Xa no pasado mes de marzo, cando a OMS declarou a pandemia da Covid-19, os neurólogos comezaron a alertar sobre os efectos do coronavirus no noso sistema nervioso. Perda de olfacto e do gusto, aumento de accidentes cerebrovasculares… pero no cumio da crise estes síntomas semellaban menores fronte aos respiratorios. É agora cando cobran a súa verdadeira dimensión os danos neurolóxicos.
Segundo unha nova revisión da investigación publicada en Annals of Neurology, aproximadamente a metade dos pacientes hospitalizados con coronavirus experimentan síntomas neurolóxicos que inclúen mareos, dificultade para concentrarse, perda do olfacto e o gusto, convulsións, derrames cerebrais e debilidade.
Os achados ilustran que a Covid-19 , a enfermidade que causa o coronavirus, é moito máis que unha infección respiratoria e que máis ben unha representa “unha ameaza global” para todo o sistema nervioso, incluídos o cerebro, a medula espinal e os nervios, segundo os autores do estudo.
“É importante que o público en xeral e os médicos sexan conscientes disto, porque unha infección por SARS-CoV-2 pode presentarse con síntomas neurolóxicos inicialmente, antes de que chegue a febre, tose ou problemas respiratorios”, dixo onte o autor principal do estudo, Igor Koralnik, profesor de neuroloxía na Escola de Medicina Feinberg da Universidade Northwestern.
Algúns dos outros síntomas neurolóxicos que experimentaron os pacientes incluíron dor de cabeza, diminución do estado de alerta e dor muscular.
“Os síntomas neurolóxicos poden presentarse antes da febre, a tose ou os problemas respiratorios”
Ten sentido que o sistema nervioso poida verse afectado pola Covid-19 se, por exemplo, o desgaste do virus nos pulmóns e o corazón fai que sexa difícil levar osíxeno dabondo ao cerebro. Iso á súa vez pode contribuír aos accidentes cerebrovasculares que experimentaron algúns pacientes. O virus tamén pode infectar o cerebro directamente, din os autores do estudo, e a reacción do sistema inmune pode causar inflamación que dana o cerebro e os nervios.
É demasiado cedo para saber moito sobre se as consecuencias neurolóxicas persisten e por canto tempo, pero Koralnik e os seus colegas planean pescudalo ao seguir aos sobrevivientes de COVID-19 que foron tratados no seu hospital. Porque outros estudos e expertos chamaron a atención sobre as consecuencias cognitivas a curto e longo prazo.
O estudo actual axuda a enmarcar e comezar a explicar algo que chamou a atención de moitos médicos: as taxas aparentemente grandes e a persistencia de complicacións cognitivas a curto e longo prazo da Covid-19.
Un estudo anterior suxeriu que ata o 65 por cento dos pacientes con Covid-19 experimentaron delirio, un efecto aterrador despois da UCI que pode incluir alucinacións vívidas, desorientación, irritabilidade e unha variedade doutros cambios cognitivos sorprendentes.
Os pacientes hospitalizados con Covid-19 tamén poden ser susceptibles a ataques de ansiedade e pánico, así como á síndrome posterior á UCI ou PICS, un conxunto de síntomas que inclúen debilidade xeneralizada, desafíos cognitivos e mal humor.
“A diferenza do trastorno de tensión médica postraumática, que tamén é unha preocupación para os pacientes con Covid-19, PICS xeralmente non é debilitante dabondo como para alcanzar un nivel clínico de depresión ou ansiedade, pero pode esgotar aos sobrevivientes e aos seus familiares durante meses ou anos”, explicou o neumólogo da Universidade de Minnesota Craig Weinert nunha entrevista con Business Insider.
Calquera enfermidade que poña en perigo a vida das persoas en coidados intensivos pode provocar complicacións cognitivas e psicolóxicas, como delirio e PICS debido á inxesta limitada de osíxeno, medicamentos sedantes e estar nun ambiente estraño onde os pacientes non saben distinguir día a noite. Ao que hai que engadir a ausencia de acompañantes como familiares ou amigos.
Pero os expertos din que é probable que a Covid-19 teña consecuencias propias pola infección do cerebro e por afectar ao sistema nervioso. A combinación da propia acción do coronavirus co propio ambiente das UCIs é o que máis preocupa para o dano neurolóxico que deixa nos pacientes, aínda despois de superar a doenza.
Aquí podes consultar o estudo publicado en Annals of Neurology