O CSIC busca unha vacina contra o virus SARS-CoV-2 modificando o da varíola

O traballo está dirixido por Mariano Esteban, investigador do Centro Nacional de Biotecnoloxía que se formou na Universidade de Santiago

Un grupo de investigadores do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) con experiencia no desenvolvemento de vacinas fronte ao VIH, o ébola, o zika ou o chikungunya centra os seus esforzos nunha vacina para o novo coronavirus SARS-CoV-2, responsable da pandemia da COVID-19. A estratexia do equipo do Centro Nacional de Biotecnoloxía (CNB-CSIC) que lidera o científico Mariano Esteban consiste en xerar vectores virais baseados nunha modificación do virus Vaccinia, usado na erradicación da varíola. Esteban formouse na Universidade de Santiago de Compostela, onde estudou Farmacia e Ciencias Biolóxicas e doutorouse en Microbioloxía.

O equipo de científicos traballa en crear vectores virais modificados de Vaccinia que conteñan unha proteína da superficie do SARS-CoV-2 e que sexan capaces de xerar unha resposta inmune con capacidade para protexer o organismo ante a exposición ao coronavirus. Baseándose na publicación das primeiras secuenciaciones do xenoma do virus, a principios de xaneiro deste ano, os investigadores optaron por empregar a proteína S (spike), que está na superficie do virus e que este utiliza para unirse á célula do hospedador, ademais de ser o maior indutor de anticorpos protectores.

Publicidade

“Illáronse múltiples placas de virus ata obter as que conteñen o xene da proteína S. Queda agora demostrar que esta proteína é estable e que ten capacidade para inducir a resposta inmune específica nun modelo animal, incluída a produción de anticorpos que neutralicen ao virus”, explica Esteban.

Ao non empregar o virus SARS-CoV-2 completo, segundo explican no CSIC, os investigadores poden traballar en condicións de menor nivel de seguridade biolóxica e, por tanto, requírese menos complexidade experimental á hora de desenvolver a vacina. Como sinala o investigador, “a nosa aproximación é diferente á do grupo de Luis Enjuanes (tamén do Centro Nacional de Biotecnoloxía), xa que usa só un compoñente viral e non o virus completo, pero é o compoñente máis importante desde o punto de vista inmune e de protección”.

Publicidade

A aproximación para partir do virus Vaccinia conseguiu inducir unha alta protección cunha soa dose en vacinas desenvolvidas por este grupo contra o ébola, o zika e o chikungunya. E cabe destacar que o vector do virus, que se empregou en numerosos ensaios clínicos, xa conta coa autorización como vacúa fronte á varíola das axencias reguladoras US Food and Drug Administration (FDA), de Estados Unidos, e a europea European Medicines Agency (EMA). “Por iso cremos que a vacina MVA-COVID-19 sería segura e poderíase administrar a todo tipo de poboación en todas as franxas de idade, incluíndo persoas con inmunodeficiencias”, conclúe Mariano Esteban.


Máis información:

Enjuanes: “É moi probable que este coronavirus regrese cada inverno”

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Entre a volta ás aulas e o descenso da vacinación en Europa: cales son as vacinas necesarias na infancia?

O calendario infantil marca que os bebés recibirán a maior parte das súas doses durante o seu primeiro ano de vida

Nace unha app de ciencia cidadá para o seguimento da agresiva alga asiática presente en Galicia

A ferramenta deseñada polo CSIC busca mellorar o coñecemento dunha especie invasora que apareceu nas costas galegas en 2024

O CSIC liderará a recuperación e musealización das singulares salinas romanas do Aguncheiro

A intervención permitirá escavar 300 metros cadrados, consolidar as estruturas e abrir o singular complexo da época imperial ás visitas

Noites que matan: cando a calor non dá tregua aínda que caia o sol

En noites de exceso de calor extrema, o risco de morrer aumenta un 2,6% respecto ás noites sen tensión térmica. Por Dominic Royé