Vista da área da Coruña na aplicación de voluntariado de Frena la Curva.

“Preciso alguén que baixe á farmacia”: a web que conecta voluntarios

A plataforma permite conectar con persoas que precisan quen lle faga a compra ou facer recados que non poden realizar por dependencia ou confinamento

Queres botar unha man a alguén que non pode saír de casa polo coronavirus? Necesitas algo? Unha nova ferramenta de software libre foi posta en marcha en tempo récord pola empresa Kaleidos e a plataforma social ‘Frena la curva‘ co fin de coordinar ofertas e peticións de axuda en España. Institucións de países de Latinoamérica queren replicar a iniciativa.

Os momentos que estamos a vivir coa crise provocada polo coronavirus están a producir unha gran cantidade de iniciativas solidarias por parte da cidadanía. E agora chega este mapa en liña que busca tender unha ponte entre persoas con necesidades debidas ás medidas de confinamento e voluntarios, institucións e comercios.

Este novo proxecto está a ser coordinado pola organización cidadá contra o coronavirus Frena la curva e conta co apoio tecnolóxico de Kaleidos. Segundo comentou á axencia SINC Pablo Ruiz Múzquiz, CEO e cofundador desta empresa de software, “tan só 48 horas despois de ser lanzado foron rexistradas 25.000 visitas e 1.000 puntos de atención”.

“En Kaleidos encargarémonos da tecnoloxía da plataforma e do seu financiamento. Tamén axudaremos coa difusión. Pola súa banda, Frena la curva ocúpase de coordinar o equipo de voluntarios e moderar todas as peticións con iniciativas de voluntariado ou apoio veciñal xa existente”, detalla Ruiz Múzquiz.

A aplicación co mapa pode usarse dende o ordenador ou o teléfono móbil.

A través do mapa pódense anunciar ofertas e peticións de axuda, “potenciando así a acción veciñal para chegar a persoas sen acceso a móbil ou computador”, di este directivo. “Estou de baixa por coronavirus, vivo soa e non podo saír, necesito que alguén me faga a compra semanal e de farmacia”, di unha das peticións. En canto aos ofrecementos dos voluntarios, van desde os que amosan a súa dispoñibilidade para ir ao supermercado, coidar nenos ou simplemente conversar.

En Galicia, observamos que a rede xa está presente nas principais cidades e nalgunhas vilas, sobre todo con voluntarios que se ofrecen para facer a compra ou para adquirir remedios na botica.

Ao mapa en liña pódese acceder a través de calquera navegador ou por medio dunha app. Mediante un sinxelo formulario, pódense subir, de xeito anónimo, peticións ou ofrecementos de axuda. Ademais, tamén se inclúe información sobre servizos públicos dispoñibles, como mercados ou farmacias con horarios modificados, clínicas veterinarias abertas, centros sociais que ofrezan comidas, estacións con aseo para transportistas, etc.

Aquí podes conectar co mapa de voluntariado 

Con obxecto de chegar ás persoas que precisen axuda, pero non teñen acceso á tecnoloxía, a plataforma vai impulsar a figura do intermediario, é dicir, voluntarios que dunha maneira proactiva, localizan a estas persoas.

Para iso, danse varias ideas: desde chamar ao presidente da comunidade para ‘ mapear’ un edificio, a colgar unha mensaxe desde a xanela. Os intermediarios tamén poden ser familiares con persoas dependentes noutras provincias, persoas de colectivos de risco ou en corentena que non poidan saír, pero se poden facer outros labores como chamar por teléfono a veciños con necesidades ou avisar da existencia de persoas vulnerables.

En Frena la Curva Maps ademais do mapa, hai un curso para os moderadores voluntarios. Adicionalmente, os impulsores do proxecto están a ter reunións con institucións de países de Latinoamérica que queren replicar a iniciativa. A plataforma é facilmente replicable e exportable a outros países, cun custo baixo de mantemento, grazas a que está baseada en ferramentas de software libre.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.