Sábado 27 Abril 2024

Por que é tan importante seguir o rastro do mal chamado ‘paciente cero’?

Científicos de medio mundo fan un labor de detectives para atopar os primeiros casos de contaxio da Covid-19

Por Laura Chaparro

Identificar ao primeiro paciente que contraeu a enfermidade producida polo coronavirus SARS-CoV-2 en China é fundamental para pescudar a súa orixe. Tamén se está a facer noutros países, unha tarefa na que os epidemiólogos se converten en verdadeiros detectives. Os expertos salientan a importancia de preservar a identidade destas persoas para evitar que se lles culpabilice.

Publicidade

Un home de 55 anos da provincia de Hubei (China) podería ser a primeira persoa en contraer a COVID-19, a enfermidade causada polo coronavirus SARS-CoV-2. Así aparece publicado no diario South China Morning Post, que cita datos do goberno chinés aos que tería acceso ese medio. Segundo a información, o home contraería a enfermidade o 17 de novembro de 2019.

De momento, estes datos non foron confirmados polas autoridades chinesas nin tampouco foron validados pola comunidade científica. O que se sabe é que o 31 de decembro de 2019, a Comisión Municipal de Saúde e Sanidade de Wuhan (na provincia de Hubei) informou sobre un agrupamento de 27 casos de pneumonía de causa descoñecida con inicio de síntomas o 8 de decembro.

Representación temporal dos contactos do posible caso índice alemán. / The New England Journal of Medicine.

Os pacientes estiveran expostos a un mercado almacenista de marisco, peixe e animais vivos na cidade de Wuhan, aínda que a fonte do brote segue sen estar identificada. O mercado pechou o 1 xaneiro de 2020 e o 7 de xaneiro as autoridades chinesas identificaron como axente causante do brote un tipo de virus da familia Coronaviridae, ao que denominaron SARS-CoV-2.

De confirmarse a información publicada polo medio chinés, esa persoa sería o ‘paciente cero’, o que en epidemioloxía se coñece como caso primario ou caso índice auténtico. “O caso primario é o caso inicial dun brote dunha enfermidade infecciosa localizada, o que introduce unha infección nunha familia, grupo ou rede”, explicou á axencia SINC Richard A. McKay, investigador do departamento de Historia e Filosofía da Ciencia da Universidade de Cambridge (Reino Unido).

Desde a Sociedade Española de Epidemioloxía (SEE) prefiren referirse a esta persoa como caso índice auténtico. “Hai quen fala de casos primarios e casos secundarios pero no estudo de contactos quizais queda un pouco máis claro se falamos de caso índice, casos secundarios e o caso índice auténtico, que sería o primeiro que inicia o brote epidémico”, aclara Joan Caylà, epidemiólogo da SEE e presidente da Fundación da Unidade de Investigación de Tuberculose de Barcelona.

Ás veces o primeiro caso identificado polo sistema sanitario (caso índice ou paciente 1) non coincide co caso que dá orixe á epidemia (caso índice auténtico ou paciente cero), o que dificulta saber como se orixinou o brote.

15 novas preguntas sobre o coronavirus: responden os expertos

“Se o paciente 1 non coincide co paciente cero, toda a trazabilidade da propagación da infección queda complicada, por mor de que significa dicir que outra persoa infectada pode estar a transmitir o virus”, sinala César Velasco, epidemiólogo e director da Axencia de Calidade e Avaliación Sanitarias de Cataluña (AQuAS).

Os expertos coinciden na importancia de identificar á persoa que iniciou o brote para trazar un patrón sobre a orixe do virus e as súas causas. Como apunta Caylà, a partir do caso índice auténtico poderiamos saber se esta persoa tivo contacto con morcegos, con pangolines ou con algún outro animal. “Isto axudaría a precisar como saltou de animais a persoas”, detalla.

En paralelo, os científicos afánanse tamén en atopar os primeiros casos de cada país afectado pola pandemia. Hai uns días publicábase unha carta na revista The New England Journal of Medicine na que os científicos apuntaban ao posible primeiro caso alemán, un home de 33 anos que puido contraer a enfermidade tras estar en contacto nunha reunión de traballo cunha muller chinesa preto de Múnic o 20 e 21 de xaneiro. A muller, residente en Shanghái, empezou a experimentar síntomas no voo de volta ao seu país, o 22 de xaneiro e aos poucos días deu positivo en COVID-19.

Segundo os autores, a transmisión do virus puido producirse cando a muller non tiña síntomas aínda. O home alemán comezou a atoparse mal, con dor de gorxa, calafríos, dor de cabeza, febre alta e tose produtiva desde o 24 de xaneiro, pero aos poucos días sentiu mellor e volveu traballar o 27 de xaneiro. Ao informar á compañía, fixéronlle o test por COVID-19 e deu positivo. Os autores cren que puido contaxiar a outros dous empregados antes de desenvolver os síntomas.

Un labor de detectives

No caso de Estados Unidos, unha investigación publicada nesa mesma revista o pasado 5 de marzo informaba do posible primeiro caso confirmado no país. Trataríase dun home de 35 anos que o 19 de xaneiro acudiu a unha clínica de urxencias no condado de Snohomish (Washington) con tose e febre. Segundo contou ao persoal sanitario, viaxara a Wuhan para visitar á súa familia e regresou a Washington o 15 de xaneiro.

Pero a investigación epidemiolóxica avanza case tan rápido como o virus e este puido non ser o caso índice dos EUA. Nunha investigación posterior publicada o 13 de marzo en The Lancet, os autores afirmaron que o caso identificado no condado de Snohomish foi o primeiro confirmado no estado de Washington, pero non en todo o país. No seu artigo, os científicos reportan outro caso previo, unha muller sexagenaria que viaxou o 25 de decembro a Wuhan para visitar a familiares e regresou a Illinois o 13 de xaneiro, desenvolvendo a enfermidade aos poucos días.

“Os epidemiólogos realizan un verdadeiro traballo de detectives, tratando de identificar a casos e aos seus contactos para remontar ao primeiro paciente. Ás veces é moi difícil atopar ao paciente índice, sobre todo cando pasaron varios meses”, declara Adelaida Sarukhan, inmunóloga e redactora científica no ISGlobal.

En busca da orixe do brote en España

En España, o primeiro caso confirmado por COVID-19 identificouse na Gomera o 31 de xaneiro e tratábase dun turista alemán que tivera contacto cun paciente coa enfermidade no seu país. Con todo, aínda se descoñece a orixe do brote que despuntou a principios de marzo.

“Tería interese pescudalo para ver se os primeiros pacientes que introduciron o coronavirus en España procedían do norte de Italia, se eran un grupo ou como foi e a que sitios de España foron. Parece que a maioría irían do norte de Italia á comunidade de Madrid e iso en parte explicaría que Madrid estea máis afectada”, baralla Caylà.

Ademais do meticuloso seguimento dos pacientes e dos seus contactos, a análise xenética molecular tamén axuda a identificar os posibles casos índice, xunto a outras ferramentas computacionales.

“Existen métodos que comparan os datos do mundo real na rede de persoas infectadas coas simulacións da propagación da enfermidade na mesma rede, supoñendo un nodo determinado como paciente cero”, afirma Velasco.

Con epidemias con menos casos, como brotes de sarampelo, tuberculose ou infeccións de transmisión sexual, ao estudar aos pacientes e aos seus contactos, adóitanse atopar os casos índice.

Ricardo Cao: “É moi importante ter datos fiables para modelizar a epidemia”

Unha vez que se identifican a estas persoas, os expertos fan fincapé en que non se difundan os seus datos persoais para evitar que se lles culpabilice. “Se se identifica o caso índice, non se trata de revelar a súa identidade, o cal podería ser moi estigmatizante. Trátase de obter a maior información posible sobre os comportamentos ou factores que poden favorecer que se repita esta situación no futuro”, recalca a inmunóloga do ISGlobal.

O caso máis famoso de paciente identificado con nome e apelidos e acusado erroneamente de introducir o VIH nos Estados Unidos foi o do auxiliar de voo canadense Gaëtan Dugas (1953-1984). En 1984, un estudo publicado na revista The American Journal of Medicine apuntaba a que varias infeccións por VIH nese país poderían atribuírse a unha mesma persoa.

Posteriormente, o xornalista Randy Shilts que no seu libro And the band played on (1987) documentaba o brote de VIH no país, publicou o nome e apelidos do auxiliar de voo, cualificándoo como ‘paciente cero’, unha etiqueta que lle perseguiu ata a súa morte. Investigacións posteriores demostraron que non era así. Un traballo publicado en Nature en 2016 revelou, tras analizar o xenoma completo de Dugas, que non existían probas biolóxicas nin históricas para crer que el desencadease a epidemia en América do Norte.

“O concepto de ‘paciente cero’ soa científico pero é calquera caso menos iso. De feito, o termo non existía antes da epidemia da SIDA e foi creado por accidente”, lembra McKay, coautor do estudo de Nature e autor de Patient Zero and the Making of the AIDS Epidemic (2017).

No libro, o investigador narra como investigadores dos Centros para o Control de Enfermidades de Estados Unidos crearon o termo de ‘paciente cero’ sen darse conta, cando realizaban as primeiras análises sobre a entón aínda emerxente crise de saúde pública. Ese concepto e a identidade do hipotético primeiro caso foron os que utilizou erroneamente o xornalista Shilts no seu libro, que se converteu nun best seller.

Para non repetir os mesmos erros coa pandemia do coronavirus, McKay recomenda que cando se escriba sobre o proceso de procura de casos e contactos “sempre se faga con extremo coidado xa que existen fortes impulsos sociais para atribuír responsabilidade e culpa”.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Gripe H5N1: a próxima pandemia?

Unha variante do virus, presente dende 2020, está a causar mortalidades nunca vistas en aves, tanto domésticas como silvestres

Catarreira, friaxe, peleira… As 12 palabras galegas para referirse ao arrefriado

O proxecto ALGa do Instituto da Lingua Galega permite coñecer as variantes léxicas deste estado patolóxico

Detectado o virus de Crimea-Congo en carrachas do Bierzo: “Probablemente xa estea en Galicia”

Os expertos advirten que a enfermidade hemorráxica parece estar propagándose polo noroeste peninsular e urxen medidas para freala

O festival científico CinVigo encheu a Porta do Sol de ciencia e ilusión

Participaron máis de 220 alumnos de Secundaria, Bacharelato e FP que presentaron 58 proxectos na feira celebrada na cidade olívica