Un proxecto galego sentará a base para unha comunicación 50 veces máis eficiente

O traballo coordinado por atlanTTIC optimizará as redes 5G para que transmitan datos cun maior rendemento

Traballar nas tecnoloxías de comunicación 5G e máis alá para mellorar as súas prestacións. Este é o obxectivo de Enabling Virtualized Wireless and Optical Coexistence for 5G and Beyond (EWOC), un proxecto internacional no que participa un grupo de investigadores do Centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación da Universidade de Vigo, atlanTTic. Teñen como propósito principal avanzar na optimización destas redes para conseguir que sexan máis rápidas, eficientes e fáciles de usar.

“EWOC busca desenvolver unha nova solución de rede óptica e sen fíos, flexible e virtualizada, para optimizar os recursos das redes 5G e posteriores (B5G), aumentando de xeito significativo a eficiencia espectral”, sinala Felipe Gil Castiñeira, investigador de atlanTTic e docente da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, quen coordina o proxecto na UVigo.

Publicidade

Comunicacións de alta capacidade

Centrado en comunicacións de alta capacidade e baixa latencia (40-90 GHz), EWOC sentará a base para unha mellora de 50 veces a eficiencia espectral. “Partindo de que os sistemas 5G combinarán tecnoloxías ópticas e sen fíos, procurarase traballar en superar os retos que presenta a súa integración”, explica Felipe Gil.

O crecemento exponencial no uso de servizos de Internet que esixen gran ancho de banda require novos avances en tecnoloxías de transmisión de datos ópticos para lograr un maior rendemento e latencias mínimas. Os sistemas 5G, que combinan innovadoras tecnoloxías de radio e rede central, integrarán as comunicacións ópticas.

Publicidade

“EWOC é unha iniciativa multidisciplinar no marco das telecomunicacións e o foco da UVigo está en manter estas novas redes seguras e privadas, ao mesmo tempo que se aumenta a súa operación automática e intelixente”, destaca Gil. Neste proxecto, “se propoñen e validan novas ideas, que posteriormente terán que ser implementadas en prototipos, probadas en pilotos, e xa finalmente, se todos os pasos anteriores foron exitosos, poderán pasar aos estándares e aos produtos comerciais”, engade o investigador. 

Precisamente en atlanTTic, o investigador Orestis Maraziotis está desenvolvendo unha tese de doutoramento sobre ciberseguridade, privacidade e intelixencia artificial para que as novas redes sen fíos e ópticas, virtualizadas e flexibles, propostas en EWOC, sexan máis automáticas grazas á IA, sen comprometer a seguridade nin a privacidade dos usuarios.

Vantaxes para as empresas

A tecnoloxía que se desenvolverá no marco de EWOC achegará vantaxes e beneficios tanto para usuarios finais e como para empresas de telecomunicacións. “Pretendemos conseguir redes con capacidades moi superiores ás actuais, que se adapten mellor ás necesidades dos usuarios de forma automática e ofrecendo novos servizos, integrando tamén capacidades de intelixencia artificial, ao mesmo tempo que garantan a seguridade e a privacidade”, conclúe Felipe Gil.

Financiado polo programa Horizon Europe-MSCA-DN (Marie Skłodowska-Curie Actions) con 2,3 millón de euros, EWOC está integrado por unha decena socios: Instituto de Telecomunicações, que é o coordinador; Universitat Politècnica de Catalunya; Politécnico de Torino; Technische Universität Dresden; University of South Wales e as empresas Huawei Sweden, YLO-Verkot, Top-IX e ISRD, de nove países: Portugal, España, Italia, Alemaña, Reino Unido, Suecia, Finlandia, Polonia e Francia. Precisamente, esta semana as entidades socias celebraron unha reunión en Vigo na que analizaron o progreso do proxecto e definiron os pasos futuros, na que foi a oitava xuntanza plenaria do consorcio.


Podes ler a noticia do DUVI na seguinte ligazón.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Dentro do ‘Odón de Buen’, o buque ‘vigués’ que navega cara á nova campaña científica na Antártida

O oceanográfico construído en Galicia participará por primeira vez nas operacións de apertura das bases españolas do polo sur

Galicia facilita o acceso a Lenzetto dende o estranxeiro ante o desabastemento do fármaco para a menopausa

A falta de tratamento indicado para tratar os síntomas da deficiencia de estróxeno tras a menopausa ten outras alternativas financiadas

Que é o efecto Fujiwhara? O fenómeno polo que un tren de borrascas regará Galicia

Unha fronte activa avanzará polo oeste peninsular e deixará choivas que se manterán canto menos ata o xoves

As emisións bioxénicas de CO2 aumentaron o 64% en Galicia dende 1990

Se se contabilizasen nos inventarios oficiais, elevarían nun 20% o balance galego de gases de efecto invernadoiro