Sábado 20 Abril 2024

O grupo GTI de atlanTTic, achegando coñecemento para desenvolver as posibilidades do 5G

Este equipo de investigación da Universidade de Vigo centra a súa actividade en varios proxectos arredor desta prometedora tecnoloxía

O Grupo de Tecnoloxías da Información (GTI) da Universidade de Vigo naceu a finais dos anos 90. A orixe do mesmo foi un proxecto de comunicación sen fíos, unha liña de traballo que se mantén hoxe en día, aínda que nestes anos o grupo abriu outros ámbitos de actuación relacionados co análise de información como o Big Data ou a Intelixencia Artificial. GTI forma parte de atlanTTic, o Centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación da Universidade de Vigo (atlanTTiC) da e forma parte tamén da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación desta mesma institución.

Felipe Gil Castiñeira, investigador do GTI, explica que nestes momentos o grupo conta con varios proxectos relacionados coa tecnoloxía 5G, un dos principais terreos de investigación do grupo. Entre eles destaca un programa europeo dentro da liña de Horizonte 2020 no que GTI participa xunto a máis de 40 socios. “O obxectivo xeral é deseñar unha nova xeración de sensores intelixentes que sirvan para tarefas como a monitorización das constantes vitais de persoas maiores ou deportistas. Nós ocupámonos da parte do deseño dunha arquitectura para a captura da información dos sensores. O proxecto leva algo máis dun ano desenvolvéndose e concluirá en 2023” indica Felipe Gil.

Publicidade

GTI toma parte noutras iniciativas relacionadas coa despregadura das redes 5G nas que apostan por explorar as funcionalidades máis avanzadas desta tecnoloxía. Nesta liña o grupo tamén participa nun proxecto que se centra nas posibilidades da aplicación do 5G na industria. “Facendo” é o nome dunha iniciativa impulsada pola Axencia Galega de Innovación (GAIN) na que participan os centros Gradiant, Aimen e CTAG e a empresa Stellantis.

Gil sinala que a expansión do 5G se está a facer en varias fases e con distintas tecnoloxías, o que nalgúns casos supón a adaptación de estacións antigas de 3G ou 4G e noutros a construción de estacións novas, o que leva máis tempo e tamén precisa un maior investimento. “A banda de 700 MHz que se vai despregar proximamente ten a vantaxe de ofrecer unha mellor cobertura aos terminais aínda que non ten tanto ancho de banda. Con todo, os despregues de banda de 26 GHz contarán cunha maior capacidade”, sinala o investigador do GTI.

En todo caso está claro que a chegada do 5G vai supoñer un cambio radical nas posibilidades que ofrecerá Internet. O grupo conta cunha longa experiencia e amplos coñecementos para ter un papel destacado na execución de distintas solucións para os desafíos tecnolóxicos que supón a implantación desta nova tecnoloxía.

Gil explica que tanto o Goberno estatal como os autonómicos están a apostar polo 5G e GTI trata de posicionarse neste campo dentro do ámbito europeo. “A nosa localización física ás veces é un reto máis porque temos bastante lonxe ás empresas punteiras deste sector, aínda que contamos con algunha importante tamén en Galicia”, engade Gil, quen destaca a importancia de poder participar en proxectos europeos, dado o alto grao de investimento e coñecemento que supón a investigación nesta nova tecnoloxía.

A chegada do 5G vai supoñer un cambio radical nas posibilidades de uso de internet e GTI traballa en diversas solucións para enfrontar estes desafíos

Os membros de GTI son, ao mesmo tempo, persoal docente e investigador o que permite que os froitos da investigación acaban por repercutir tamén na docencia. “Moitos estudantes de grao, mestrado ou de Terceiro Ciclo da UVigo fan as prácticas con nós ou se inician aquí no mundo laboral. Para eles é importante poder iniciar a súa vida no mundo da investigación nun entorno que xa coñecen”, sinala Gil.

Do grupo GTI saíron xa varias empresas spin-off e a última foi Ancora Mobile que desenvolveuse dentro do programa Ignicia promovido por GAIN. A empresa está agora a participar no programa de aceleración de Business Factory Auto (BFA) e o seu proxecto céntrase en darlle conectividade aos traballadores da industria 4.0. Mediante o uso do teléfono móbil os operarios poden utilizar outros dispositivos do entorno para obter toda a información necesaria á hora de realizar o seu traballo. Son as novas posibilidades que achega a tecnoloxía e que está tamén a revolucionar un sector como o industrial.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Como rexistrar a túa marca? Este proxecto de atlanTTic axudará a resolver as túas dúbidas

Unha ferramenta baseada na intelixencia artificial filtrará a sección de preguntas frecuentes sobre propiedade intelectual dun organismo da Unión Europea

Un equipo de atlanTTic deseña antenas innovadoras para satélites xeoestacionarios

O proxecto da UVigo busca unha redución na masa e o volume da tecnoloxía, así como diminuír os custos

Convocado o IX Premio de Xornalismo Científico Celia Brañas

Os traballos poden enviarse a partir do 15 de abril. A dotación económica do galardón será de 5.000 euros, cun accésit para o segundo mellor valorado

Tecnoloxía personalizada para o rural: “Se unha persoa maior se perde, o seu veciño pode saber onde está”

Un equipo de atlanTTic investiga a viabilidade de prestar servizos dixitais nas aldeas sen cobertura adaptados ás necesidades dos seus habitantes