Entregados os ‘Premios Valedora’ á perspectiva de xénero en TFG e TFM

‘Inxustiza epistémica e argumentación xurídica’ de Amara García Adán e ‘As políticas de igualdade de xénero na Universidade· de Ángela Fernández

Amara García Adán e Ángela Fernández Dasilva recolleron este martes os Premios Valedora do Pobo aos mellores traballados fin de grao (TFG) e fin de mestrado (TFM) en materia de igualdade e dereitos das mulleres.

Amara García, alumna do grao de Dereito da USC, foi recoñecida na modalidade TFG por ‘Inxustiza epistémica e argumentación xurídica. Especial atención nos casos de violación’; e Ángela Fernández, do mestrado en Igualdade, Xénero e Educación, por ‘As políticas de igualdade de xénero na Universidade. Os caso de Galicia’.

Publicidade

Cada traballo foi premiado con 1.000 euros e o correspondente diploma acreditativo. Este galardón é froito do convenio subscrito pola Valedora do Pobo con USC, UDC e UVigo. O xurado, constituído mediante reunión telemática e composto por representantes das entidades asinantes do convenio, valorou moi positivamente a alta calidade dos traballos, tanto nos gañadores coma nos finalistas. En total, concorreron ao certame 59 candidaturas.

Inxustiza epistémica

O xurado valorou a orixinalidade do TFG presentado por Amara García Adán no relativo ao tratamento que integra a dimensión de xénero no axuizamento; a metodoloxía utilizada, propia das ciencias xurídicas, sobre todo no estudo histórico do delito de violación; e a interpretación das normas e as fontes utilizadas. “Dada a importancia do tema tratado, valorouse o interese e corrección das conclusións acadadas”, subliñou o xurado. “O resultante é un traballo moi madurado, especialmente a respecto da evolución da consideración da existencia de violación segundo o contexto histórico que se analice”, apuntaron. O TFG presenta asemade unha análise da influencia dos estereotipos de xénero na interpretación das normas e na valoración das probas testificais, cun estudo especial no caso da ‘sentencia da Manada’. Finalmente, nas conclusións incide na necesidade da formación en cuestións de xénero para identificar e erradicar os prexuízos.

Publicidade

Políticas de Igualdade

No relativo ao TFM presentado por Ángela Fernández, o xurado valorou a utilidade práctica deste traballo que permitiría a súa aplicación para implementar as políticas de igualdade de xénero no ámbito universitario, cun valor importante pola información contrastada, exhaustiva e actualizada dos parámetros que determinan os niveis de igualdade nas universidades galegas. “Ofrece un diagnóstico a partir do cal os centros analizados poden elaborar pautas de actuación para corrixir fallas e mellorar tendencias”, apuntou o xurado. Esta diagnose faise respecto dos atrancos ou facilitadores para a igualdade que se detectan nas universidades e reflicten a identificación con situacións que se aprecian noutras organizacións sociais.

Finalistas

O TFG ‘Unha realidade silenciada. Violencia machista institucional’ de Sabela Pérez Martín e o TFM ‘Análise da representación das mulleres nos libros de FOL (Formación e Orientación Laboral) a través da revisión bibliográfica’ de Noelia Álvarez Estévez foron os traballos finalistas do certame.

O Salón Nobre do Colexio de Fonseca acolleu o acto de entrega de galardóns no que interviñeron o reitor Antonio López; a Valedora do Pobo, Mª Dolores Fernández Galiño; a conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana Somoza; e o reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde Alonso.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O desprazamento do chorro polar fará caer as temperaturas na fin de semana en Galicia

Meteogalicia advirte dun tempo cambiante con bochorno e risco de tormentas, e os modelos europeos prevén un descenso térmico a partir do venres

Un estudo galego constata que o despoboamento rural e o envellecemento favorecen os grandes incendios

Un informe elaborado por Juan Picos e o Eixo Atlántico analiza os lumes producidos na última década en preto de 5.000 entidades locais de España, Portugal e Francia

Unha dina ao oeste da península impulsa aire atlántico e provoca unha semana de inestabilidade en Galicia

A previsión apunta ceos nubrados, chuvias febles na fachada atlántica e temperaturas suaves. A influencia anticiclónica recuperarase de cara á fin de semana

Canto creceron as cidades galegas nos últimos 10 anos? Descúbreo neste mapa interactivo

A plataforma World Settlement Footprint Tracker sinala que tan só o 1,56% da superficie galega está ocupada por urbes ou contornas urbanas