Os supercontaxiadores, e non tanto as variantes, foron a “gasolina” do SARS-CoV-2

Investigadores da USC publican un artigo que pon o acento nos eventos de gran transmisión fronte á importancia "relativa" das mutacións do virus

A aparición de novas variantes cunha maior capacidade de contaxio mudaron o panorama da pandemia do SARS-CoV-2 a partir do outono de 2020. Aínda que moitos traballos as vincularon directamente ás seguintes vagas da Covid-19, algúns investigadores mantiveron as súas dúbidas sobre a relevancia real destas mutacións no código xenético do virus na transmisión. Un novo traballo de investigadores da USC, dirixido por Antonio Salas e Federico Martinón, expoñen que os supercontaxiadores terían “un efecto comparable co de prender lume a un monte seco usando substancias acelerantes como a gasolina”. Con este símil, os investigadores galegos explican como as variantes do SARS-CoV-2 necesitan da acción de eventos de supercontaxio para lograr éxito epidemiolóxico, pois son estes, en gran medida, a verdadeira “gasolina” coa que “o incendio está garantido”.

Así, o triunfo dunha variante depende en gran medida “desta forza motriz” porque, segundo explican, “un só evento de supercontaxio pode causar un dano rexional terrible ao facer medrar os contaxios de maneira exponencial, iniciando en moi pouco tempo gromos repentinos que son difíciles de controlar ao perderse a posibilidade de trazar as transmisións”. Segundo os autores, os supercontaxiadores actúan de maneira independente á variante do virus, trátase dun fenómeno universal e que estivo movendo a pandemia de forma permanente.

Publicidade

O traballo expón que supercontaxiadores actúan de maneira independente á variante do virus

Os profesores da USC chegaron a esta conclusión tras analizar máis de 1,4 millóns de secuencias do virus de acceso público producidas por miles de laboratorios de xenética e microbioloxía en todo o mundo. O grupo de Salas e Martinón comezou a traballar nesta liña nos comezos da pandemia e dende entón foi achegando evidencias sobre a dinámica do virus e a Covid-19 que foron publicadas en revistas internacionais como as que agora acaban de ver a luz na revista Trends in Genetics. Xa en marzo de 2020, estes investigadores propuxeron que os supercontaxiadores eran os grandes motores da pandemia. Dende entón, xurdiron numerosos estudos doutros grupos de investigación que defenden a mesma hipótese.

O comportamento dos supercontaxiadores

Ademais, este novo traballo introduce dúbidas sobre a maneira na que se mide a capacidade infecciosa do virus. Salas indica que “existen evidencias razoables que nos permiten concluír que variantes de risco tan populares como alpha e delta [tecnicamente B1.1.7 e B1.617.2] dificilmente poderían ter o éxito poboacional que tiveron se non fosen catapultadas polo efecto catalizador dos eventos de supercontaxio”.

Este feito, continúa Salas, é importante por dous motivos principais: “por unha banda, significaría que o cálculo da capacidade infecciosa das variantes do virus podería estar sobreestimada; e, pola outra, porque trasladaría a carga da responsabilidade da pandemia ao comportamento social, e non tanto ás variantes do virus”. A favor desta hipótese apunta a observación de que todas as vagas importantes nos distintos países do mundo xurdiron despois de momentos de gran relaxación das restricións e confinamentos, tales como épocas festivas, vacacións de verán, grandes eventos deportivos, ou manifestacións de diversa índole. Todas elas, subliñan os investigadores, víronse atenuadas cando se recuperaron as medidas restritivas.

O artigo defende ademais que os eventos de supercontaxio necesitan da intervención de persoas supercontaxiadoras, porque este modo de transmisión deixa unha pegada nos xenomas dos virus que non se podería explicar sen a súa intervención. Este aspecto é importante porque apuntaría a que non é só o ambiente o que determina o éxito dun supercontaxio, senón tamén a facilidade que teñen algunhas persoas de transmitir o virus a outras.

A este respecto, Martinón indica que “os nenos non parece que sexan os supercontaxiadores”. “Hai uns meses xurdiu algunha publicación que suxería algúns factores de risco que poderían favorecer que unha persoa fose supercontaxiadora, entre os que se atopa a idade e a obesidade, pero é difícil identificar a priori ao supercontaxiador”, matiza. “Como non podemos intervir selectivamente sobre os supercontaxiadores, é necesario realizar medidas xerais”, conclúe.

Os autores tamén reflexionan sobre a taxa de cambio do xenoma do virus. Salas afirma que “existiron moitas variantes preocupantes dende o inicio da pandemia” e non só na actualidade. De feito, mentres moitos especialistas “se acollían ao discurso de que o SARS-CoV-2 mutaba moi pouco, nós informabamos de que o coronavirus tiña unha capacidade de cambio lixeiramente inferior pero comparable con outros virus RNA (como o da gripe e o VIH) cando se ponderaba polo tamaño dos seus xenomas”, continúa o profesor da USC. Salas engade que soamente a finais do pasado decembro o discurso das variantes empezou a tomar forma nos medios, “malia que a importancia dunha variante é sempre relativa e, no algoritmo da pandemia, o contexto social no que xorde é fundamental”. Tal e como afirma o profesor da Facultade de Medicina, “se unha variante emerxe nun momento de restricións, probablemente non chegue a ter éxito”.

O traballo cuestiona as interpretacións e mensaxes catastrofistas que frecuentemente acompañan a aparición destas mutacións. “A miúdo as interpretacións son excesivamente prematuras e crean unha alarma social innecesaria baseada nunha boa dose de incerteza, en datos insuficientes e especulacións científicas aínda inmaturas”, di Salas.

O traballo cuestiona as interpretacións e mensaxes catastrofistas que frecuentemente acompañan a aparición das mutacións

Os autores defenden que moitas desas mutacións potencialmente perigosas xurdiron moito antes da aparición dos gromos polos que se fixeron famosos, pero que no seu momento non causaron ningún dano ou nalgúns casos foi un dano autolimitado e anecdótico, consistente en gromos que non chegaron a ter unha maior repercusión. Por iso é polo que o novo estudo defende que esas variantes por si soas non terían éxito epidemiolóxico de non ser catalizadas polo comportamento social.

Segundo Salas, “por poñer un exemplo, o que unha variante do virus teña moitas mutacións non-sinónimas na proteína que codifica para o famoso xene da espícula, non ten porque atribuírlle unha maior capacidade de infección; existen nas bases de datos actuais moitos xenomas do virus con moitas máis mutacións que as variantes alpha e delta e con características aparentemente similares, e que non demostraron ser epidemioloxicamente relevantes”.

Os autores indican que algúns especialistas puideron confundir distintas maneiras para medir a taxa de cambio do xenoma dun patóxeno: en ocasións, mídese por unidade de tempo e noutras por ciclo de replicación do virus. Con todo, para interpretar o impacto epidemiolóxico, a primeira, a taxa de cambio no tempo, “é a que ilumina o panorama epidemiolóxico porque é a que permite valorar as variantes que circularán na poboación ao longo do tempo”, engade Salas. Porén, os autores advirten de que o virus ten unha capacidade de cambio importante e que, aínda que para eles o aspecto social ten xogado un rol fundamental na súa dispersión, é posible que o peso da pandemia no futuro recaia máis no patóxeno; sobre todo, se xorden variantes que escapen en maior ou menor medida para o efecto protector das vacinas. Con todo, Martinón indica “que mesmo na presenza de novas variantes capaces de evadir a resposta previa ao virus ou á vacina, é pouco probable que volvamos ao momento inicial, xa que o noso organismo aprendeu xa moitas cousas do virus”.

Ademais de Salas e Martinón, os membros do grupo que formaron parte deste proxecto son Alberto Gómez Carballa, biólogo e xenetista; Xabier Bello Paderne, programador informático; e Jacobo Pardo Seco, matemático. Esta liña de investigación, financiada tanto con fondos europeos como galegos a través da Axencia de Coñecemento en Saúde (ACIS) e da Axencia Galega de Innovación (GAIN), sitúa ao grupo galego na vangarda da investigación desta patoloxía. “A investigación competitiva non se improvisa” indican os profesores da USC e investigadores do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (IDIS) no que toma parte a USC. “Puidemos ir máis rápido grazas á utilización das liñas de traballo xa consolidadas e, sobre todo, dun equipo humano interdisciplinario” que leva traballando dende hai moitos anos neste ámbito.


Referencia: Superspreading in the emergence of COVID-19 variants (Publicado en Trends in Genetics).

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Gripe H5N1: a próxima pandemia?

Unha variante do virus, presente dende 2020, está a causar mortalidades nunca vistas en aves, tanto domésticas como silvestres

A misteriosa pneumonía infantil de China: “Sospeitamos dos patóxenos habituais”

O pediatra Federico Martinón cre que a repunta de enfermidades respiratorias en nenos se pode deber á fin das restricións covid

Un estudo galego revela que as persoas con demencia teñen máis sensibilidade á música

O proxecto Sensoxenona evidencia que a música “afina” a expresión dos xenes alterados en pacientes con enfermidades neurodexenerativas

Por que están aumentando os casos de covid en Galicia? Estas son as claves

Un maior movemento da poboación no verán, a caída da inmunidade e a aparición de novas liñaxes de ómicron poden ser os desencadeantes