Cunha mente inqueda marabillada polas ciencias, á investigadora Elena Ojea custáballe decidir por que disciplina decantarse na secundaria. Ao descubrir que estudando Ciencias ambientais podía poñer en práctica coñecementos transversais non o dubidou. Agora, anos despois desa decisión, valora positivamente as portas que esta lle abriu, levándoa a desenvolver diferentes proxectos no País Vasco, India, Costa Rica, California e Venecia. Dende 2016, desenvolve o seu labor no Centro de Investigación Mariña (CIM) da Universidade de Vigo como investigadora dentro do programa Oportunius, impulsado pola Axencia Galega de Innovación coa fin de atraer e reter talento investigador.
“Sempre o conto cando vou aos institutos: eu non tiña unha vocación de investigadora súper clara. Foi algo que fun descubrindo ao longo da miña formación. Decateime de que os problemas como o cambio climático ou a crise ambiental non se resolven desde unha disciplina concreta. Síntome cómoda traballando nun eido no que preciso saber un pouco de cada cousa”, remarca sobre a súa traxectoria.
Estudar Ciencias ambientais requiriulle desprazarse ata a Universidade de Salamanca, onde comprendeu a importancia das ciencias sociais e económicas á hora de traballar en cuestións ambientais, polo que decidiu facer a súa tese de doutoramento en economía ambiental. Con todo, tamén acabou por botar de menos o mar: “Como galega que sempre viviu na costa, en Nigrán, tiven curiosidade polos sistemas costeiros, un tema co que non tiven moito contacto en Salamanca. Ao facer o doutoramento na Universidade de Santiago de Compostela, puiden centrarme en poboacións de peixes en perigo de extinción, aves mariñas e demais”.
Ampliando horizontes
Mentres Ojea remataba a súa tese, nacía o Basque Centre for Climate Change (BC3), un centro de investigación multidisciplinar centrado na investigación arredor do cambio climático. “Daquela, o seu director era Anil Markandya, un dos referentes na economía ambiental, e ademais funcionaba, e funciona, cunha vocación internacional. Pareceume unha oportunidade boísima”, explica a investigadora. Así, presentouse a unha oferta de posdoutoramento que tiñan aberta e foi seleccionada. “Era un momento moi importante e interesante para introducirse neste eido, posto que nos estaba caendo enriba un problema, mais aínda non sabiamos todas as consecuencias que sabemos agora”, sinala.
Grazas a esa vocación internacional do BC3, a investigadora comezou a traballar en proxectos que a levaron a visitar diferentes lugares, como India e Costa Rica: “Abriume moito as miras para facer investigación, posto que puiden colaborar con xente que non era tan occidental como o que estaba vivindo en España. Agora intento seguir con esa visión global“.
Ademais dunha estancia no Centro Eni Enrico Mattei (Venecia) durante o seu doutoramento, a investigadora tamén chegou á Universidade de California da man do programa Marie Curie mentres continuaba vencellada ao BC3. Alí estivo un ano completo e tres estancias posteriores de tres meses cada unha, traballando cos profesores Christopher Costello e Steve Gaines, “ambos referentes da economía pesqueira e a conservación mariña”.
O ambiente que viviu en California, “ambicioso e intelectualmente moi rico”, inspirouna para escribir a súa propia proposta para optar a unha bolsa Starting Grant do Consello Europeo de Investigación (ERC), converténdose na primeira galega en conseguila. Ademais, grazas a esta, puido volver a Galicia e entrar en contacto co programa Oportunius. “Deume a liberdade económica e intelectual necesaria para poder escoller centrarme de novo en temas mariños”, manifesta Ojea.
A clave da participación
Neste ERC, que rematou hai dous anos, a investigadora combinaba metodoloxías de modelos bioeconómicos e de comportamento individual de pescadores para entender de que xeito se poden adaptar os impactos do cambio climático na pesca. “Chamábase CLOCK e trataba de chegar á mesma pregunta a través das dúas vías: como anticiparnos ao cambio climático na pesca e na conservación mariña“, explica.
Durante o tempo que durou, ela e o seu grupo Future Oceans Lab nalizaron catro casos de estudo en profundidade: a pesca artesanal de Galicia, Nayarit (México) e Shikoku (Xapón) e a pesca industrial do atún no País Vasco. O obxectivo era aprender cales eran os diferentes tipos de resposta que se presentaban nas comunidades ante o cambio climático, de que dependían esas respostas e ata que punto estaban influenciadas polas características sociais das comunidades ou pola gravidade dos impactos ecolóxicos que recibían. “O máis importante que vimos é que, para adaptar as poboacións costeiras ao cambio climático, o que máis se precisa é fortalecelas de capacidades adaptativas sociais. A participación na toma de decisións é moi importante, así como a relación que teñen os profesionais da pesca entre si e coa administración”.
A resiliencia climática
Non obstante, á hora de enfrontar os retos que se presentan, os investigadores tamén observaron dúas posibilidades: “En moitos casos vimos que, aínda que teñan as habilidades de adaptarse, ás veces o impacto é tan grave que precisan dunha transformación. Por exemplo, no caso do Xapón vimos que o ecosistema está mudando, de bosque de laminaria a coral. As súas prácticas xa non serven, polo que observamos unha transformación na pesca. Cando falamos de adaptación, a capacidade das comunidades para facelo vai depender de que sintan que poden tomar decisións, mais no caso da transformación requírense outras capacidades, como a relación con outros axentes e administracións”.
Un dos principais problemas á hora de abordar o cambio climático é a previsión dos impactos que terán lugar e o grao dos mesmos, unha variable fundamental para que as comunidades poidan desenvolver estas habilidades necesarias para a súa adaptación aos novos escenarios. “Sabemos que hai determinadas cousas que podemos facer para favorecer a resiliencia climática e reducir a vulnerabilidade, como intervencións na xestión ou outorgar capacidades na toma de decisións. Estamos preparando as comunidades para practicamente calquera impacto, mais é certo que se se tornan máis intensos e fortes no futuro pode que non sexa suficiente. Isto obrigaría a comunidade a transformarse, combinando a pesca con outras actividades ou directamente abandonándoa. Todo depende do que fagamos agora en materia de mitigación“, manifesta.
O futuro do laboratorio
Unha vez rematado o proxecto CLOCK, a prioridade de Elena Ojea foi manter o grupo de investigación e o traballo que realizan nel: “A estratexia foi participar en convocatorias europeas e nacionais, diversificando os proxectos que temos. Neste sentido, actualmente traballamos en áreas mariñas protexidas do Mediterráneo, en solucións ao cambio climático que pasan por mellorar o estado da natureza en Europa e continuamos coa investigación que realizamos no ERC noutras comunidades, como en Chile”.
Outro dos seus obxectivos é intentar impulsar os investigadores, de maneira que poidan guiar tarefas e proxectos. “Isto, co sistema actual de posdoutoramento, é moi difícil, pero é o que nos gustaría fomentar. Sempre se pide que a duración do contrato sexa máis longa que a duración da proposta, e iso cos tipos de contratos que hai agora mesmo dispoñibles é imposible. Por iso valoro moito o Oportunius que teño: dáme estabilidade para seguir facendo isto. Con todo, son consciente de que non hai ERC para todo o mundo, son moi competitivas e non debería ser o único camiño para establecerse como investigadora“, defende. Así, un dos retos actuais en Future Oceans Lab é lograr a estabilidade na carreira investigadora das persoas que o compoñen, así como poder contar con máis investigadores principais.
Un mellor futuro para o oceáno
Continuando co seu estudo nas comunidades costeiras, o grupo busca coñecer que hai detrás dos comportamentos da poboación ante o cambio climático: “Hai moito que investigar aí porque non se sabe cales son os puntos que fan que o sistema enteiro se transforme. Tamén nos interesa moito vencellar os axentes locais e sociais na nosa investigación, traballando coas súas preferencias e no codeseño de solucións”.
Ademais, contan cunha vocación internacional, demostrada na participación de Ojea no último IPCC, e coa que buscan introducirse nos foros científicos que afectan á toma de decisións a nivel global: “Queremos axudar a crear un futuro sostible, para o océano e, polo tanto, para todos”.














