O olfacto do raposo, máis desenvolvido có do can, apunta un estudo da USC

A científica Irene Ortiz, da Facultade de Veterinaria de Lugo, analiza na súa tese o órgano vomeronasal do "Vulpes vulpes"

A capacidade olfactiva dos cans leva moito tempo sendo obxecto de estudo por parte da ciencia. É un dos seus sentidos máis desenvolvidos, e chama a atención sobre todo nos cans domésticos, capaces de percibir todo tipo de estímulos cunha gran anticipación a través do seu olfacto. Porén, non parecen ser os cánidos co sistema vomeronasal máis desenvolvido, segundo un estudo de Irene Ortiz Leal, investigadora do grupo de Morfoloxía Animal (Morfan) da Facultade de Veterinaria do Campus de Lugo da USC. Ortiz Leal analiza no seu traballo, que forma parte da súa tese de doutoramento, o órgano vomeronasal do raposo (Vulpes vulpes), un animal que utiliza como modelo para comprender o olfacto nos cánidos salvaxes. O traballo aparece en Journal of Anatomy, unha das revistas de Anatomía máis importantes do mundo que está editada pola Sociedade Anatómica de Gran Bretaña e conta xa con 153 anos de historia.

 Irene Ortiz Leal, nun laboratorio do grupo de Morfoloxía Animal de Veterinaria. Foto: USC.
Irene Ortiz Leal, nun laboratorio do grupo de Morfoloxía Animal de Veterinaria. Foto: USC.

Esta investigación, que tamén asinan Mateo V. Torres, Paula R. Villamayor, Ana López Beceiro e Pablo Sánchez Quinteiro, céntrase nunha especie moi popular no territorio galego e que se antolla como un modelo ideal para poder valorar os efectos da domesticación de cánidos salvaxes no desenvolvemento do seu sistema vomeronasal.

Publicidade

Ademais de caracterizar por vez primeira vez o sistema vomeronasal do raposo, un órgano sobre o que existe máis descoñecemento que literatura científica, as pescudas desenvolvidas por Ortiz Leal permiten constatar que o sistema olfactivo dos raposos presenta un grao de desenvolvemento moi superior ao dos cans a nivel xeral, pero sobre todo, no que se refire ás súas particularidades neuroquímicas.

O artigo cobre así un oco no coñecemento deste sistema. “Non había estudos que examinasen as características morfofuncionais ou inmunohistoquímicas do sistema vomeronasal en cánidos salvaxes, o cal e sorprendente, dada a coñecida importancia dos sentidos químicos para o can e o raposo e a probabilidade de que este sistema desempeñe un papel na fisioloxía socio-reprodutiva e os comportamentos destas especies”, expón o traballo. Neste sentido, a caracterización dests sistema no raposo “podería contribuír a un mellor coñecemento do proceso de domesticación que se produciu no can, xa que o raposo representa o primeiro cánido salvaxe en ser estudado en profundidade” no referente a este órgano.

Publicidade

O estudo suxire que a domesticación dos cans produciu unha certa involución no seu sistema vomeronasal

As conclusións deste estudo espertan asemade certa sorpresa, cando non polémica, entre a comunidade científica, dado que a pesar da gran importancia que de sempre se atribuíu á capacidade de cheiro dos cans, o desenvolvemento do seu sistema vomeronasal semella ser bastante limitado. Daquela, a publicación de Ortiz Leal deixa entrever que ao longo da evolución da especie, o seu proceso de domesticación produciu certa involución do sistema vomeronasal dos cans.

A liña de investigación na que traballa Ortiz Leal ofrece unha achega interesante arredor do uso das cairomonas, unhas substancias que liberan os rapsosos nas secrecións das súas glándulas. Estas substancias químicas desprendidas polo raposo actúan como sinais de alarma para as súas presas, que son capaces de detectalas a través do seu respectivo órgano vomeronasal, engade a investigadora.

A identificación das cairomonas que libera o raposo nas secrecións das súas glándulas abre camiño ao futuro emprego de compostos presentes nos ouriños do raposo para o control de pragas propias de Galicia, segundo se sinala no traballo.


Referencia: The vomeronasal organ of wild canids: the fox ( Vulpes vulpes) as a model (Publicado en Journal of Anatomy).

1 comentario

  1. A degradación da coberta vexetal existente sobre os cantis, pola masificacion deste espazo singular, contribue a acelerar o colapso dos arcos, dado que a vexetacion axuda a mitigar o efecto erosivo da choiva; vexetacion, por outra banda, que forma parte dos hábitats naturais de interese comunitario que, a traves da Rede Natura, e obxectivo de protección. Tal e como establece a legislación ambiental, deberiase priorizar a conservación deste espazo fronte a outros intereses de tipo turístico-recreativo…

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Gciencia celebra o Día da Lingua Materna cun relatorio sobre a divulgación en galego

A xornalista Laura Filloy abordou a importancia de trasladar o coñecemento científico á sociedade nun acto celebrado no Campus de Lugo da USC

Atopado o talón de Aquiles da rata toupa, a praga que azouta a montaña luguesa

O estudo do órgano vomeronasal deste mamífero subterráneo avala o uso de químicos para diminuír a súa poboación e frear o seu impacto na agricultura

Os cubículos e corredores reducidos nas granxas de Lugo afectan a produción de leite

A tese de Sonia Verdes Gil conclúe que as superficies incómodas prexudican a saúde e a hixiene das vacas

O meu can sofre ansiedade? Así podemos detectala e tratala

Ladrido excesivos, caída de pelo, tremores, agresividade... A ansiedade patolóxica pode manifestarse con múltiples síntomas