O comité clínico que asesora á Xunta de Galicia no seguimento da pandemia da Covid-19 acordou incrementar o número de concellos que se situarán nos maiores niveis de restricións (alto e máximo). Así o anunciou nunha comparecencia na mañá do mércores o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña: a partir do venres, 60 concellos, entre eles as sete cidades, verán restrinxida a capacidade dos locais da hostalaría e, para acceder ao seu interior, será preciso a presentación dun certificado de vacinación completa, proba diagnóstica negativa ou de ter superado a Covid-19. As medidas entrarán en vigor na medianoite do venres 30 ao sábado 3.
Segundo advertiu García Comesaña, a situación epidemiolóxica en Galicia empeorou desde a semana pasada, cando se restableceron restricións de reunións e a prohibición de encontros nocturnos con non conviventes, polo que se estende o número de municipios con maiores limitacións. A ocupación hospitalaria (un dos indicadores que o comité clínico ten en conta nesta nova onda) incrementouse notablemente desde comezos de mes, chegando este mércores a 264 persoas, 30 delas en UCIs. O conselleiro destacou que en coidados intensivos hai varias persoas menores de 40 anos e, en xeral, unha “ampla maioría de pacientes non vacinados“, aínda que a cobertura xa supera o 69% cunha dose e está preto do 63% con pauta completa.
A transmisión do coronavirus segue medrando en Galicia, cun novo día con máis de 1.000 casos detectados entre a tarde do luns e o martes. Hai máis de 18.500 persoas baixo seguimento cunha infección activa, e destaca a incidencia nas persoas menores de 30 anos, especialmente no grupo de 20 a 29: nesta franxa de idade, 1 de cada 40 persoas en Galicia tivo un diagnóstico positivo de Covid-19 nas últimas dúas semanas. Neste punto, o conselleiro advertiu dunha “infradeclaración” de contactos estreitos de persoas infectadas, o que dificulta o rastrexo e a contención da transmisión do virus.
Nivel máximo
Deste xeito, e diante da desfavorable evolución, os concellos de Muros, Baiona, Burela, Foz, Viveiro e Monterroso súmanse a o Barco de Valdeorras, Sanxenxo, A Pobra do Caramiñal, Boiro, Cambados, Meaño e O Grove no nivel máximo de restricións. Neles limítase a capacidade ao 30% no interior dos locais da hostalaría e 50% no exterior. As reunións entre non conviventes prohíbense entre a 1 e as 6 da madrugada.
Nivel alto
No seguinte chanzo de limitacións estarán 48 concellos. Ademais de Vigo, A Coruña, Ourense, Lugo, Santiago, Pontevedra e Ferrol, estarán desde este venres A Pobra do Caramiñal, Ames, As Pontes, Arteixo, Cambre, Cariño, Culleredo, Ortigueira, Lugo, Chantada, Monforte de Lemos, Verín, Bueu, A Guarda, Meis, Moaña, Mos, Ponte Caldelas, Porriño, Redondela, Ribadumia, Soutomaior, Melide, Carballo, Fisterra, Oleiros, Arzúa, Ribeira, Cervo, Ribadeo, Avión, Barbadás, O Carballiño, A Illa de Arousa, Vilagarcía de Arousa, Vilanova de Arousa, Marín, Poio, Gondomar, Nigrán, O Rosal e Tomiño.
Nestes municipios, a hostalaría limitará a súa capacidade ao 50%, tanto no interior como no exterior. E como no nivel máximo, esixirase o certificado de vacinación, diagnóstico negativo ou superación da Covid-19 para acceder ao interior. As reunións de non conviventes quedan prohibidas entre 1 e 6 da mañá.
Nivel medio e medio-baixo
A incidencia está a ser elevada en boa parte dos municipios, polo que, en atención aos criterios marcados polo comité clínico situaranse en nivel medio outros 52 concellos, cunhas restricións que afectan, principalmente, á capacidade na hostalaría (50% en interior e exterior). Quedan neste chanzo Beariz, Boborás, Caldas de Reis, Maceda, Mondoñedo, Noia, Oroso, Pereiro de Aguiar, Pontecesures, Ribadavia, Sada, San Cibrao das Viñas, Sarria, Silleda, Teo, Tui, Vilalba, Vilamartín de Valdeorras, Vimianzo, Bergondo, Brión, A Capela, Carnota, Cedeira, Cee, Corcubión, Coristanco, Curtis, Narón, Outes, Padrón, Pontedeume, Rianxo, Toques, Valdoviño, Barreiros, Rábade, O Valadouro, Celanova, Coles, Monterrei, Pobra de Trives, Riós, A Rúa, Arbo, Barro, A Cañiza, Cangas, A Lama, Ponteareas, As Neves e Vilaboa.
O resto dos concellos galegos, 201, situaranse en nivel medio-baixo, co que a capacidade na hostalaría estará no 50% en interior e 100% no exterior. En canto ás reunións de non conviventes, a prohibición cínguese ao horario entre as 3 e as 6 da madrugada, como no nivel medio.
En toda Galicia seguen vixentes as restricións decretadas a semana pasada, e avaladas polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, en canto ás reunións en espazos públicos e privados. Só se poderán xuntar un máximo de seis persoas en espazos pechados e 10 en abertos.