A USC lanza o dicionario galego de termos esenciais de logopedia

A obra, con 4.000 denominacións, foi realizada polo responsable de Terminoloxía do SNL, Xusto Rodríguez, e a profesora Ana Codesido

A obra Termos esenciais de logopedia e audioloxía: galego-español-inglés selecciona un milleiro de conceptos destas disciplinas, clasifícaos por áreas temáticas e indica os nomes polos que son coñecidos en galego, español e inglés. En conxunto, recolle, clasifica e ofrece para consulta case 4000 denominacións neses tres idiomas. Esta publicación é obra da profesora da USC na Facultade de Filoloxía, Ana Codesido, e do responsable da área de Terminoloxía do Servizo de Normalización Lingüística (SNL), Xusto Rodríguez.

Os dous ámbitos en que se centran estes Termos esenciais de logopedia e audioloxía: galego-español-inglés teñen unha presenza significativa na nosa contorna social. Os trastornos e tratamentos que describen afectan a unha porcentaxe relevante da poboación, tanto na idade infantil como na adulta ou na vellez.

Publicidade

Pola contra, non existía ata o de agora ningún traballo que recollese a terminoloxía galega destas disciplinas, e que a puxese en paralelo cos seus equivalentes casteláns ou ingleses. “Esta carencia afecta especialmente a quen quere desenvolver a súa carreira universitaria (estudos, estadías, congresos, publicacións, docencia…) ou profesional en galego, pois debe lidar con frecuencia coa dúbida de como debe referirse a tal ou cal concepto nesta lingua”, afirman os autores.

A obra incorpora 4.000 definicións e fai o dicionario número 35 creado pola USC

Ao non existir obras especializadas de consulta, continúan Codesido e Rodríguez, a forma de resolver o problema é moitas veces botar man dos termos noutras linguas, o que acaba inzando os textos galegos de castelanismos e anglicismos, aumentando o descoñecemento das formas galegas. Por outra parte, no mundo interconectado en que nos movemos, é necesario fomentar a difusión plurilingüe do saber científico, reivindicando a capacidade de todas as linguas para seren vehículos de ciencia e traballando para evitar un monocultivo do inglés que resulta empobrecedor.

Publicidade

Xeira histórica

Con esta obra o SNL supera xa os 35 dicionarios e vocabularios técnicos galegos publicados, nunha xeira que arrincou hai máis de 25 anos co Léxico editorial castelán-galego.

Esta obra de Codesido e Rodríguez céntrase na logopedia e a audioloxía, dous ámbitos interdisciplinarios onde conflúen saberes das ciencias da saúde, a lingüística, a física e a microelectrónica. Asemade, esta iniciativa ten a súa orixe no proxecto do ano 2004 ‘Commuter’ (Multilingual terminology database for speech-language pathology and audiology) da Universidade de Gante, en Bélxica, que  pretendía crear unha base de datos multilingüe co obxectivo de ofrecela á comunidade científica e profesional a través de internet. Como finalmente esta iniciativa non veu a luz, parte dos materiais orixinais están na base desta obra de termos esenciais.

Os autores 

Ana Codesido é profesora da área de Lingüística Xeral, no Departamento de Lingua e Literatura Españolas, Teoría da Literatura e Lingüística Xeral, cunha traxectoria investigadora especializada no ámbito da lingüística clínica, en concreto na descrición, análise e diagnóstico de trastornos da linguaxe.

Xusto Rodríguez é técnico en normalización lingüística da USC, responsable da área de Terminoloxía do Servizo de Normalización Lingüística e, como tal, coautor ou coordinador da maior parte dos glosarios e vocabularios publicados polo SNL nestes últimos anos. Ademais, é o responsable da bitácora Un idioma preciso, unha obra práctica e de referencia para o galego no eido da ciencia e que tamén publicamos en GCiencia.

A edición dixital do novo dicionario de logopedia pode descargarse de balde nesta ligazón, en formato .pdf optimizado para a consulta en liña.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un estudo arqueolóxico revela o papel esencial das mulleres na construción histórica do rural galego

A investigación pon de manifesto a importancia do traballo produtivo, doméstico e de coidados, así como o papel na transmisión de saberes

Unha investigación galega afonda no dó dos arroaces: que fan as nais cando morre unha cría?

Unha análise da CEMMA documenta os comportamentos das femias e identifica nos cachorros falecidos marcas asociadas ao seu acompañamento

Setembro pecha con sete mortes por afogamento en Galicia

É a cuarta comunidade autónoma con máis falecementos, só superada por Canarias, Cataluña e Andalucía

Galicia, a segunda comunidade con maior taxa de mortes atribuíbles ao consumo de alcol

O último informe do ISCIII rexistra 40 casos por cada 100.000 habitantes entre 2010 e 2021, nun podio que lidera xunto a Asturias e Ceuta e Melilla