Mércores 24 Abril 2024

Un test de saliva podería revolucionar o diagnóstico da endometriose

O estudo levado a cabo por Ziwig, unha empresa francesa, sobre 200 mulleres revela unha sensibilidade do 96,7% e unha especificidade do 100%

A endometriose é unha patoloxía que se caracteriza pola presenza de tecido endometrial fóra das paredes do útero, adheríndose a outras zonas como o peritoneo ou os ovarios. Isto provoca, principalmente, unha dor intensa e crónica que pode aparecer durante a menstruación, as relacións sexuais ou ao ouriñar ou defecar. Por isto, nos casos máis graves convértese nunha enfermidade incapacitante.

Alén da busca dun tratamento efectivo, outra das cuestións que arrodea a esta doenza é o diagnóstico. “Hoxe en día cunha boa historia clínica e exploración podes diagnosticar o 90% dos casos, pero hai endometrioses que non se detectan por ecografía nin resonancia. Con isto é suficiente para iniciar un tratamento específico, aínda que a certeza absoluta non a tes ata que non tomas unha mostra de tecido e a analizas. Por iso, o único que nos dá un diagnóstico con total seguridade é a laparoscopia“, explica Helena Rodríguez, responsable da Unidade de Endometriose do Hospital Clínico Universitario de Santiago (CHUS).

Publicidade

“Se hai confirmación, vai ser a revolución”, sinala a especialista Helena Rodríguez

Agora, un estudo levado a cabo por Ziwig, unha empresa francesa, podería mudar as regras do xogo, xa que promete un test de saliva capaz de detectar a endometriose a través dos microRNA. A falta de corroborar estes resultados con outras investigacións independentes, Rodríguez teno claro: “Se hai confirmación, vai ser a revolución“.

Neste sentido, un test de saliva implicaría un beneficio tanto para as propias pacientes como para os hospitais, xa que supón un método especialmente barato e nada invasivo e cuxas utilidades irían dende o diagnóstico precoz na adolescencia, cando comezan os síntomas, ata o diagnóstico diferencial, servindo para descartar a endometriose ante outras doenzas que tamén presentan dor na pelve. Alén, a nivel económico, suporía prescindir de visitas médicas e probas máis custosas como as resonancias ou as laparoscopias. “Haberá que ver o prezo, pero se o venden a baixo prezo e a gran escala pode ser un método válido para todo o mundo. Aínda máis se entra dentro da cartilla da seguridade social”, manifesta Rodríguez.

As chaves do estudo

A investigación levada a cabo por Ziwig contou coa colaboración de cinco hospitais franceses especializados na endometriose. Desta forma, recolectaron mostras de saliva de 200 mulleres con dor crónica suxestiva de endometriose entre xaneiro e xuño de 2021. Todas as pacientes foron sometidas a unha laparoscopia, ben terapéutica ben diagnóstica, ou a unha resonancia magnética.

O test máis preciso mostra unha sensibilidade do 96,7% e unha especificidade do 100%

Os procedementos laparoscópicos foron gravados en vídeo e logo analizados por dous operadores cegos aos síntomas para confirmar a presenza ou ausencia de endometriose. No caso dos procedementos radiolóxicos, todas contaban con características de endometriose profunda con compromiso colorrectal e/ou endometriomas, confirmados por dous radiólogos expertos. Despois disto, as mulleres clasificáronse en dúas categorías: un grupo de endometriose, 153, e un grupo de control de 47 mulleres con diversas patoloxías benignas distintas da endometriose ou con síntomas suxestivos de endometriose pero sen características clínicas e sen lesións de endometriose atopadas durante a inspección laparoscópica. 

A partir deste momento, a investigación centrouse na identificación dun biomarcador de microRNa e no desenvolvemento dunha firma diagnóstica baseada na saliva. “Os microRNA son moléculas de RNA non codificante, é dicir, non codifican ningunha proteína. O que fan é regular a expresión do xene onde están e esta expresión está disregulada por exemplo nos cancros humanos”, afirma Rodríguez. 

A responsable da unidade de endometriose tamén sinala o valor clínico desta investigación: “Este é o primeiro estudo prospectivo sobre unha proba diagnóstica non invasiva da endometriose. Intentouse detectala atendendo a factores inflamatorios, de crecemento, endoteliais, inclusive se pensou en ouriña ou no sangue menstrual e houbo bastantes estudos, pero os que parecía que estaban máis avanzados eran os que utilizaban unha biopsia de endometrio ou unha análise de sangue. Para min, isto da saliva é novo“.

A pesar dos diversos fenotipos que mostra esta patoloxía, os realizadores do estudo foron quen de construír unha firma diagnóstica de endometriose mediante este procedemento, tendo a máis precisa unha sensibilidade do 96,7% e unha especificidade do 100%. “Habitualmente, cando hai moita sensibilidade pérdese especificidade, e ao revés. Este test ten ambos parámetros moi altos, está moi ben”, di Rodríguez. 

Dispoñibilidade

Nestes momentos, os resultados deste estudo aínda están pendentes de confirmación, polo que aínda non se pode adquirir o test de saliva. Aínda así, dende a firma teñen plena confianza no procedemento, polo que xa teñen activada na súa web unha lista de agarda para aquelas persoas que estean interesadas en recibir un aviso cando estea dispoñible no seu país.

Polo momento, en Francia, a inclusión deste test na vía asistencial e o seu posible reembolso a través do seguro por enfermidade está sendo obxecto de consulta e debate coas autoridades sanitarias. “Os resultados dun test creo que poden terse nuns días, polo que o proceso de revisión penso que pode ser rápido, porque tamén lle interesa á propia empresa”, finaliza Rodríguez.


ReferenciaSalivary MicroRNA Signature for Diagnosis of Endometriosis (Publicado en Journal of Clinical Medicine)

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O festival científico CinVigo encheu a Porta do Sol de ciencia e ilusión

Participaron máis de 220 alumnos de Secundaria, Bacharelato e FP que presentaron 58 proxectos na feira celebrada na cidade olívica

Un neno maltratado ten tres veces máis risco de desenvolver unha adicción de adulto

O estudo dunha investigadora da Universidade de Queensland analiza as consecuencias do maltrato infantil a longo prazo

A ciencia confirma que as apertas alivian a dor, a ansiedade e a depresión

Un equipo internacional analiza os beneficios do contacto físico nas persoas a partir da revisión de 212 estudos

A historia da primeira industria galega que empregou a máquina de vapor

Un estudo da USC analiza ‘La Victoria’, a descoñecida fábrica de fundición e louza da Coruña creada en 1844