Sábado 7 Decembro 2024

Un proxecto da UVigo aplica a medicina de precisión para estudar o cancro colorrectal

A través das células tumorais circulantes, o científico João Alves intentará identificar patróns moleculares que indiquen a agresividade dos tumores

O proxecto impulsado polo investigador do Laboratorio de Filoxenómica da Universidade de Vigo e do Centro de Investigacións Biomédicas, João Miguel Fernandes Alves, estudará durante os próximos dous anos as características das células tumorais circulantes como ferramentas para a medicina de precisión no cancro colorrectal. Trátase dun estudo que pon o foco na medicina personalizada tratando de revelar as características do cancro de cada paciente co fin de guiar, optimizar e xestionar estratexias terapéuticas específicas máis efectivas. No proxecto participa tamén o catedrático David Posada, como supervisor, e colaboran na recollida das mostras de pacientes o CHUO e Hospital Álvaro Cunqueiro.

Fernandes Alves explica que neste proxecto se integran as estratexias de xenómica molecular e poboacional co obxectivo de identificar biomarcadores prognósticos e preditivos en cancro colorrectal empregando a biopsia líquida. Fronte ás biopsias tradicionais, que proporcionan información limitada sobre o panorama mutacional de cada tumor, a idea dos investigadores vigueses é colleitar subconxuntos de células circulantes tumorais (CTCs) que se atopan no sangue a través de biopsias líquidas. Deste xeito óptase por empregar extraccións de sangue “non invasivas” de pacientes oncolóxicos, co obxectivo de avaliar unha posible correlación entre a diversidade xenómica destas células e a progresión tumoral e a supervivencia en pacientes de cancro colorrectal.

Publicidade

Medicina personalizada

Para Alves “esta investigación poderá contribuír á identificación tanto de patróns ou eventos moleculares que sexan indicadores da agresividade dos tumores e que, a longo prazo, serán moi útiles na clínica para a estratificación de pacientes e a medicina personalizada”, que permitirá guiar, optimizar e xestionar estratexias terapéuticas específicas máis efectivas.

O feito de que os tumores individuais amosen unha heteroxeneidade xenómica substancial, é dicir, que dentro do tumor haxa células con diferentes características xenéticas, “ten profundas implicacións nos métodos actuais de diagnose e tratamento do cancro”.  Non obstante, ata agora os estudos que exploran a importancia clínica das células tumorais circulantes (CTCs) tense centrado principalmente en contaxes celulares, cando os estudos recentes teñen demostrado que as CTCs conforman unha poboación de células xeneticamente distintas, de maneira que a incorporación desta información xenética podería aumentar o valor clínico das CTCs.  Así, dende a asociación seleccionaron este proxecto vigués porque o seu obxectivo é “avaliar a posible correlación de diversidade xenómica de CTCs coa progresión tumoral e a supervivencia en cancro colorrectal e isto aumentará significativamente o coñecemento sobre o uso de información derivada de CTCs para o manexo de pacientes e a medicina personalizada”.

Publicidade

O cancro colorrectal supuxo o 15,3% de todos os tumores diagnosticados en España en 2020. Segundo datos do Observatorio da Asociación Española contra o Cancro, trátase do segundo tumor máis frecuente en varóns despois do de próstata e o segundo en mulleres despois do de mama, sendo a segunda causa de morte por cancro despois do cancro de pulmón. A mortalidade do cancro de colon ten unha relación moi estreita co estilo de vida e a redución da súa incidencia ten moito que ver coa mellora dos métodos de cribado.

Apoio da AECC

A Asociación Española contra o Cancro ten moi claro que a ciencia salva vidas, motivo polo que se ten convertido na entidade social e privada que máis fondos destina para a investigación en cancro. Así, na pasada convocatoria de 2020, o proxecto promovido polo investigador João Miguel Fernandes Alves recibiu unha achega de 200.000 euros, unha axuda moi importante para impulsar este estudo que pon o foco na medicina de precisión.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un estudo galego atopa unha prometedora vía para predicir a evolución do cancro oral

O investigador da Universidade de Santiago Samuel Rodríguez Zorrilla emprega vesículas extracelulares para prognosticar o progreso dos pacientes de carcinoma e a súa supervivencia despois dunha cirurxía

Alicia Bruzos, talento galego recoñecido no exterior: Premio L’Oréal-Unesco en Francia

A investigadora vén de ser recoñecida co galardón de Novos Talentos da institución no país galo pola súa investigación sobre cancro en berberechos

Nobel de Medicina por un descubrimento fundamental na regulación dos xenes

Victor Ambros e Gary Ruvkun foron os primeiros en vencellar o microARN e coa diferenciación das células, un achado de grande relevancia para entender a evolución dos organismos complexos

Vesículas extracelulares: unha nova arma para frear o envellecemento?

Investigadores do Grupo de Terapia Celular e Medicina Rexenerativa do CICA explora novas vías para deter e reverter os danos producidos polas células senescentes, asociadas ao envellecemento