Venres 11 Outubro 2024

O que se sabe das zonas con maior incidencia da Covid-19 en Galicia

A orde coas novas restricións deste mércores e a información transmitida por Sanidade expón a situación nas zonas con risco de transmisión

Nos últimos días, Galicia está a amosar un descenso na incidencia acumulada nos casos de Covid-19 tanto a sete como a 14 días, sendo ao mesmo tempo unha das menores do territorio estatal. Ademais, outro dos indicadores importantes para o control de brotes, a taxa de positividade das probas PCR, é tamén unha das máis baixas de España, situándose en torno ao 7% segundo os datos do Ministerio de Sanidad, que ascende no conxunto do territorio estatal a unha media do 13% na última semana. Porén, a transmisión en determinadas zonas leva a manter unha vixilancia especial. Na medianoite do mércores ao xoves entraron en vigor, despois da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, as medidas nas áreas que, segundo o comité clínico da Xunta, é preciso establecer limitacións pola evolución da pandemia da Covid-19.

A falta dunha información completa a nivel local, algo que si ofrecen a meirande parte das comunidades autónomas, non permite á cidadanía consultar cal é a evolución epidemiolóxica na súa contorna próxima. Este mesmo xoves, o presidente da Xunta de Galicia cualificou de “peligrosísimo” ofrecer este dato, apelando á “prudencia” para non achegar a transparencia que sí amosan outros gobernos autonómicos. Diante desta decisión, unha das escasas fontes oficiais para acceder aos detalles da evolución epidemiolóxica do coronavirus é a información que contén cada unha das ordes nas que se decretan as restricións, nas que se fai mención aos informes da Dirección Xeral de Saúde Pública nos que se basean as decisións. Por outra banda, algúns dos concellos afectados en maior medida pola Covid-19 achegan pola súa conta a cifra de casos activos que lles ofrece Sanidade nas reunións diarias de seguimento.

Publicidade

Con todo, o indicador que si transmite a Xunta de Galicia, o de casos activos, axuda a observar, por exemplo, o aumento da incidencia nas áreas nas que se estableceron medidas nos últimos días. É o caso de Pontevedra-Salnés, que ascende dentro da estabilidade ou mesmo descenso noutras áreas sanitarias:

Este é o mapa de restricións que rexen na actualidade e a situación concreta de cada zona:

Publicidade

Área de Pontevedra

No marco xeral dunha tendencia estable e mesmo á baixa en Galicia, a área da cidade de Pontevedra é a zona na que se concentra a vixilancia nos últimos días. Despois de incorporar o día 9 a Poio e Vilaboa, e o 11 á capital provincial, o concello de Marín foi o último no que se implantan as restricións para conter a transmisión do virus. As razóns de manter as medidas en toda a área residen, segundo Sanidade, debido á relación estreita entre a cidade pontevedresa e os outros tres concellos.

Nos concellos de Poio, Vilaboa e Pontevedra vense detectando un ascenso na incidencia desde o 22 de agosto, e especialmente desde o 30, cunha “taxa de incidencia tanto a 3 como a 7 días” que “segue a aumentar, o que indica que o brote non está baixo control“. A taxa de positividade das probas PCR, un dos indicadores relevantes no rastrexo, mantense “no nivel de risco medio”, o que incide na necesidade de manter as medidas.

No caso de Marín, o municipio engadiuse á lista das zonas con restricións pola estreita relación coa capital. Di o informe de Saúde Pública que o aumento na incidencia na vila “podería deberse a un aumento da transmisión desde o veciño concello de Pontevedra, cunha alta taxa de incidencia desde hai tempo, dada a alta relación que existe entre ambos os concellos”. O rastrexo amosa que “a estimación puntual do número reprodutivo instantáneo supera o 1 co intervalo de confianza superior por riba do 1’5, o cal indica que a transmisión está activa e poden seguir a xerarse novos casos a partir dos xa existentes e aumentar así a transmisibilidade da infección”. Do mesmo xeito, os casos concéntranse en “idades moi novas”, que “poden tamén favorecer a transmisión da enfermidade dada a alta proporción de infectados sen síntomas ou practicamente asintomáticos”. Así, ante a “mala evolución da situación epidemiolóxica” en Marín, cunha taxa “a 3, 7 e 14 días” situada no “dobre das da media da comarca”, decidiuse establecer a restrición”.

Comarca do Deza

O último municipio en sumarse á lista de restricións foi Silleda, despois de que se decretasen limitacións no veciño concello de Lalín o pasado día 11. Desde o 19 de agosto estase a detectar un aumento de transmisión na comarca, e os datos máis recentes revelaron que o “concello de Silleda aumentou a súa incidencia acumulada a 3 días desde o informe anterior dun xeito importante”, cun intervalo de confianza superior do número reprodutivo instantáneo preto do 2, o que significa que cada caso pode estar contaxiando a outras dúas persoas e se está a incrementar a transmisión”, explica Saúde Pública. Así, ao observar o incremento de casos nos dous municipios, decidiuse manter as medidas en Lalín implantalas en Silleda.

A Guarda e O Rosal

Un dos trazos característicos do brote no Baixo Miño é a concentración dos casos en persoas de entre 10 e 24 anos. Así o expón o informe sanitario, que describe o aumento da incidencia desde o 26 de agosto, e cun “lixeiro aumento respecto do informe anterior” no número reprodutivo instantáneo, “o que significa que cada caso pode estar contaxiando a máis dunha persoa e se está a incrementar a transmisión”.

A alta taxa de positividade das PCR e a incidencia acumulada, así como a idade das persoas afectadas, “cunha alta probabilidade de seren asintomáticos e gran capacidade de transmisión pola frecuencia de interaccións sociais“, levou a manter as restricións ata a seguinte reunión do comité clínico.

A Coruña

As restricións en parte da cidade da Coruña e o concello de Arteixo son as máis longas na chamada “nova normalidade” en Galicia, xa que levan en vigor desde o 7 de agosto, por mor da transmisión detectada. E manteranse, polo momento, a pesar da boa evolución. Así, segundo Saúde Pública, “a taxa a 14 días é dun valor menor que o observado nas dúas semanas anteriores, pero segue a ser máis alta que a taxa global de Galicia para o mesmo período temporal”. Así, a pesar do descenso, a incidencia mantense en niveis de “risco alto”, cunha taxa xeral de positividade de risco medio e, no caso do rastrexo de contactos, de risco alto, polo que a decisión é non baixar a garda.

Área aproximada na que se manteñen as limitacións na cidade da Coruña. Fonte: Google Maps / Elaboración propia cos datos da Consellería de Sanidade.
Área aproximada na que se manteñen as limitacións na cidade da Coruña. Fonte: Google Maps / Elaboración propia cos datos da Consellería de Sanidade.

Os outros tres municipios afectados polas restrición son as cidades de Santiago, Lugo e Ourense.

Santiago de Compostela

A capital galega manterase unha semana máis con medidas especiais, despois do novo aumento da incidencia detectado nos últimos días. Seguen detectándose casos diariamente, cun brote que “non está controlado”, sobre todo en idades de “15 a 39 anos, o que pode implicar un número importante de asintomáticos ou paucisintomáticos que facilitarían a transmisión”. O rastrexo de casos segue a amosar un nivel alto de risco, o que obriga a preservar as limitacións co fin de frear a propagación do SARS-CoV-2.

Lugo

No caso de Lugo, onde a transmisión no barrio da Milagrosa levou a extremar as restricións, o informe chama a manter a vixilancia. “As taxas a 3, 7 e 14 días oscilan lixeiramente pero se manteñen elevadas”, cun”número reprodutivo instantáneo que pasa a superar o limiar de 1″. Do mesmo xeito, a positividade das PCR e os casos detectados mediante o rastrexo de contactos obrigan a manter as medidas.

Ourense

Finalmente, na área da capital ourensá obsérvase que “a taxa acumulada de casos por cen mil habitantes segue subindo”, e o “valor do número reprodutivo instantáneo, que tiña, a semana pasada, un valor por debaixo de 1, presenta agora un valor por encima de 1”, o que denota un incremento na incidencia e uns valores máis altos có resto de Galicia. Ante a elevada detección de casos positivos detectados nos contactos de persoas diagnosticadas, decídese manter a limitación de reunións e capacidade en locais, así como outras medidas vixentes nas áreas afectadas.

Bergantiños

Por outra banda, despois de que os concellos de Carballo, A Laracha, Ponteceso e Laxe estiveran nos últimos días dentro das áreas especialmente vixiladas por Sanidade, desde a medianoite do xoves a súa situación equipárase coa da meirande parte do país. No informe de Saúde Pública datado o día 16 obsérvase unha “clara tendencia descendente” na incidencia da comarca. E aínda que “no concello de Carballo seguen a producirse casos illados”, “o brote pode considerarse controlado”, polo que se retiran as medidas.

Reunións con Sanidade

Este xoves, a Consellería de Sanidade informou de que continúa “a manter reunións cos alcaldes e alcaldesas dos diferentes concellos galegos co ánimo de coordinar o seguimento integral da situación epidemiolóxica provocada pola Covid-19”.

O novo conselleiro, Julio García Comesaña, participou en catro encontros cos gobernos das áreas afectadas polas medidas de control, así como outros municipios cercanos e na área de influencia destes concellos, como Santiago de Compostela, Teo, Ames, Lalín, Laxe, Carballo, Laracha, Cabana, Coristanco, Malpica, Ponteceso, Pontevedra, Sanxenxo, Poio, Vilaboa, Marín, A Guarda, O Rosal, Tomiño e Tui. Nestas xuntanzas trasládase información a nivel local que, nalgúns casos, os gobernos municipais transmiten á cidadanía.

Situación en Galicia

No conxunto de Galicia, Sanidade informou este xoves de 224 casos engadidos á serie, nun día no que se realizaron 4.719 probas PCR e volveron anotar máis de 200 curacións.

A ocupación nos hospitais semella estabilizarse, cun novo descenso no número de ingresos:

Nas últimas 24 horas producíronse ademais cinco novos falecementos, dous deles de usuarios en residencias de maiores, e un na propia DomusVi de Outeiro de Rei (Lugo), intervida pola Xunta debido ao maior brote desde o comezo da pandemia. A cifra de mortes ascende deste xeito a 701, 82 desde o 7 de agosto.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Duplícase o número de nenos de 5 a 14 anos que non saben falar o galego en cinco anos

A nova Enquisa estrutural a fogares do Instituto Galego de Estatística revela que o castelán xa é máis predominante na comunidade

O ceo galego tínguese de rosa: así foi a nova (e espectacular) aurora boreal

Unha potente tormenta xeomagnética iluminou a noite do xoves cunha cor específica dos fenómenos nos niveis máis altos da ionosfera

A desaparición da ostra salvaxe en Galicia revela a deterioración do leito mariño

Un equipo europeo con participación do IEO de Vigo elabora o rexistro máis completo sobre a antiga extensión da especie bentónica nun estado silvestre

Así chega un furacán convertido en borrasca: radiografía de Kirk e do seu paso por Galicia

O físico Gonzalo Míguez Macho analiza a natureza deste fenómeno meteorolóxico extremo e a súa transformación