Un cinto de carballos e castiñeiros para protexer os petróglifos en Galicia

Un estudo propón que a normativa de patrimonio garanta a protección da arte parietal con cordóns de árbores frondosas autóctonas

O incendio de Chandebrito foi un dos que fica na memoria da vaga que arrasou Galicia en 2017. A situación de risco para esta localidade de Nigrán, onde faleceron dúas persoas, marcou aquela fatídica noite de outubro, e arrasou centos de hectáreas ás portas de Vigo. O impacto foi tamén notable en numerosos elementos patrimoniais da zona, como os petróglifos. Os de San Salvador de Coruxo, tamén afectados por este incendio, foron o obxecto do estudo de científicos das tres universidades galegas, que recolleron recentemente a revista Science of the Total Environment. A investigación achégase ao impacto dos incendios forestais nestes motivos rupestres a través da vexetación situada arredor deles. “Era un lugar moi acaído, porque contabamos con tres tipos de vexetación diferenciada e un único tipo de granito que nos permitía desenvolver o estudo”, explica Iago Pozo, investigador do Departamento de Enxeñaría de Recursos Naturais e Medioambiente da Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía da Universidade de Vigo e primeiro autor do traballo.

Vista do terreo calcinado arredor dos petróglifos de Pedra Moura. Foto cedida por Iago Pozo.
Vista do terreo calcinado arredor dos petróglifos de Pedra Moura. Foto cedida por Iago Pozo.

“Por unha banda, había unha zona de frondosas autóctonas, principalmente carballos; noutra área había especies exóticas, como o Eucalyptus globulus e o Pinus Pinaster, e outra zona de mato, con xestas e toxos. Como non podiamos traballar directamente sobre os petróglifos para non danalos, tomamos mostras de rochas graníticas coa mesma mineraloxía e textura, en zonas próximas, e expostas aos efectos do lume nos tres tipos de masa forestal”, explica Pozo. O equipo contaba tamén con expertos en Xeoloxía, Botánica, Edafoloxía ou Química das universidades de Santiago (Patricia Sanmartín e Miguel Serrano), A Coruña (Jorge Sanjurjo), do Instituto de Recursos Naturales e Agrobiología de Sevilla, do CSIC (José María de la Rosa) e do Laboratorio Hércules da Universidade de Évora (Ana Zélia Miller) en Portugal.

Publicidade

Distintos graos de impacto

Para as análises, os científicos recolleron a borralla depositada nas rochas en función da vexetación afectada polo lume. “Na área de frondosas, a borralla conservaba materia orgánica, como lignina, lípidos e carbohidratos, e as árbores aparecían menos danadas, mentres que nas zonas de especies foráneas  e de mato a combustión era practicamente completa, sen conservarse materia orgánica”, apunta Pozo. Do mesmo xeito, as rochas presentaron nestes últimos casos un lixeiro incremento de fisuras e fracturas producidas polo incendio, e a borralla chegaba a infiltrarse nas fisuras.  Ademais, detectouse nalgúns casos unha alteración química da rocha, con tons avermellados debido á oxidación dalgúns minerais das rochas graníticas que son ricos en ferro.

Mostras de granito tomadas en áreas de carballos (esquerda) e de eucaliptos e piñeiros (dereita). Imaxe cedida por Iago Pozo.
Mostras de granito tomadas en áreas de carballos (esquerda) e de eucaliptos e piñeiros (dereita). Imaxe cedida por Iago Pozo.

Os resultados, aínda que preliminares, levaron aos investigadores á expoñer a proposta de que os enclaves de arte rupestre estean protexidos por un cinto de frondosas. “Se hai un cordón de carballos ou castiñeiros arredor destes lugares, van a funcionar como un parapeto para o lume. Ademais de frear o avance do incendio, van a protexer mellor o posible dano nestas estacións”, expón Iago Pozo. O investigador engade que estes cintos de protección deberían estenderse non só á arte rupestre, senón tamén “a outros elementos de patrimonio arquitectónico, edificios e demais infraestruturas”. Neste mesmo sentido, a investigadora Patricia Sanmartín apunta que se podería trasladar a proposta á lei sobre conservación do patrimonio, co obxectivo de mellorar a protección destes bens.

Publicidade

Para Pozo, estas iniciativas son un importante punto de partida cara a unha maior concienciación do abundante patrimonio rupestre que existe en Galicia. “Temos miles de petróglifos catalogados, e estímase que hai outros tantos que aínda non se coñecen, posiblemente cubertos por vexetación e terra”. O mesmo acontece con outras mostras de arte prehistórico, como os dólmenes. Este mesmo verán, en Toén, un incendio destapou un túmulo na parroquia de Moreiras.

Segundo insiste Iago Pozo, “hai que facer un esforzo importante por rexistrar estes elementos e desenvolver accións de conservación. Se acondicionamos estes espazos, é máis fácil que a sociedade sexa consciente do gran valor patrimonial que teñen. Son parte da nosa historia, e pode que algúns desaparezan sen que nin tan sequera souberamos que existían”.


Referencia: Impact of wildfire on granite outcrops in archaeological sites surrounded by different types of vegetation (Publicado en Science of the Total Environment).

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

As pinturas rupestres máis antigas do mundo teñen 50.000 anos e atópanse en Indonesia

Un debuxo de figuras humanas que interactúan cun porco salvaxe foi descuberto na illa de Sulawesi

Galicia e Portugal compartían no Paleolítico un corpus artístico que revela nexos culturais

Dúas investigacións descobren os paralelismos existentes entre representacións de máis de 9.000 anos de antigüidade en Cova Eirós e o val do Côa

Laxe dos Bolos, un petróglifo referente da arte rupestre en Galicia

Un libro recolle o traballo arqueolóxico coordinado por Elena Cabrejas Domínguez, arqueóloga do Instituto de Ciencias do Patrimonio

Tres turistas entran en Cova Eirós e provocan un incendio de 5.000 metros no monte

É o xacemento de arte rupestre máis antigo de Galicia, que logrou salvarse grazas á colaboración dos veciños que deron a alerta do lume