Venres 29 Marzo 2024

Así será o mapa de restricións en Galicia para a Semana Santa

O comité clínico pon o foco en xx concellos cunha maior incidencia e insiste en manter as medidas de prevención nestes días festivos

Nun contexto de crecemento lento dos contaxios de coronavirus, con varias comunidades autónomas xa con incidencias de elevado risco, o comité clínico que avalía a evolución da Covid-19 en Galicia decidiu este martes que, a partir do venres, 29 concellos ficarán en niveis de maiores limitacións. Diante do aumento da mobilidade por mor da festividade da Semana Santa, tanto os responsables da Consellería de Sanidade como membros do comité que participaron na comparecencia de prensa deste martes fixeron unha chamada á precaución e ao mantemento das medidas de prevención para evitar un aumento na transmisión. Así quedará o mapa a partir do venres:

  • Beade quedará como único concello en nivel máximo, co peche perimetral, a prohibición das reunións entre persoas non conviventes (agás excepcións contempladas pola normativa), e o peche da hostalaría.
  • No seguinte nivel, o alto, quedarán Abegondo, Baiona, Cortegada, O Irixo, Ortigueira, Padrenda, Pazos de Borbén, A Pobra do Brollón, Rábade, Sanxenxo e O Saviñao. Neles a hostalaría só estará aberta nas terrazas, ao 50%, e amplíase o seu horario ata as 21 horas. Permitiranse as reunións de catro persoas en espazos interiores e de seis no exterior, coa mesma prohibición xeral das reunións de non conviventes nos domicilios que rexe desde a semana pasada.
  • No nivel medio estarán a partir do luns os municipios de Vilardevós, Celanova, O Carballiño, Ribadavia, Xinzo de Limia, Cangas, Moaña, Gondomar, Meis, Bergondo, Boimorto, Carral, A Coruña, A Laracha, Arteixo, Betanzos e Camariñas. As reunións con non conviventes, no mesmo caso que nos tres niveis de menores limitacións, permitiranse sempre que non sexa no domicilio, con catro persoas en espazos interiores e seis en exteriores. Na hostalaría abrirán un 30% no interior e un 50% as terrazas, ata as 21 horas.

No resto dos concellos galegos, un total de 294, seguen vixentes as medidas do nivel medio-baixo, no que estarán permitidas as reunións en espazos públicos e locais de hostalaría, entre outros, de 4 persoas en interiores e 6 en exteriores, e a hostalaría poderá abrir ao 50% no interior e 75% no exterior ata as 21 horas.

Publicidade

Os cambios de nivel respecto á situación actual serán efectivos na medianoite do xoves ao venres, despois da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Situación actual

Segundo os datos difundidos este luns polo Ministerio de Sanidad, Galicia mantense cunha incidencia acumulada na contorna dos 70 casos/100000 habitantes a 14 días (69,04) e algo máis de 30 (31,04) na última semana. Isto é, estanse a detectar algo máis de 100 casos cada día. En atención a este indicador, a incidencia é a máis baixa desde o 20 de agosto de 2020.

Segundo a directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán, 140 concellos mantéñense sen positivos nos últimos 14 días. Na última semana a cifra medra a 180. Durán falou de “estabilidade” na situación da pandemia, cunha chaira lixeiramente descendente, a un ritmo de -0,6%. En atención ás áreas sanitarias, a responsable de Saúde Pública expuxo que a incidencia vai dos 39 casos/100000 habitantes de Ourense ata os 105,98 da área da Coruña. A positividade, isto é, a porcentaxe de casos detectados en relación ao total das probas diagnósticas de PCR e antíxenos, mantense por baixo do 3% (2,73).

Porén, o impacto da terceira onda aínda se mantén nos hospitais, con máis de 200 persoas ingresadas (181 en unidades de hospitalización e outras 26 na UCI). O resto dos pacientes, un total de 2100, están baixo seguimento domiciliario. A cifra de ingresos nos hospitais é a máis baixa desde comezos de setembro.

En canto á cifra de falecementos, sitúase este martes en 2336 persoas. Nas últimas semanas, despois da grave situación vivida durante e xaneiro e febreiro, os óbitos diarios están por baixo dos tres diarios:

Na comparecencia deste martes, o conselleiro de Sanidade destacou tamén a necesidade do avance da vacinación. Segundo Julio García Comesaña, máis de 147000 persoas completaron a pauta de inmunización, e administráronse, en total, 462095 doses. Este luns, a Xunta recibiu case 80000 novas doses (57330 de Pfizer-BioNTech e 32200 de Moderna). Agárdase a entrega de maiores remesas, tamén de AstraZeneca, nas vindeiras semanas e, a partir de mediados de abril, da de Janssen (cunha única dose).

García Comesaña destacou que, ata este martes, máis do 60% das persoas maiores de 80 anos en Galicia recibiu a primeira dose. A previsión para esta semana é manter durante todos os días, tamén os festivos, a campaña de inmunización.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Sanidade ordena a retirada dun coñecido fármaco para a diabetes

A AEMPS comunicou que os motivos se relacionan por un defecto de calidade que “non supón un risco vital para o paciente"

Galicia rexistra 16.000 novos casos de cancro e 8.000 mortes cada ano

A Fundación CRIS reúnese con Sanidade para solicitar unha maior cobertura aos pacientes oncolóxicos que requiren de medicamentos CAR-T

Funcionan os novos fármacos para deixar de fumar? “Se non cambias a conduta, a posibilidade de recaída é alta”

Mónica Pérez Ríos, investigadora da USC, explica que estes medicamentos teñen unha pauta de consumo de 25 días

Por que están aumentando os casos de covid en Galicia? Estas son as claves

Un maior movemento da poboación no verán, a caída da inmunidade e a aparición de novas liñaxes de ómicron poden ser os desencadeantes