De Bueu a Ribeira de Piquín: o Chat GPT dos concellos para reavivar o rural

A aplicación Lista Rural busca orientar o usuario na súa mudanza a pequenas vilas ou aldeas e inclúe cinco municipios galegos

Levas anos vivindo na cidade. Estás canso do tráfico, a contaminación acústica e o ir correndo a todas partes. Buscas unha opción de vida máis tranquila e pausada. Non che importa coller o coche ou teletraballas, polo que non necesitas desprazarte á oficina. Sexa como sexa, queres mudarte a unha contorna rural onde teñas os servizos necesarios. A aplicación Lista Rural, que funciona igual que Chat GPT, baséase na intelixencia artificial para recomendarche os lugares máis idóneos segundo as túas peticións. Cando preguntas por concellos galegos, sáenche cinco opcións: Bueu, Ribeira de Piquín, Ponteceso, Pontedeume e Padrón.

Esta ferramenta naceu das mentes de Pedro Escobar Rubio e Juan López de la Calle, dous informáticos andaluces que buscaban unha alternativa á vida nas cidades. Segundo eles mesmos indican na súa páxina, pretenden que Lista Rural sirva para que o campo “sexa unha opción válida e atractiva”. Para iso, recompilan, procesan e difunden datos sobre diferentes concellos españois, cinco deles galegos, que poidan orientar o usuario a tomar decisións. Empregan información extraída de fontes públicas como a Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET) e o Ministerio de Transformación Dixital.

Publicidade

Como funciona?

Ola, son o asistente de IA de Listarural! Estou aquí para axudarche a atopar a vila que mellor de adapte ás túas necesidades. Dime, que estás buscando? Así trata de establecer contacto o Chat GPT dos concellos que busca reactivar o rural. Ante a pregunta de que municipios galegos ofrecería, a primeira opción é Bueu, do que indica que ten unha praia fermosa, unha excelente conexión a Internet e que serve para desfrutar do mar e da tranquilidade. Ao clicar nesta opción, despréganse multitude de datos sobre a vida no concello pontevedrés.

Por exemplo, quen se interese por Bueu terá inmediatamente ante el como contactar co concello. Saberá que hai 11.978 habitantes e unha boa conexión a Internet, así como un centro médico e educativo no mesmo núcleo. Ademais, a aplicación indica que o custo medio de vida é de 546 euros. É dicir, o prezo aproximado por persoa segundo o tipo de vivenda e hipoteca, así como os subministros mensuais. Tamén aparece información detallada sobre o clima, con medias de temperatura por mes, e dos tipos de cobertura de Internet dispoñibles.

Publicidade

Outra das opcións que desprega a IA de Listarural é Ribeira de Piquín (Lugo), un concello de case 500 habitantes. O custo de vida é notablemente inferior a Bueu, con 374 euros de media, mais a conexión a Internet considérase dunha calidade regular. Aínda que hai centro médico e escola infantil e primaria, non hai paradas de autobús nin de tren próximas. Con todo, a información que ofrece a aplicación é orientadora. No caso do concello lucense, defíneno como “unha pequena vila cun ambiente rural e un contacto próximo á natureza”.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Pódcast | Como coidar o planeta con algoritmos verdes

As investigadoras do CITIC Amparo Alonso e Bertha Guijarro analizan os custos ambientais dos grandes modelos de intelixencia artificial

Fomentar a economía rural, o mellor antídoto contra os incendios

O principal responsable da perigosa acumulación de combustible é un problema silenciado: o abandono das aldeas

Cidade intelixente ou ‘smart vila’: “A tecnoloxía vai pechar a fenda entre o campo e a urbe”

Orlando Woods, da Singapore Management University: “As ferramentas e o desenvolvemento incentivarán o interese polo rural das novas xeracións”

Como converter Chat GPT nun asistente perfecto

Para sacar o máximo partido ao noso novo “mellor amigo” na oficina debemos ser moi precisos nas nosas solicitudes