Isto é un anaco dun protoplaneta perdido máis antigo que a Terra

Un novo estudo determina que este meteorito atopado hai uns meses no deserto en Alxeria ten moito que contar sobre as orixes do Sistema Solar

O meteorito EC 002, atopado no deserto en Alxeria.

Esta rocha ten máis historia da que semella. Porque este anaco de meteorito atopado nas areas do deserto de Alxeria podería pertencer a un planeta bebé que nunca se consolidou. Segundo unha análise en profundidade da composición e da idade da rocha, o meteorito coñecido como Erg Chech 002 non só é máis antigo que a Terra, senón que se formou volcánicamente, o que suxire que algunha vez puido ser parte da codia dun obxecto coñecido como protoplaneta.

Como tal, representa unha oportunidade única para estudar as primeiras etapas da formación dos planetas e aprender máis sobre as condicións nos primeiros días do Sistema Solar, cando os planetas que coñecemos hoxe aínda se estaban a formar.

EC 002 atopouse en maio do ano pasado. Eran varios anacos de rocha cun peso combinado de 32 quilogramos. Aquilo foi identificado con bastante rapidez como inusual; en lugar da composición condrítica da meirande parte dos meteoritos recuperados, que se forman cando se xuntan anacos de po e rocha, a súa textura era ígnea, con inclusións de cristais de piroxeno.

Por tanto, clasificouse como unha acondrita, un meteorito feito do que semella ser material volcánico, orixinado nun corpo que sufriu unha fusión interna para diferenciar o núcleo da codia. En resumo: falamos dun protoplaneta, unha das etapas intermedias da formación dun planeta.

Das ducias de milleiros de meteoritos que se teñen identificado ao longo da historia, só uns poucos miles (3.179, segundo a base de datos do Boletín Meteorítico) son acondritas. Isto significa que non poden dicirnos moito sobre a diversidade de protoplanetas nos inicios do Sistema Solar.

EC 002 non é basáltica, senón un tipo de rocha volcánica coñecida como andesita, segundo determinou un equipo de científicos liderado polo xeoquímico Jean-Alix Barrat da Universidade de Bretaña Occidental en Francia. De todos os meteoritos que atopamos ata a data, mesmo entre acondritas, iso fai que EC 002 sexa extremadamente raro, e abre unha nova vía para comprender a formación de planetas.

Xunto ao meteorito foron atopados pequenos anacos dos mesmos restos.

Segundo a análise do equipo, a rocha é moi antiga. A desintegración radioactiva dos isótopos de aluminio e magnesio suxire que estes dous minerais cristalizaron fai arredor de 4.565 millóns de anos, nun corpo orixinal que se acumulou fai 4.566 millóns de anos. Para poñer estas datas en contexto, a Terra ten 4.540 millóns de anos .

“Este meteorito é a rocha magmática máis antiga analizada ata a data de hoxe e bota luz sobre a formación das costras primordiais que cubrían os protoplanetas máis antigos”, escribiron os investigadores no seu artigo.

Aquí podes consultar o artigo publicado en PNAS

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.