O concello de Sanxenxo, que formará un peche perimetral conxunto co veciño do Grove, incorporarase na medianoite deste mércores ao xoves á lista de municipios con restricións de mobilidade, ademais do peche da hostalaría, as prohibicións de reunión con persoas non conviventes e outras medidas. É unha das principais decisións anunciadas esta mañá pola Consellería de Sanidade, despois da reunión do comité clínico de seguimento da pandemia da Covid-19. O resto de concellos afectados polas restricións, 68 en total, mantéñense coas mesmas medidas. Porén, os responsables sanitarios manteñen o foco na evolución de catro municipios (Sarria, Vilalba, Chantada e A Rúa), que contarán cun “seguimento específico” por parte do comité clínico, aínda que polo de agora no se establecerán novas medidas neles.
O mapa de medidas
Así queda por tanto a situación en Galicia:
O aumento da incidencia no Salnés levou a tomar a decisión do peche en Sanxenxo, uníndoo ás medidas xa vixentes no Grove. E no resto do país, aínda que as restricións se manteñen en todos os municipios unha semana máis, a evolución é dispar. Tanto o conselleiro, Julio García Comesaña, como a directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán Parrondo, expuxeron que o escenario é máis preocupante en Vigo e Lugo, por mor dos brotes detectados nalgunhas residencias de maiores e as cadeas de transmisión observadas en localidades como Sarria ou Vilalba. Os outros dous concellos en vixilancia, aínda que sen restricións (A Rúa e Chantada) amosan unha tendencia máis favorable.
No caso das áreas metropolitanas, a evolución é positiva en Santiago, cunha importante redución de casos, e tamén en Ferrol, A Coruña e Ourense. Menos favorables son os datos en Pontevedra, onde a detección de novos casos segue en valores importantes.
No Carballiño, onde se estableceu por primeira vez o peche da actividade non esencial na segunda onda, os datos son “francamente bos”, o que mesmo abre a porta, segundo suxeriu o conselleiro, a un levantamento das restricións.
Nas outras zonas afectadas por restricións e con importantes incidencias acumuladas nas últimas semanas, como a comarca de Bergantiños ou o municipio de Vimianzo, parece constatarse tamén un freo.
Con todo, e a pesar da mellora dos datos nos últimos días, sobre todo no referente á detección de casos, os responsables sanitarios advirten que “non se pode baixar a garda” polo que debemos “redobrar os esforzos e seguir traballando” para atallar a expansión do virus. As medidas seguirán vixentes, se non hai novidades, ata o 4 de decembro, aínda que desde Sanidade advirten que nas semanas posteriores, sobre todo de cara ao Nadal, seguirá sendo preciso limitar ao máximo os contactos sociais, pois a ocupación hospitalaria mantense en niveis bastante altos.
Situación actual
Segundo informou o Sergas, notificáronse 501 novos positivos confirmados mediante proba PCR entre a tarde do luns e o martes. Por áreas sanitarias, os casos pertencen á Coruña (129), Vigo (108), Pontevedra (92), Lugo (68), Santiago (61), Ourense (33) e Ferrol (22). Desde o comezo, Sanidade contabiliza 46.729 casos de coronavirus en Galicia.
Así foi a evolución nas últimas semanas.
Os casos activos, que mudan por mor dos novos positivos, pero tamén das altas e os falecementos, sitúanse este mércores en 9.051. Este é o panorama actual:
A positividade mantense arredor do 8-9%, despois do procesamento de 7.336 probas PCR respecto á ultima actualización:
Con todo, o escenario nos hospitais segue sendo complicado por mor do agravamento de infeccións detectadas hai semanas. O número de ingresos, que aínda supera os 50 diarios nas últimas xornadas, fai que a ocupación non descenda de forma notable. Pero parece albiscarse unha certa estabilización:
A nota máis negativa, a das persoas falecidas, sumou este martes seis óbitos, chegando aos 1.092 en Galicia, 473 na segunda onda, desde agosto, e 68 na última semana.