Venres 19 Abril 2024

Supercontaxiadores da Covid-19: esta é a clave que revelan científicos galegos

Un estudo analiza case 5.000 xenomas do SARS-CoV-2 e constata a relevancia das persoas que infectaron a un gran número de individuos

 Desde o comezo da pandemia da Covid-19 tense falado moito da relevancia dos supercontaxiadores: persoas que, por motivos que aínda non están claros, son capaces de actuar como unha gran fonte de contaxio cara a outras persoas e contribuír deste xeito á propagación do SARS-CoV-2. Pasou en Wuhan, onde a non detección destes casos contribuíu ao primeiro gran brote, e pasou en Corea do Sur, onde o seguimento exhaustivo dos contactos da xa famosa Paciente 31 puido frear unha posible explosión de casos. Desde Galicia, o equipo que lideran o profesor de Xenética da USC Antonio Salas e o xefe de servizo de Pediatría do Complexo Hospitalario de Santiago, Federico Martinón Torres, leva tempo recollendo datos de xenomas do SARS-CoV-2. E o traballo acaba de dar os seus primeiros froitos nun artigo pendente de publicación e revisión (preprint) pero que xa está espertando un gran interese polas súas implicacións: os científicos galegos calculan que entre un terzo e a metade de todos os contaxios rexistrados en todo o mundo están relacionados con supercontaxiadores.

A análise dos xenomas realizada desde Santiago de Compostela estudou polo miúdo os aproximadamente 150 millóns de letras de diferentes cepas do virus. Segundo explica a USC, a principal complicación do traballo non foi a cantidade de información coa que tiveron que lidar, xa que este grupo adoita manexar este volume de datos que requiren un grande esforzo bioinformático. O problema computacional radica noutras análises máis propias da xenética evolutiva e para as que se necesitan días para obter resultados que logo hai que dixerir e interpretar.

Publicidade

Federico Martinón e Antonio Salas lideran o grupo GenVip do IDIS de Santiago. Foto: IDIS.
Federico Martinón e Antonio Salas lideran o grupo GenVip do IDIS de Santiago. Foto: IDIS.

Ademais da comprobación do novo dato sobre a existencia dos axentes supercontaxiadores, o estudo realizado pon sobre a mesa novos datos sobre a data aproximada de aparición do virus en humanos, que o equipo do IDIS e a USC sitúa “non antes de novembro de 2019”. O traballo tamén está asinado por Alberto Gómez Carballa, Xabi Bello e Jacobo Pardo Seco

Liñaxe B3a, clave en España

Segundo Antonio Salas, “este é un paso fundamental para entender o proceso de dispersión do virus; e seranos de grande utilidade para tratar de prever e previr futuros brotes e pandemias, xa sexa de coronavirus ou outros patóxenos con potencial igualmente letal ou mesmo superior”.

Salas engade que “o escenario en España é un tanto particular no contexto do continente; no noso país entraron as primeiras cepas do virus que afectaron a case toda Europa, pero a maiores, recibimos unha cepa asiática que apenas entrou en ningún outro país europeo; un supercontaxiador pertencente, especificamente, á liñaxe B3a”.

Así se reconstruíu desde Santiago o avance do SARS-CoV-2 polo planeta

“Tiñamos claro que para entender o que estaba a ocorrer nesta pandemia primeiro debiamos facer unha reconstrución adecuada do proceso evolutivo que deu lugar ao virus e as súas distintas versións actuais; unha árbore filoxenética que relaciona todos os xenomas dunha maneira precisa e que é o alicerce fundamental sobre o que  bascula case todo o demais”, explica Salas. Segundo os autores, esta sería a primeira vez que se utilizan os principios de máxima parsimonia para identificar as mutacións concretas que deron lugar ás distintas cepas do virus, “tratábase de aproveitar toda a nosa experiencia no campo da evolución xenómica e levala ao terreo do SARS- CoV-2”. Dixerir toda a información da que foron capaces de analizar estes investigadores e nun período de tempo tan breve supuxo unha complicación adicional. Segundo Federico  Martinón, “é a natureza multidisciplinar do noso grupo e a nosa formación no ámbito da  infectómica o que nos permitiu enfrontarnos a un proxecto destas dimensións”.

Ademais do traballo taxonómico realizado cos xenomas do coronavirus, o achado máis sorprendente e novo deste estudo é demostrar a existencia e o impacto na pandemia de persoas con alta sensibilidade para transmitir o SARS-CoV-2. Ata o momento, a figura dos supercontaxiadores “discutiuse nos medios e desde un punto de vista epidemiolóxico” sen outra evidencia, aínda que agora os investigadores conseguiron revelar probas da súa existencia. Nalgúns lugares, estas figuras deron lugar ao que os xenetistas denominan tecnicamente como efectos fundadores locais, que se traduciron en brotes epidémicos locais ou nacionais.

Data de aparición do virus

O estudo adiantado hoxe á comunidade científica discute temas de gran notoriedade pública. Por unha banda, os investigadores afirman que a variabilidade xenética do coronavirus correspóndese ao esperado por un proceso evolutivo natural. Neste sentido, sinalan que “os datos non serían compatibles con manipulacións de laboratorio, baseadas exclusivamente en teorías ‘conspiracionistas’ sen argumento científico”. Ademais, “usando simulacións teóricas que se alimentan da variabilidade xenómica observada no coronavirus, o traballo sitúa de maneira precisa a orixe evolutiva máis recente de todas as cepas actuais non antes de novembro de 2019”. En base aos datos recolleitos e analizados, o equipo formado por Antonio Salas e Federico Martinón suxire a posibilidade de que na primeira onda epidémica asiática puideron existir moitos máis casos que os reportados polas autoridades sanitarias.


Referencia: The impact of super-spreaders in COVID-19: mapping genome variation worldwide (Publicado no repositorio Biorxiv).

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Por que algúns pacientes teñen covid persistente e outros non? Este estudo dá na clave

Un equipo do Hospital Universitario de Zúrich busca mellorar a atención aos doentes con novas estratexias de tratamento

Ascenden a 57 os falecidos por gripe en Galicia

O último informe do Sergas confirma a tendencia á baixa da incidencia nas catro provincias

Por que aumentan as infeccións respiratorias agudas en España?

Estamos xusto no momento do incremento da curva da gripe que este ano coincidiu co Nadal e o aumento dos contactos sociais

Tes gripe ou covid? Estas son as diferenzas

A inmunóloga África González admite que teñen síntomas moi similares pero que se distinguen polo tempo de incubación e a estacionalidade