Venres 26 Abril 2024

A Covid-19 causou a maior caída na esperanza de vida desde a Segunda Guerra Mundial

Un estudo da Universidade de Oxford sitúa a España entre os países nos que o indicador retrocedeu máis dun ano tanto en homes como en mulleres

España mantense como un dos países do mundo con maior esperanza de vida, mais non se librou, como boa parte do planeta, do severo impacto da pandemia da Covid-19. Un estudo do centro Leverhulme para a Ciencia Demográfica da Universidade de Oxford publicado este luns así o constata: nun cálculo cos datos de 29 países, entre os que está case toda a UE, Estados Unidos ou Chile, 27 deles amosaron unha caída neste indicador. E vincúlano directamente á propagación do SARS-CoV-2, pois a análise expón que a maioría destes retrocesos nos diversos países atribuíronse ás mortes oficiais pola infección do coronavirus.

No caso de España, a esperanza de vida ao nacer caeu case un ano e medio tanto en homes como en mulleres entre 2019 e 2020. Pasou, por tanto, dos 86,5 aos 85 en mulleres e do 81,05 aos 79,61 en homes. O retroceso leva as cifras por baixo da esperanza de vida de 2015, un ano tamén incluído na análise, o que evidencia a interrupción da progresiva mellora destas cifras. Só as mulleres en Finlandia e os dous sexos en Noruega e Dinamarca se libraron deste retroceso.

Publicidade

Un dos autores do traballo, José Manuel Aburto, salienta que “para países de Europa occidental como España, Inglaterra e Gales, Italia ou Bélxica, entre outros, a última vez que se observaron diminucións tan grandes na esperanza de vida ao nacer dun ano para outro foi durante a Segunda Guerra Mundial”.

Aburto pon o acento en que a escala desta perda por mor da Covid-19 foi notable na maioría dos países estudados: “Vinte e dous países incluídos no noso estudo experimentaron perdas maiores a medio ano en 2020. As mulleres de oito países e os homes de 11 experimentaron perdas maiores dun ano. Para contextualizar, estes países tardaron en promedio 5,6 anos en lograr un aumento dun ano na esperanza de vida recentemente, e o progreso desapareceu no transcurso de 2020 por mor da Covid-19″.

Na meirande parte dos territorios analizados, os homes amosaron unha diminución maior que as mulleres. A cifra máis destacada foi a dos varóns dos Estados Unidos (-2,23 anos) e os de Lituania (-1,69).

Variación na esperanza de vida en mulleres (vermello) e homes (azul), atribuídas á Covid-19 (nun ton máis escuro) e outras causas (con transparencia). Fonte: Aburto et al. (2021).
Variación na esperanza de vida en mulleres (vermello) e homes (azul), atribuídas á Covid-19 (nun ton máis escuro) e outras causas (con transparencia). Fonte: Aburto et al. (2021).

Segundo o coautor principal do traballo, Ridhi Kashyap, “as grandes diminucións na esperanza de vida observadas nos EUA poden explicarse en parte polo notable aumento da mortalidade en idades laborais observado en 2020. No país, os aumentos da mortalidade en menores de 60 anos contribuíu de maneira máis significativa á diminución da esperanza de vida, mentres que na maior parte de Europa, os aumentos da mortalidade por riba dos 60 anos contribuíron de forma máis significativa”. No artigo, os investigadores salientan unha maior proporción de comorbilidades na poboación estadounidense, o que puido agravar o impacto do virus na mortalidade, así como as limitacións no acceso á sanidade naquel país.

Kashyap engade: “Sabemos que hai varios problemas relacionados co reconto de mortes por Covid-19, como probas insuficientes ou clasificacións erradas, pero o feito de que os nosos resultados resalten un impacto tan grande que é directamente atribuíble á Covid-19 amosa ccomo de devastador foi para moitos países”. O autor fai, por tanto, “unha chamada urxente para a publicación e dispoñibilidade de datos máis detallados nun rango máis amplo de países, incluído os de ingresos baixos e medios, para comprender mellor os impactos da pandemia a nivel mundial”. Expoñen como exemplo os casos de Brasil ou México, países moi afectados pola pandemia, e cuxos datos non se incluíron no traballo.


* Os autores aclaran que o concepto de esperanza de vida refírese á idade promedio que viviría unha persoa que acaba de nacer se as taxas de mortalidade actuais se prolongan durante toda a vida.


Referencia: Quantifying impacts of the COVID-19 pandemic through life-expectancy losses: a population-level study of 29 countries (Publicado en International Journal of Epidemiology).

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Gripe H5N1: a próxima pandemia?

Unha variante do virus, presente dende 2020, está a causar mortalidades nunca vistas en aves, tanto domésticas como silvestres

Por que están aumentando os casos de covid en Galicia? Estas son as claves

Un maior movemento da poboación no verán, a caída da inmunidade e a aparición de novas liñaxes de ómicron poden ser os desencadeantes

Nova variante covid? Estes son os motivos polos que están aumentando os casos en España

O cambio de costumes durante o verán e a relaxación das medidas preventivas explicarían o incremento de contaxios

Sonia Villapol: “En Galicia estímase que 75.000 persoas teñen covid persistente”

A neurocientífica galega acaba de publicar un libro no que reflexiona sobre as leccións aprendidas durante a pandemia