuántico que permitirá que a sociedade cambie, ao tempo que sinalou que tras estar nunha esquina do mundo no que as novidades chegaban tarde “agora, o coñecemento debe espallarse desde Galicia ao mundo”. Reigosa lembrou os compromisos da universidade de formar, investigar e transferir, apuntando a este curso como “un xermolo para unha sociedade mellor”.

Pola súa banda, Mar Pereira lembrou o papel de liderado adoptado por Galicia no desenvolvemento tecnolóxico e a innovación no ámbito do 5G, o que lle valeu, dixo, o recoñecemento das operadoras de telefonía. “Seguiremos no camiño do 5G e esperamos que sexamos das primeiras rexións nas que o despegue do 5G sexa dos primeiros en chegar a todo o territorio”, dixo a directora de Amtega. Pereira agradeceu a implicación da Universidade na posta en marcha do curso que asegurou “confío que sexa un éxito”.

A xornada inaugural rematou cunha conferencia do director de Electrónica e Sistemas Intelixentes de Transporte de CTAG, Francisco Sánchez, sobre o futuro da automoción ligado ás novas tecnoloxías de telecomunicación.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.