Así están os puntos vermellos da Covid-19 en Galicia

Algúns dos concellos afectados informan dos seus casos, mentres algúns focos preocupan polo impacto na poboación vulnerable

As novas medidas de control da pandemia da Covid-19 en Galicia anunciadas o mércores pola Xunta despois do aumento de casos en varios concellos supuxeron un paso atrás na chamada “nova normalidade”. As restricións do máximo de persoas en reunións, na capacidade de locais e na celebración de eventos públicos teñen por obxectivo frear a transmisión detectada en varias áreas da comunidade. Do mesmo xeito, ante a preocupación cidadá, algúns dos municipios, mais non todos, comunicaron públicamente o número de casos activos que lles transmitía a Consellería de Sanidade, que non informa nos seus partes diarios da situación a nivel municipal. Deste xeito é posible coñecer a incidencia acumulada en municipios como Carballo, A Laracha, Arteixo, Santa Comba ou Culleredo, que nos últimos días superan os 250 casos por cada 100.000 habitantes, por riba da media do territorio estatal (arredor dos 215 casos por cada 100.000 habitantes).

Áreas máis afectadas


O número de casos detectados, segundo explicaron desde a Consellería de Sanidade nas últimas semanas, é un dos principais indicadores para aumentar as restricións nalgunhas áreas concretas de Galicia. Máis non é un criterio único: é o exemplo de Monforte de Lemos, onde os positivos superaron os 100, mais a capacidade de rastrexar os contactos, vinculados en boa parte a unha mesma rúa,  permitiu un seguimento máis efectivo sen ter que decretar medidas especiais.

Así, na situación da comarca da Coruña ou, nos últimos días, na Laracha, Carballo ou Santa Comba, a orde do Diario Oficial de Galicia que regula as restricións expón unha situación epidemiolóxica “preocupante“, con previsión de que os casos “sigan aumentando” debido ás características de “alto risco” do gromo, pola incidencia, “o número de cadeas de transmisión e a porcentaxe de probas PCR positivas“, ao tratarse de municipios que teñen o papel de cabeceiras comarcais e, ao mesmo tempo, manteñen un estreito vínculo con cidades como A Coruña ou Santiago de Compostela.

Alén dos surtos de maior tamaño, que preocupan en maior medida e levaron a aumentar as medidas de contención, decenas de municipios rexistran brotes (considérase como tal calquera agrupación de tres ou máis casos nos que se puidera establecer un vínculo epidemiolóxico, excluíndo os que afectan a convivintes nun mesmo domicilio), que tamén están baixo seguimento das autoridades sanitarias. Nos últimos días destacan, entre outros, os asociados a festas celebradas na área de Vigo, con preto de 30 afectados, Lalín, con preto de 20, e outros de menor tamaño noutras vilas.

Máis incerteza hai nas cidades de Ourense, Santiago ou Lugo, onde os gobernos municipais non están a achegar cifras da situación concreta nos seus municipios. Con todo, segundo El Progreso, o Sergas dá conta de 278 positivos activos vinculados ao brote de Lugo, sobre todo no barrio da Milagrosa. Porén, a orde ditada pola Consellería de Sanidade xustifica as restricións tomadas o mércores pola análise de cada caso.

O gromo de Ourense, preocupante pola idade dos afectados

En Ourense, di a orde, “existe unha circunstancia preocupante, que a media de idade das persoas máis afectadas é superior á do resto de Galicia”, expoñendo que a maioría dos casos se localizan no termo municipal da capital, mais tamén está a medrar a taxa na comarca.

Gromo que “non está controlado” en Santiago

O surto detectado no Multiusos do Sar de Santiago, que xa supera os 30 casos, foi un dos factores que levou a decretar as restricións na capital de Galicia. Sanidade explica que “a circunstancia de que acoden persoas diseminadas por toda a cidade fai que o gromo teña moita capacidade para expandir a transmisión do virus. A transmisión detectada neste complexo deportivo levou a obrigar ao uso de máscara na “práctica de actividade física e deportiva de forma individual ou en grupo” nestes espazos, unha medida que Sanidade contempla estender a toda Galicia.

Alén disto, existe un gromo que “non está controlado”, cunha taxa de positividade elevada no grupo de idade de 20 a 24 anos, e que representa “potencialmente de alto risco” debido ás “múltiples cadeas de transmisión e unha alta porcentaxe de probas PCR positivas entre os contactos estreitos dos casos detectados”.

Mantemento das medidas en Lugo

O Concello de Lugo, xunto ao de Arteixo, mantense desde o 28 de agosto con medidas máis estritas no barrio da Milagrosa. Neste caso, Sanidade xustifica a prolongación das medidas en que “a porcentaxe de positividade en diferentes grupos de idade amosa a extensión do gromo en diferentes cohortes de idade e, polo tanto, en distintos grupos poboacionais”, tendo en conta que, “no conxunto da comarca, o número instantáneo reprodutivo indica que o gromo non está controlado“. No barrio máis afectado, as limitacións son máis estritas no ámbito territorial delimitado pola Avenida da Coruña e as rúas Pintor Tino Grandío, Camiño Real, Mar Cantábrico e Angelo Colocci, onde as reunións se limitan a cinco persoas.

Arteixo, A Coruña, Cambre, Culleredo e Oleiros

Do mesmo xeito que en Lugo, cinco municipios da área da Coruña manteñen as restricións xa vixentes desde o 7 de agosto. As medidas de Arteixo son as máis estritas por mor da das taxas “especialmente altas”, o que obrigou a incrementalas a finais de agosto, aínda que a orde apunta a que a incidencia segue a ser alta na Coruña e Culleredo. Oleiros e Cambre, pola súa estreita vinculación coa cidade, manteñen as medidas, que se levantaron en Abegondo, Bergondo, Carral e Sada pola súa “boa evolución”.

Na área da Coruña, Sanidade indica que “seguen a manterse as taxas máis altas nas idades dende os 15 anos e nas intermedias da vida” e, “igualmente, a taxa nas persoas de 0 a 14 anos tamén é salientable“.

Aumento dos falecementos

Por outra banda, na situación xeral de Galicia, un dos indicadores preocupantes da pandemia dos últimos días é o aumento de falecementos, con 21 mortes na última semana e 37 desde o 7 de agosto. O brote na residencia do Incio causou xa o falecemento de 12 usuarios, e mantéñense como casos activos 84 residentes e 34 traballadores, nalgúns casos hospitalizados. En total, desde o comezo da crise morreron 656 persoas, 289 delas residentes de centros de maiores.

Outras dúas residencias do grupo DomusVi en Lugo e Lalín rexistran focos: hai 51 positivos activos na capital lucense e oito na do Deza. E o outro brote relevante está na residencia Orpea de Culleredo, onde faleceron tamén algúns usuarios nos últimos días, con 29 residentes e cinco traballadores afectados.

No conxunto de Galicia sumáronse nas últimas horas máis de 250 casos despois de rexistrarse o día con máis probas PCR realizadas: 5.223. Súmanse 161 persoas curadas. Hai 4.082 activos. A maioría (3.896) están illados no domicilio, 15 na UCI e 171 nas plantas dos hospitais. Así está sendo a evolución da pandemia en atención a distintos indicadores:

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.