Publicidade
Sábado 17 Maio 2025
Publicidade

As vacinas de ARNm tamén reducen os contaxios nun 90%, di un estudo nos EUA

As fórmulas de Pfizer e Moderna axudan a evitar a transmisión, segundo unha análise dos Centros de Control e Prevención de Enfermidades

Desde que se iniciou a campaña de vacinación contra a Covid-19 xa se está a constatar nos grupos prioritarios unha redución dos casos graves da infección causados polo SARS-CoV-2. Porén, as análises realizadas ata o momento nos ensaios clínicos non achegan datos suficientes sobre a protección contra os contaxios. Isto é, as vacinas son protectoras contra a gravidade da Covid-19, pero non se constatou, ata o momento, que impidan a replicación do SARS-CoV-2 nas vías respiratorias superiores e, por tanto, eviten que as persoas xa vacinadas poidan contaxiar. Mais os primeiros sinais observados en condicións reais, na poboación xeral, achegan optimismo: segundo un estudo publicado este luns polos Centros de Control e Prevención de Enfermidades (CDC) dos Estados Unidos de América, unha soa dose das vacinas de ARN mensaxeiro (ARNm) contra a Covid-19 de Pfizer-BioNTech e de Moderna ten unha efectividade do 80% para previr o contaxio 14 días despois de recibila. E ao inxectar nunha persoa as dúas doses recomendadas, a efectividadeascende ata o 90%.

“Estou entusiasmada de compartir información sobre este novo estudo […] que avalía a efectividade das vacinas de Pfizer e Moderna á hora de previr as infeccións”, anunciou a directora dos CDC, Rochelle Wallensky, nunha rolda de prensa.

Publicidade

“Os achados complementan e amplían os datos dos ensaios clínicos, ao demostrar que as vacinas tamén poden reducir o risco de infección independentemente do estado dos síntomas da Covid-19. Reducir o risco de infección transmisible, que pode acontecer entre persoas asintomáticas ou presintomáticas, é especialmente importante no persoal de atención médica, emerxencias e outros traballadores esenciais e de primeira liña, dada a posibilidade de que poidan transmitir a enfermidade a través do contacto próximo cos pacientes e o público”, din os autores no traballo.

O efecto foi observado dúas semanas despois da administración da primeira dose aos participantes no estudo, realizado en 3.950 traballadores sanitarios entre o 14 de decembro e o 13 de marzo. Cada semana, e independentemente de que mostrasen síntomas ou fosen asintomáticos, realizáronse probas rutineiras para detectar infeccións por SARS-CoV-2 entre os voluntarios.

Publicidade

Incidencia menor nas persoas vacinadas

Entre todos os voluntarios, que debían non ter antecedentes de infeccións por Covid-19, o 62,8% (2.479) recibiu as dúas doses recomendadas e 477 (o 12,1%), só unha dose da vacina. O resto de participantes non foran vacinados.

Naqueles que non recibiron ningunha vacina rexistrouse unha taxa de incidencia de 1,38 infeccións por cada 1.000 voluntarios, mentres que nos que si se vacinaron total ou parcialmente soamente se rexistraron unhas taxas de incidencia de 0,04 e 0,19 infeccións por cada 1.000 persoas, respectivamente.

En total notificáronse 8 infeccións confirmadas por PCR entre as persoas con inmunización parcial (unha dose) e outras 3 infeccións entre quen se vacinou coa pauta completa. Segundo os CDC, estes achados indican que as vacinas de ARNm autorizadas son efectivas tamén para previr a infección por SARS-CoV-2.

“Estes resultados provisionais […] demostran que os esforzos actuais de vacinación tradúcense en beneficios preventivos substanciais entre adultos en idade de traballar. Reforzan a recomendación dos CDC dunha inmunización completa de dúas dose con vacinas de ARNm. Recoméndase a vacina Contra a covid-19 para todas as persoas candidatas”, conclúe o estudo.

Con todo, os autores do traballo insisten na provisionalidade dos resultados, suxeitos a limitacións como os intervalos de confianza amplos, atribuíbles ao número limitado de infeccións confirmadas despois da inmunización que se observaron, entre outros aspectos.


Referencia: Interim Estimates of Vaccine Effectiveness of BNT162b2 and mRNA-1273 COVID-19 Vaccines in Preventing SARS-CoV-2 Infection Among Health Care Personnel, First Responders, and Other Essential and Frontline Workers — Eight U.S. Locations, December 2020–March 2021.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Madrid, Portugal e EEUU: esta é a procedencia das distintas variantes da covid en Galicia

O grupo de Filoxenómica do CINBIO, pertencente ao consorcio EPICOVIGAL, amosa nun artigo científico a orixe e introdución de alfa, delta e ómicron na comunidade galega

Gripe aviaria, mpox, chikungunya… Cal será a próxima pandemia?

O epidemiológo Juan Gestal analiza as posibles ameazas para a saúde pública cinco anos despois do estoupido da covid

A revolución das vacinas contra a covid, o antes e o despois da ciencia

A tecnoloxía do ARN mensaxeiro permitiu crear fármacos para combater o SARS-CoV-2 en tempo récord e impulsou as inmunizacións masivas

Cinco anos do primeiro caso de covid en Galicia: o día que comezaron a cambiar as nosas vidas

O 4 de marzo de 2020 rexistrouse o 'paciente cero', un home que visitou A Coruña procedente de Madrid para facer unha entrevista de traballo