Sábado 20 Abril 2024

Descuberto o mecanismo da obesidade como factor de risco da covid

Un estudo liderado dende Santiago por investigadores do CIBEROBN vén de desvelar o papel da regulación epixenética do xene ACE2, presente no tecido adiposo

Dende o inicio da pandemia, a obesidade foi sinalada como un factor de risco da covid, aínda que non se coñecían ben os mecanismos implicados nesta relación. Afondando neste eido, un estudo levado a cabo por un grupo do CIBEROBN e liderado por investigadoras de Santiago de Compostela, vén de desvelar o papel do xene ACE2, abrindo unha vía a novas terapias na medicina personalizada.

“Neste estudo analizamos se os cambios epixenéticos no tecido adiposo poderían contribuír a explicar o aumento da mortalidade dos suxeitos con obesidade por covid, dado que as modificacións epixenéticas son dinámicas e reversibles e poden representar obxectivos terapéutivos para a prevención dos trastornos relacionados coa obesidade, incluída a covid”, explica Ana B. Crujeiras, investigadora do CIBEROBN no Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (IDIS) e líder do estudo.

Publicidade

A análise

Os investigadores analizaron os niveis de metilación de ACE2 en 98 mostras procedentes de pacientes con sobrepeso ou obesidade e voluntarios con peso normal. No caso dos primeiros, estes foron divididos en tres grupos para recibir distintos tratamentos de adelgazamento: un baseado nunha dieta cetoxénica moi baixa en calorías; outro, unha dieta equilibrada baixa en calorías; e por último, outro que foi intervido cirurxicamente para inducir a perda de peso.

A análise das marcas realizouse no tecido adiposo subcutáneo e visceral e foi reflictido nos leucocitos sanguíneos de pacientes con obesidade en comparación cos pacientes con peso normal e despois das terapias de perda de peso. “Estes resultados suxiren que a asociación entre a obesidade e a predisposición a unha maior severidade da covid podería estar medida por unha regulación epixenética do xene ACE2“, afirma a investigadora principal.

Un avance

Desta forma, o estudo supón un avance cualitativo neste camiño xa que as marcas de metilación, un mecanismo epixenético fundamental na regulación da expresión de xenes, do ACE2 no tecido adiposo poderían proporcionar ferramentas útiles para identificar aos individuos de risco e predicir a progresión da súa enfermidade. Alén, estas marcas de metilación poden ser detectadas a través dunha mostra minimamente invasiva nos leucocitos sanguíneos.

O estudo foi levado a cabo en colaboración co Instituto de Investigación Biomédica de Málaga (IBIMA), o Instituto de Investigación Biomédica de Xirona (IdIBGi), o Instituto de Investigación das Illas Baleares (IdIsBa), o Instituto de Investigación Lucio Lascaray e Bioarava de Vitoria, o Instituto de Investigación Sanitaria da Universidade de Navarra (IdisNA), o Centro de Investigación de Endocrinoloxía e Nutrición da Universidade de Valladolid e a Universidade de Sao Paulo de Brasil.


Referencia: Adipose tissue and blood leukocytes ACE2 DNA methylation in obesity and after weight loss (Publicado en European Journal of Clinical Investigation)

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un equipo galego sinala os lípidos en sangue como biomarcadores de covid persistente

Investigadores do CiQUS ofrece unha nova perspectiva sobre a natureza desta enfermidade e abre a porta a diagnósticos e tratamentos máis específicos

Galicia é a quinta comunidade autónoma con maior prevalencia de obesidade

Un estudo da USC asocia os altos índices de avellentamento cun maior exceso de peso na poboación galega

Identificada unha proteína esencial na regulación da obesidade

Un estudo do CSIC descobre que Dido1 ten unha función clave no desenvolvemento do tecido adiposo

Un equipo galego demostra que o estómago é capaz de regular o apetito e o peso corporal

O estudo do IDIS revela cambios substanciais na produción da proteína GDF15 a nivel gástrico vinculados coa obesidade, a idade e o xénero