O proxecto contou coa participación de catro empresas, dous grupos de investigación de UVigo e un centro de investigación.

Unha aplicación para previr lumes controlando a biomasa nas estradas

A iniciativa é froito de tres anos de traballo no marco do proxecto Topacio, liderado pola UVigo

Os incendios de 2017 como os de Chandebrito e Pedrógão Grande puxeron o foco de atención na importancia que ten para a prevención dos lumes o estado da masa forestal que hai arredor de vías de comunicación e poboacións. Ao ano seguinte, en 2018, catro empresas, dous grupos de investigación da Universidade de Vigo e un centro de investigación puxeron en marcha o proxecto Topacio: Tecnoloxías de Optimización da Xestión de Infraestruturas para a Prevención de Incendios Forestais. Froito desta iniciativa, presentouse este venres unha aplicación que procesa numerosa información sobre as franxas de vexetación na contorna de estradas e sobre meteoroloxía e proporciona índices de risco de incendios e propostas de actuación.

No proxecto Topacio, que tivo unha duración de tres anos, participaron as empresas Extraco, líder da iniciativa, que achegou a súa experiencia como concesionaria de obras en vías; Aeromedia, con experiencia en captura e procesamento de datos; Conexiona, con experiencia no desenvolvemento de solucións TIC innovadoras e multiplataforma, e Sans2, con experiencia en sistemas de información xeográfica. A eles uníronse os grupos da Universidade de Vigo de Xeotecnoloxías Aplicadas (Geotech) e de Tecnoloxía Enerxética (GTE) e o Centro de Investigación Forestal de Lourizán, ademais de Feuga. O importe do proxecto ascendeu a 799.316,81 euros, contando cunha subvención por parte da convocatoria Conecta Peme 2018 da Consellaría de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia e fondos Feder.

O proxecto tamén inclúe unha aplicación para a colaboración cidadá.

A xornada de presentación de resultados celebrouse este venres a través do Campus Remoto da UVigo. Nela, Javier Prego, da empresa construtora Extraco, explicou como o obxectivo fundamental de Topacio foi “o control da vexetación que medra ao carón das infraestruturas de transporte porque esta vexetación é susceptible de causar en determinadas circunstancias incendios forestais moi grandes”. Ao seu abeiro, indicou, desenvolveuse unha ferramenta informática que integra “infinidade de datos” procedentes de fontes moi diversas para proporcionar, grazas á aplicación de diferentes algoritmos, índices de riscos de incendio na contorna de estradas e información útil para a súa prevención a través da xestión da biomasa.

Tecnoloxías, datos e algoritmos

A información que nutre a aplicación Topacio, detallouse na presentación, procede do uso de diferentes tecnoloxías de última xeración, como son o láser escáner móbil (capaz de realizar levantamentos fotogramétricos en 3D) embarcados tanto en vehículos terrestres como en drones e imaxes de satélite das zonas de interese. Igualmente, o programa integra información de modelos de predición meteorolóxicos e de recollida de datos meteorolóxicos.

A partir destes e outros datos, a aplicación proporciona un modelado de combustible (un cálculo da continuidade horizontal e vertical da vexetación e a súa clasificación en estratos arbóreos); un modelado meteorolóxico de detalle (que establece valoración de riscos asociados á ignición e propagación de incendios) e modelos de prevención baseados en datos históricos de incendios dos que dispoñen empresas de conservación de infraestruturas.

Sobre estas modelizacións, desde a iniciativa subliñaron como “un dos logros máis importantes deste proxecto foi conseguir modelizar o nivel de perigo que supón a vexetación que está ao carón das infraestruturas de transporte porque é un potencial combustible á hora de que ocorra un incendio”. Así, destacaron, “fomos capaces de establecer modelos que calculan o estado desa vexetación e que amosan o seu nivel de continuidade espacial (se por exemplo as copas das árbores se tocan a unha e outra beira da estrada) e clasificar os diferentes tipos de vexetación”.

Imaxe de arquivo dos socios do proxecto no seu lanzamento.

Da plataforma desenvolvida, os seus responsables destacan como proporciona un sistema de axuda á toma de decisións, no que, integrando todos os datos dispoñibles e grazas aos algoritmos deseñados, o programa proporciona índices de risco de cada zona e as conseguintes recomendacións de actuacións. “Con toda a información integrada, o sistema fai unha valoración dos riscos e axuda á concesionaria a tomar decisións en función dese risco establecido, facendo propostas optimizadas de actuacións”, sinalan desde Topacio.

Igualmente, o programa inclúe un “sensor cidadá”, a creación dunha aplicación para teléfonos móbiles que permitiría a calquera persoa subir a Topacio unha fotografía dunha zona forestal con información sobre o seu estado.

O programa foi validado en dous escenarios reais, na autoestrada de Ourense a Celanova AG-31, nas proximidades desta última vila, e na OU-312, no Parque Natural da Serra do Xurés no seu paso por Lobios. A aplicación, pensada para ser on-line, está actualmente na fase final de probas, indicando os seus responsables que agardan no futuro poder comercializala como unha ferramenta de traballo especializada, ofrecendo diferentes opcións segundo as necesidades de cada tipo de usuario, desde unha versión aberta ata unha premiun.

Colaboración público-privada

Por último, na xornada celebrada este venres destacáronse os bos resultados da colaboración público-privada desenvolvida nesta iniciativa. Así, Higinio González, investigador principal no proxecto por parte da Universidade de Vigo, indicou como “foi un pracer traballar coas catro empresas participantes no proxecto. Sempre estamos abertos desde a Universidade de Vigo a facer proxectos co sector empresarial, e se é co tecido empresarial galego e da contorna mellor que mellor.

Foi  unha experiencia fantástica e agardamos no futuro seguir colaborando”. Pola súa banda, Javier Prego quixo “agradecer á Universidade de Vigo e aos diferentes grupos participantes a súa implicación no proxecto, pois foron unha parte moi importante para ter chegado a un resultado satisfactorio para todos”, amosando igualmente a súa confianza en volver a colaborar en iniciativas futuras.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.