A Xunta de Galicia anunciou este martes pola tarde a intervención da residencia da empresa DomusVi en Outeiro de Rei, nas aforas da cidade de Lugo, despois da detección de 99 novos casos de Covid-19 no centro. Segundo a Consellería de Sanidade, o cribado realizado nos últimos días, con 168 probas PCR, fixo aflorar 94 casos entre as persoas usuarias en cinco no persoal, que se engaden aos 54 detectados nos días previos e suman un total de 153 persoas afectadas. Varios dos usuarios están ingresados no hospital, e un deles faleceu. É o segundo centro intervido nos últimos 20 días polos brotes de Covid-19 despois da actuación iniciada o pasado 20 de agosto coa residencia do Incio, xestionado pola Fundación San Rosendo, onde xa faleceron 12 persoas. A cifra de persoas afectadas polo coronavirus neste centro é a maior en Galicia desde o comezo da crise, mesmo por riba da Nosa Señora da Esperanza de Ourense, que superou os 130 casos a mediados de abril.
Nun comunicado de prensa, a Xunta apunta que “tras avaliar a evolución epidemiolóxica do centro coas consellerías de Sanidade e Política Social, acordaron tomar esta decisión para garantir a calidade asistencial e a correcta protección da saúde dos residentes e traballadores do centro”. Os profesionais do Sergas desprazaranse ao centro para facer “un seguimento médico constante das persoas usuarias desta residencia e supervisarán a correcta aplicación dos protocolos aprobados pola Xunta de Galicia”.
20 mortes de residentes no último mes
Desde que o pasado 7 de agosto se producise a primeira morte por Covid-19 en Galicia en case dous meses, 44 persoas faleceron por mor da enfermidade, segundo os datos difundidos pola Consellería de Sanidade. Destes óbitos, 20 correspóndense con usuarios de residencias de maiores (5 nos propios centros e 15 en hospitais ou residencias integradas, a categoría á que pasan as residencias intervidas pola Xunta, como a do Incio). Outra das residencias máis afectadas, a de Orpea en Culleredo, rexistrou catro falecementos no propio centro, (o último deles este martes), e probablemente algún máis no hospital, por mor do coronavirus nas últimas semanas. Porén, nos comunicados oficiais non consta o número exacto, xa que só se detalla a orixe dos falecementos producidos nas propias residencias, non nas integradas nin nos hospitais.
Desde o comezo da crise faleceron en Galicia 294 persoas que residían nestes centros. Aínda que non se coñece o número concreto, as entidades que representan aos usuarios e ás súas familias estiman que na residencia DomusVi de San Lázaro, en Santiago, faleceron arredor de 50 persoas (sobre un terzo do total de usuarios), e nos centros da mesma empresa en Aldán (Cangas) e Barreiro (Vigo) superáronse os 20 óbitos en cada unha, cifra que tamén se manexa na residencia da Esperanza de Ourense, da Fundación San Rosendo.
Respecto aos falecementos por Covid-19 en Galicia, así foi a evolución no último mes:
Casos activos
Este mércores, despois das 173 curacións notificadas pola Consellería de Sanidade, Galicia conta con 4.230 casos activos, 13 menos ca onte, o que engadido ao falecemento dunha persoa constata 161 positivos máis engadidos á serie desde que comezou a pandemia, nun día no que se sumaron 2.658 probas PCR.
O indicador de casos activos que utiliza a Xunta de Galicia para informar sobre o número de persoas afectadas amosa un descenso da incidencia en case todas as áreas sanitarias, aínda que cómpre tamén ter en conta o alto número de novas altas respecto do total en áreas como Lugo, unha vez controlado o brote da Milagrosa, que afectaba en boa medida a xente nova que xa superou a infección.
Este mércores, o comité clínico da Xunta de Galicia revisará as medidas de contención decretadas na área metropolitana da Coruña, A Laracha, Carballo, Santa Comba, Santiago de Compostela, Ourense e Lugo, por mor da transmisión do virus.
Nos hospitais medra a ocupación por da Covid-19, con 22 persoas na UCI e 187 noutras unidades, por mor do agravamento dalgúns dos casos detectados nas últimas semanas. Porén, o 95% das persoas afectadas (4.021) están sendo atendidas no domicilio: