Unha taxa de 1,16 mortes cada dous minutos en España. A cifra de defuncións no Estado non deixa de medrar, ao rexistrarse 838 falecementos nas últimas 24 horas, o que supón un récord no número de vítimas nun só día, por riba dos 832 dos que se informou o sábado.
En total, 6.528 persoas perderon a vida ata o de agora en España, mentres que foron detectados 78.797 infectados, aínda que a cifra real de persoas co virus SARS-Cov-2 é moito maior, segundo apuntan todos os expertos. Debería multiplicarse por entre 6 e 10 veces, pero a falta de tests fai que os resultados sexan máis baixos que a realidade.
Lugo, Ourense e Vigo concentran o aumento de casos nos últimos días
En total, 4.907 persoas ingresaron en UCI e 14.709 curaron, segundo o último balance do Ministerio de Sanidade. Este domingo, o Goberno aprobará, nun Consello de Ministros extraordinario, o endurecemento do confinamento en España. “Todos os traballadores de actividades non esenciais deberán quedarse na casa”, anunciou o sábado o presidente, Pedro Sánchez. A medida estará en vigor ata o 9 de abril e os empregados terán un permiso retribuído.
No mundo, Italia segue a ser o país con maior incidencia da Covid-19. Tamén foi o que rexistrou máis mortes nas últimas 24 horas: 889 decesos, 30 menos que o venres, cando alcanzou o seu récord diario con 919 falecidos. As defuncións son xa 10.023, os infectados son 92.427 e os curados, 12.384. A pandemia infectou a máis de 665.000 persoas e matou a máis de 30.000 no mundo, segundo os datos solicitados pola Universidade Johns Hopkins.
Aquí podes consultar o último informe do Ministerio de Sanidade