“A IA ten un gran potencial, mais nunca poderá substituír a nosa creatividade”

A experta en robots sociais Iolanda Leite analizará no Congreso ECAI celebrado en Santiago o presente e futuro da intelixencia artificial cunha charla titulada 'Os robots (aínda) necesitan aos humanos no circuíto'

Cando un neno chega a Suecia procedente doutro país, o sistema educativo obrígao a permanecer nunha clase, illado dos nenos nativos, durante polo menos dous anos: o obxectivo é aprender ben o idioma, mais unha das consecuencias desta división é a aparición de problemas de inclusión entre o neno e o resto do grupo. Xunto a Sarah Gillett, estudante predoutoral, a enxeñeira robótica de orixe portuguesa Iolanda Leite propúxose probar a seguinte idea: “E se creamos un robot que poida interferir nesta dinámica de grupo?” Como a barreira idiomática era importante, deseñaron un xogo musical no cal, para gañar, era preciso que todos os nenos formaran parte do mesmo e uniran forzas. O robot exercería como unha especie de director desta peculiar orquestra, incentivando a inmersión no xogo dos nenos menos participativos. O que aconteceu foi o seguinte: non só conseguiron incluír aos nenos que non falaban sueco grazas ás indicacións do robot, senón que todo o grupo aprendeu a interactuar de maneira inclusiva, incluso cando este non estaba presente.

Este é so un exemplo das posibilidades dos robots sociais, unha tecnoloxía en auxe a medida que imos incluíndo a presenza da intelixencia artificial na contorna humana. Leite, que traballa como profesora asociada na Escola de Enxeñería Eléctrica e Informática do Real Instituto de Tecnoloxía KTH de Estocolmo (Suecia) leva anos desenvolvendo distintos tipos de robots sociais capaces de percibir, aprender e responder dun xeito natural ás persoas ante situacións cotiás. De feito, a súa investigación pioneira céntrase precisamente nesa interacción entre robots e grupos de persoas, e de como os primeiros poden axudar ante as problemáticas do mundo real. Como é lóxico, o seu traballo vese moi influenciado pola perspectiva ética dentro da intelixencia artificial. No Congreso ECAI 2024 de IA, que terá lugar en Santiago de Compostela dendeo o 19 ata o 24 de outubro, Leite impartirá unha conferencia titulada Os robots (aínda) necesitan aos humanos no circuíto: toda unha declaración de intencións.   

Publicidade

— Imos ao comezo de todo. Que son os robots sociais e que os diferenza doutro tipo de máquinas intelixentes?

— Non hai unha definición clara, pero a miña interpretación é que chamamos robots sociais a aqueles que axudan ás persoas ou que traballan con elas de maneira que, ademais de realizar a tarefa específica que estean a facer, por exemplo, limpar o chan ou recoller un obxecto, precisan ter algún tipo de coñecemento previo das persoas da súa contorna para actuar e relacionarse con elas dun xeito que sexa apropiado e natural.

Publicidade

— O máis interesante de todo isto, se cadra, é o feito de que nós, como humanos, non adoitamos utilizar aos robots sociais, senón que máis ben relacionámonos con eles. Pode este detalle cambiar a nosa idea do que significaba, polo menos no pasado, ser seres sociais?

— (Ri). É unha pregunta moi, moi profunda. Si é certo que hai un pouquiño disto: o robot pode entender o que ocorre na súa contorna dunha maneira social. Por exemplo: digamos que dúas persoas están a achegarse ao robot e van falando entre elas. Mesmo se están lonxe, o robot non debería pasar polo medio, verdade? Así que en certo xeito entende estes códigos.

Tamén teñen outro tipo de vantaxes, como unha interface que resulta sinxela para a xente. Estes robots teñen unha cabeza que poden virar, por exemplo, e a xente entende ese movemento. Cando isto ocorra, pode ser que unha persoa pense: “Vale, agora moverase nesa dirección, ou desprazarase para chegar ata o obxecto que está aí”. O feito de que teñan esta interface fai que sexa máis natural interactuar con eles. Se lle dás unha tablet á túa avoa, ela terá que entender primeiro como utilizala. Con todo, se tes un robot que interactúa dunha forma máis semellante ao noso comportamento non precisas entender realmente como funciona para empregalo.

Cando falamos desa interface estamos a referirnos a que estes robots, a diferenza doutros, gozan dunha presenza física: teñen un corpo, uns ollos… Pode isto afectar á forma na que somos capaces de empatizar con eles?

— Si, e á vez non. Hai estudos que demostran que se un robot imparte contidos de aprendizaxe, comparado co mesmo tipo de robot pero mostrado só a través dunha pantalla ou nun texto, a xente retén unha maior cantidade de información. Talvez isto débase á presenza física, xa que é a única variable que verdadeiramente cambia. Tamén son moi eficientes nun escenario de evacuación: a xente obedece máis ao robot que a unha voz.

Á vez, o feito de que teñan un corpo ás veces ten o seu aspecto negativo, máis relacionado con que en determinadas ocasións poderían empregarse dunha maneira que non sexa ética. Ademais, o feito de que poidan ter un aspecto similar ao dos humanos xera certas expectativas nas persoas que tampouco son boas. Que vexas a un robot que se pareza moito a un ser humano non quere dicir que o sexa. Este desaxuste tampouco é bo.

E falando de parecerse. A intelixencia artificial aprende constantemente dos humanos. Somos nós igual de capaces de aprender deles? Ata que punto nos limita o nos diferenza a nosa bioloxía?

— Definitivamente hai cousas que hoxe en día as máquinas poden facer moito mellor que os humanos. E nin sequera temos que falar da IA en concreto! Pensa nunha calculadora moi poderosa: non moitos humanos poderían igualar o seu potencial. Mesmo antes da intelixencia artificial as máquinas sacábannos vantaxe en certos aspectos, xa que son capaces de tomar millóns de datos e analizalos de maneira moi eficiente. Isto vémolo claro na ciencia, por exemplo: poden ata detectar tumores en imaxes, e isto é algo valiosísimo e que poderá axudar moito á comunidade médica.

A forma en que as máquinas aprenden inspirouse inicialmente no funcionamento do cerebro humano. De feito, dende a perspectiva da neurociencia esta é unha pregunta fantástica: existe a esperanza de que, a base de estudar o modo en que as máquinas aprenden, poidamos chegar a entender un pouquiño máis sobre o noso propio cerebro. Pero o certo é que o modo en que os humanos asimilamos a información é moi diferente.

O que acontece, se cadra, é que estamos falando de dúas formas distintas de aprendizaxe: as máquinas son capaces de recompilar e almacenar millóns de datos, pero cando se fala de improvisar e adaptarse a cada contexto… nós somos marabillosos.

— Exacto! Xa sabes, hai certas cousas que para nós son tan obvias e sinxelas de entender… pero para as máquinas é moi complexo. E estouche falando de cousas tan simples como saber cando tomar a quenda nunha conversación, ou como actuar cando tes a un grupo de cinco nenos berrando á vez. Así que, resumindo: diríache que hai unha chea de cousas diferentes nas que os humanos seguimos sendo moito mellores que os robots ou que os sistemas de IA, e penso que seguiremos séndoo por moito tempo.

— A súa charla titúlase Os robots (aínda) necesitan aos humanos no circuíto. A frase reflicte claramente a dualidade entre quen defende a necesidade dunha ética e unha moral humanas na intelixencia artificial e quen prioriza a autonomía dos robots. Cal é a tendencia actual dentro da comunidade? É importante o enfoque humanista, ou está a deixarse un pouco de lado?

— Penso que por un tempo talvez estivo algo descoidado: ata o de agora os robots atopábanse en fábricas ou en espazos onde non había humanos. Con todo, a medida que fomos implementando a estes robots autónomos nunha esfera máis social para que interactuasen coa xente, este aspecto humano fíxose cada vez máis necesario. Ademais, tal e como están construídos os sistema de IA hoxe en día, segue habendo moitos humanos detrás, codificando datos en segundo plano. Temos un modelo, mais necesitamos refinalo aínda, e para iso o compoñente humano é imprescindible. Así que, si, os robots aínda necesitan aos humanos.

— E se os humanos están no circuíto, tamén o están os seus nesgos. Como podemos facer que os robots aprendan dos humanos sen herdar os seus prexuízos? É realmente posible, ou trátase de algo inevitable que temos que aceptar?

— Non é inevitable aínda que, definitivamente, hai moitos nesgos vixentes hoxe en día, e que ademais poden ter distinta orixe: desde os propios datos, que poden non ser representativos de toda a poboación, como os nesgos das persoas que desenvolven estes sistemas. A sociedade en si ten prexuízos, de modo que, cando procuramos que a IA aprenda dos seres humanos, ao final estamos a tomar estas ideas preconcibidas para introducilas despois nun sistema que seguirá perpetuando este serie de prexuízos. Realmente trátase dun dos retos máis interesantes que teremos que enfrontar, e penso que deberíamos adoptar unha postura máis crítica e consciente desta problemática.

— Nestes momentos, á luz dos premios nobel, xurde unha polémica arredor da intelixencia artificial. Entende do que falo, verdade?

— Penso que si. Ademais, pensa que eu vivo en Suecia! (Ri) Bueno, persoalmente vexo á Intelixencia artificial como unha ferramenta fantástica, que pode achegar moito á investigación en campos moi diversos. De feito, non hai que irse a un futuro moi afastado, porque isto xa está a suceder: estes modelos e algoritmos poden axudar moito a avanzar nos diferentes campos da ciencia como a química, a física e a economía. Alá onde haxa moitos datos que analizar, terá un gran potencial. Para min o feito de que dous premios nobel foran adicados á IA non foi algo moi sorprendente. Ademais, o que recoñece é o resultado daquilo que conseguiron os investigadores, non da intelixencia artificial como tal. Aínda así, entendo que puidese parecer un pouco controvertido, pero sen ningunha dúbida eu véxoo como un bo sinal da gran capacidade que ten para axudar nas tarefas máis vencelladas á rutina, de análise de datos, mais non substitúen a nosa creatividade nin a nosa orixinalidade.

E para rematar: non podía perder a ocasión de pedirlle a Chat GPT que pensase nunha pregunta para vostede, así que aí vai: “Como afecta a crecente presenza de máquinas que imitan o comportamento humano á nosa comprensión da empatía, a conciencia e a interacción social?”

— Bueno, tal e como falabamos ao principio, existe esta noción de que podemos atopar cousas sobre o comportamento humano mediante o estudo sistemático de certos aspectos nas máquinas. Canto máis humanas sexan, máis se parecerán ao modo en que a xente interactúa de maneira natural. Aínda así, creo que neste momento atopámonos nunha fase de transición, polo que é moi importante que exista unha total transparencia e que a xente asimile que estes robots son máquinas. De feito, se o pensas, o propio Chat GPT déixao claro ao dicir constantemente: “Oh, síntoo, eu só son un modelo de linguaxe!”. Isto faise para que a xente vexa de maneira máis directa que son ferramentas, que son máquinas. Ten que haber unha separación entre o que é humano, o que é a vida, e o que se parece á vida pero non o é.

Creo que eu, desde a miña perspectiva como enxeñeira, teño ese límite moi claro. Aínda así, é normal que estas dúbidas sobre a interacción social xurdan, e de feito xa estamos a ver como hai xente que sente apego por estes sistemas artificiais e mesmo poden chegar a casar co seu robot. Agardo que esta nova xeración teña unha maior consciencia e vexa que realmente só son ferramentas, do mesmo xeito que un computador. Cada vez son máis avanzadas e máis intuitivas, e iso é bo, xa que permite á xente interactuar con elas, pero non debemos perder de vista que non nos substitúen, e que de ningunha maneira poderán substituír á conexión humana.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un estudo galego propón o aceite de xirasol para extraer microplásticos da auga

Investigadores das universidades de Vigo e Porto deseñan un sistema con potencial para incorporarse ás plantas de tratamento

Do Ribeiro a O Gato Negro e de Rodolfus a Casa Ponche: un paseo polos nove Soletes da Coruña

A distinción da Guía Repsol recoñece na provincia desde negocios tradicionais a restaurantes de recente creación

Descuberta unha ara galaico-romana en Caldas de Reis

Unha asociación local identificou a peza nunha finca privada e as autoridades trasladárona ao Museo de Pontevedra

Da mimosa á herba da fortuna: as 127 plantas invasoras que ameazan Galicia

Un estudo da Universidade de Oviedo recompila as especies vexetais introducidas que poñen en risco a biodiversidade do noroeste peninsular