Con que soñan os polbos? Seica nunca obteremos esta resposta pero, nos últimos anos, os científicos si teñen uhha certeza: semella que os polbos soñan e que, ademais, o fan en ciclos moi similares aos dos humanos cando durmimos.
As cores parpadeantes dun polbo durmido parecen indicar algo parecido a un estado de soño REM. De feito, cando os polbos dormen, alternan claramente entre dous estados de soño principais. Este descubrimento suxire que, do mesmo xeito que os vertebrados terrestres, os polbos poderían soñar.
“A alternancia de estados de soño observada no Octopus insularis parece bastante similar á nosa, a pesar da enorme distancia evolutiva entre cefalópodos e vertebrados, cunha diverxencia temperá de liñaxes fai arredor de 500 millóns de anos”, dixo a neurocientífica Sylvia Medeiros da Universidade Federal de Río Grande do Norte en Brasil, e unha das autoras do traballo que agora publica a prestixiosa revista Cell.
Durante moito tempo, os científicos pensaron que só as aves e os mamíferos tiñan ciclos de soño, movéndose entre estados activos e tranquilos, chamados REM (movemento ocular rápido) e soño non REM. De feito, o soño REM só se ten documentado en réptiles por primeira vez fai cinco anos.
Con todo, xa había indicios de que o soño cíclico estaba máis estendido no reino animal. En 2012 , os científicos atoparon que a sepia (Sepia officinalis) “amosa un estado inactivo con movementos oculares rápidos, cambios na coloración do corpo e espasmos dos tentáculos, que posiblemente sexa análogo ao soño REM”. “Iso levounos a preguntarnos se tamén poderiamos ver evidencia de dous estados de soño nos polbos”, dixo a neurocientífica Sidarta Ribeiro da Universidade Federal de Rio Grande do Norte: “Os polbos teñen o sistema nervioso máis centralizado de todos os invertebrados e sábese que teñen unha alta capacidade de aprendizaxe”.
A especie de polbo elixida para o estudo foi Octopus insularis, unha variedade que vive fronte ás costas de Brasil. Medeiros e o seu equipo colleitaron catro animais salvaxes e, despois dun período de aclimatación de 10 días, rexistráronos coidadosamente mentres durmían. Durante o estado de tranquilidade, os polbos estaban pálidos e quedos; durante o estado activo, con todo, comezaron a mover as pálpabras e axitarse. As súas cores e texturas mudaron rapidamente, os seus ollos movéronse, os seus corpos crispáronse. Os polbos pasaban por estes estados a intervalos de 30 a 40 minutos. Mesmo houbo unha etapa estraña na que os corpos dos polbos tiñan a metade do seu corpo cunha cor e unha distinta na outra.
Os investigadores cren que todo isto indica a existencia de soños e son probas contundentes de distintos estados de actividade que poderían vincularse con formas de conciencia nos polbos.
É posible que un dos estados correspondese a unha “alerta silenciosa”: os polbos estaban perfectamente quedos, pero espertos e monitoreando a súa contorna. Os investigadores deseñaron probas para espertar aos polbos e ver que tan rápido respondían, tanto amosando imaxes nunha pantalla como tocando o tanque para inducir vibracións. En ambos os estados, os polbos responderon moito máis lentamente a estes estímulos que cando se sabía que estaban espertos e alerta, o que demostra que ambos os estados eran de feito durmidos.
O soño REM podería ser unha pista de que os polbos poden soñar, do mesmo xeito que outros animais. “Non é posible afirmar que están a soñar porque non poden dicirnos iso, pero os nosos resultados suxiren que durante o ‘soño activo‘ o polbo podería experimentar un estado análogo ao soño REM, que é o estado durante o cal os humanos soñan máis”, dixo Medeiros.
Pero… con que soñan os polbos? “Se os polbos realmente soñan, é pouco probable que experimenten tramas simbólicas complexas coma nós. O ‘soño activo’ no polbo ten unha duración moi curta, tipicamente duns segundos a un minuto. Se durante este estado hai algún soño en marcha debería ser máis ben como pequenos videoclips, ou mesmo gifs”, explicou a investigadora.
A investigación foi publicada na revista Cell e pode atoparse en iScience