Os socios fundadores de Data Monitoring co CEO, Gonzalo Abuín, no centro. Foto: Data Monitoring

Data Monitoring: tecnoloxía punta para o campo e a industria

A compañía lucense é finalista dos Premios Spin-Off PuntoGal

Un sinxelo dispositivo para controlar a temperatura dun tanque de leite foi a chispa que necesitaron os creadores da compañía Data Monitoring para desenvolver un proxecto que hoxe xa conta con diversas solucións aplicables tanto ao sector rural, no que se iniciaron, coma a outros campos industriais. A traxectoria destacada da empresa con sede en Vilalba foi avaliada moi positivamente polo xurado dos IV Premios Spin-Off PuntoGal, que decidiu premiar o seu labor coa designación coma finalistas no apartado de Idea Emerxente destes galardóns.

O proxecto da start-up lucense basease no desenvolvemento de diversos dispositivos e aplicacións interconectadas para monitorizar máquinas e procesos. Os datos recollidos por estes dispositivos se soben a servidores na nube, de xeito que se poda acceder á información en calquera momento e dende calquera lugar, co fin de facilitar a tomar de decisión e unha administración sinxela e eficaz. O internet das cousas ao servizo de todo tipo de industrias.

Neste momentos a empresa está a comercializar os dispositivos Datalact, Datawater, Datacold, Databeer, Datacoffee, Datatruck e Datawine. O primeiro deles foi o que deu lugar ao desenvolvemento de Data Monitoring e aplícase aos tanques de refrixeración de leite para controlar a súa temperatura. Os demais xurdiron despois pero o principio a aplicar é o mesmo, o control de diversos procesos industriais dende os depósitos de auga para consumo ás bodegas, pasando polos camións que transportan mercancías.

O principio de funcionamento destes dispositivos é o seguinte. Cóntase cun microcontrolador na orixe do proceso a monitorizar (tanque de leite, cámara de frío, etc) ao que se lle conectan uns sensores. A información é procesada localmente o que permite poñer en marcha unha bomba ou acender unha alarma. Ao mesmo tempo, os valores obtidos son enviados aos servidores a través dunha conexión wifi o GPRS e son almacenados en bases de datos e facilitados as aplicacións móbiles dos clientes.

Deste xeito poden comprobarse tanto os valores actuais coma os anteriores e pódense obter gráficas para facilitar a lectura. Os dispositivos tamén reciben notificacións especiais (alarmas) para avisar de situacións nas que se require supervisión (nivel baixo de auga, temperatura fora de rango, etc).

Ao longo da súa curta traxectoria, Data Monitoring xa tivo oportunidade de beneficiarse dos coñecementos  e experiencias obtidos nas aceleradoras Via Galicia, The Hop (Estrella Galicia) e BFAuto. Ademais, nos últimos tempos a empresa incorporouse ao programa Connect-19 que procura a aceleración de solucións innovadoras ante a pandemia do Covid-19.

Na súa curta traxectoria Data Monitoring participou nas aceleradoras Via Galicia, The Hop e BFAuto e conseguiu duplicar a súa facturación en 2019

Gonzalo Abuín, CEO da empresa, explica que os tres socios que iniciaron o proxecto seguen no mesmo e están orgullosos de poder sacar adiante un proxecto destas características nunha provincia coma Lugo. “Queremos seguir crecendo e ademais dar oportunidades á xente nova de aquí para demostrar que tipo de cosas se poden facer neste entorno”, apunta Abuín.  A start-up obtivo beneficios dende o primeiro momento e o ano pasado duplicou a súa facturación fronte á obtida en 2018.

Un dos proxectos mais destacados nos que están a traballar é un traballo para Estrella Galicia que permitirá monitorizar os tanques de cervexa de bodega que a compañía ten instalados en mais de 1.350 cervexerías. Nestes momentos o proxecto está parado debido á pandemia pero Abuín agarda que se poda retomar proximamente e supoña un novo salto cualitativo para a empresa.

Data Monitoring ten  nos seus plans de futuro a idea de crear algún tipo de fundación que se dedicará fundamentalmente áo emprendemento, á sostenibilidade e a mellora do medio ambiente, tres conceptos que están moi presentes neste proxecto dende o principio.  “Temos posibilidades de expansión internacional tamén”, indica Abuín, “pero antes queremos facernos fortes aquí para poder saír ao exterior coas maiores garantías”.

1 comentario

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.