Un equipo galego achega novas claves sobre a evolución dunha grave patoloxía circulatoria

O estudo do aneurisma de aorta abdominal achega unha base científica para o desenvolvemento de biomarcadores sanguíneos que permitan diminuír o risco dos pacientes

Un equipo internacional de Investigadores, dirixidos dende o grupo Metabolic Homeostasis and Vascular Calcification do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (IDIS), publicou un estudo que achega novas claves para comprender o crecemento temperán do aneurisma de aorta abdominal, unha enfermidade cardiovascular grave e potencialmente mortal.

O aneurisma de aorta abdominal consiste nunha dilatación anormal da arteria principal do corpo e adoita evolucionar de forma silenciosa. A súa rotura ten unha elevada mortalidade, polo que mellorar a capacidade para predicir a súa evolución é un dos grandes retos da medicina cardiovascular. Na actualidade, a cirurxía é o único tratamento capaz de previr a rotura do aneurisma, pero só se indica cando a dilatación acada un tamaño elevado. Para os aneurismas pequenos, o control e seguimento periódico é a única opción clínica.

Publicidade

O estudo do IDIS analiza mostras de sangue de pacientes europeos e demostra que a actividade da fosfatasa alcalina circulante e a degradación do pirofosfato, unha molécula que protexe fronte á calcificación das arterias, están relacionadas coa velocidade de crecemento do aneurisma nas súas fases iniciais.

Futuro marcado por biomarcadores sanguíneos

Os resultados amosan unha relación inversa entre a degradación do pirofosfato no sangue e o crecemento do aneurisma, o que suxire que algúns procesos de calcificación poderían contribuír a estabilizar a parede da aorta en determinados pacientes. Neste contexto, o estudo achega unha base científica para o desenvolvemento futuro de biomarcadores sanguíneos que permitan mellorar a estratificación do risco e o seguimento personalizado dos pacientes con aneurisma de aorta abdominal.

Publicidade

O traballo desenvolto en colaboración con centros de investigación e hospitais de Dinamarca e España, empregando datos dunha cohorte poboacional europea VIVA. “Actualmente, o seguimento dos aneurismas pequenos baséase case exclusivamente en probas de imaxe. Os nosos resultados abren a porta a identificar procesos biolóxicos medibles en sangue que poderían axudar no futuro a predicir a súa evolución”, explica o doutor Ricardo Villa-Bellosta, investigador principal do estudo.

Os autores subliñan que, aínda que se trata dun estudo piloto, os resultados xustifican a realización de novos estudos clínicos a maior escala que confirmen estes achados e avalían a súa posible aplicación clínica.


Referencia: Inverse correlation between plasma pyrophosphate hydrolysis and early growth of abdominal aortic aneurysm: a pilot study (Publicado en Journal of Molecular Medicine)

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un equipo de Santiago publica un estudo pioneiro para tratar unha complicación da enfermidade de Crohn

O ensaio clínico realizado polo IDIS e o CHUS avalía un innovador fármaco oral que amosa resultados preliminares positivos

Un proxecto galego mellora a detección da deterioración cognitiva mediante análise de sangue 

Unha investigación do IDIS estuda novos biomarcadores para avanzar cara a unha detección máis temperá e un seguimento personalizado

Unha terapia probada en Santiago frea ata nove meses a progresión do cancro colorrectal metastásico

O estudo liderado polo IDIS, galardoado nos Premios DISCOVERGI, consegue resultados de supervivencia moi favorables en un de cada cinco pacientes

O proxecto Sensoxenoma evidencia que a música deixa pegadas medibles nos xenes e proteínas

A investigación da USC e do IDIS cumpre cinco anos con máis de 20.000 mostras e detecta respostas biolóxicas tras a exposición sonora, tamén en persoas con TEA